O Concello do Porriño e a Deputación asinan un convenio por un importe de 800.000€ para levar adiante a actuación no módulo de atletismo que ten un coste de 1.000.000€

Carmela Silva asinou está mañá 21 convenios cos alcaldes e alcaldesas da provincia dos 25 concellos que disporán de 15 millóns de euros para obras singulares dentro do Plan de reequilibrio territorial do ente provincial.

A presidenta da Deputación subliñou a “celeridade” da administración provincial para  poñer a disposición dos concellos estes fondos e a dos concellos en aprobar os seus proxectos que permitirán que os entes locais podan, de maneira inmediata, licitar as obras incluídas neste plan.

No caso do Porriño, a Deputación de Pontevedra achegará 800.000€, como sinala o convenio asinado pola alcaldesa, Eva García de la Torre, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, para levar a cabo a actuación no módulo de atletismo, cuxo custe total é de 1.000.000€.

@festivaldecans abre a convocatoria de obras a concurso para a súa XV edición

O Festival de Cans, que celebrará a súa XV edición  do 23 ao 26 de maio de 2018, abriu este martes, díia 26 de decembro, a súa convocatoria de obras a concurso que, sinalan dende a organización “presentará moitas novidades con respecto á edición anterior”.

Entre as pezas que se poderán presentar, que deberán de ser de produción galega e realizadas entre 2017 e 2018, atópanse as curtametraxes de ficción e de animación, así como os videoclips como ven sendo habitual, pero sumarase unha sección novidosa á competición con respecto ao ano anterior.

Será a sección “Furacáns”, centrada nas obras de non- ficción e que buscará visibilizar as curtametraxes de creadoras e creadores que asuman maiores riscos narrativos. Esta sección xa foi testada con enorme éxito de público na pasada edición, aínda que foi programada a partir de invitacións cursadas directamente polo festival a directoras e directores. Este ano, a sección será por vez primeira competitiva, e terá un premio de 1.000€ , que otorgará un xurado específico creado para avaliar estas obras.

En total serán 7.900€ os que o Festival de Cans repartirá entre as obras premiadas, buscando impulsar a creación das novas e novos creadores audiovisuais de Galicia. Ademáis da categoría “Furacáns”, o festival otorgará entre os seus premios principais 2.000€ á mellor curtametraxe de ficción, 1.500€  ó premio do público e 1.500€ á mellor curtametraxe de animación. A maiores recibirán premios económicos ata completar a cantidade final, as categorías de videoclips e as de mellor realización, mellor guión, mellor interpretación femenina e mellor interpretación masculina. As bases completas do concurso e os premios en cada categoría poden consultarse na web www.festivaldecans.gal.

Outra novidade é que por vez primeira, o Festival de Cans habilitará na súa web un apartado para poder inscribir de xeito gratuíto as obras. Tamén segue manténdose a opción da plataforma www.festhome.com, para quen desexe facelo a través desta vía, cun prezo de 2 euros por cada obra inscrita. O Festival de Cans abre a porta a que creadoras e creadores inscriban libremente obras como documentais e mesmo longametraxes, webseries ou outros formatos, dándolle preferencia na selección a aquelas obras que non fosen estreadas polo momento en Galicia. En base ao material recibido, o Festival de Cans decidirá a incorporación de novas seccións paralelas que poidan enriquecer a programación do festival.

Empezaron os Campamentos de Nadal no Porriño

Preto de 40 nenas e nenos porriñeses, de entre 5 e 12 anos de idade, participan dende este venres, 22 de decembro, e ata o vindeiro 4 de xaneiro, no ‘Campamento de Nadal’, organizado polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade que dirixe Soledad Girón, e co-financiado pola Deputación de Pontevedra.

O obxectivo do mesmo, coma lembra a concelleira, é o “facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños”, o mesmo que os que se organizan no verán e, ao mesmo tempo, permitir o entretemento das cativas e cativos nestas datas, coa súa participación en actividades de lecer, coma xogos, a elaboración dun mural sobre o Nadal ou, coma no primeiro día, recibir a visita de Papá Noel.

A alcaldesa expón, polo miúdo, nunha reunión coa Xunta as medidas que tomou o Goberno local en relación coa contaminación por lindano e obtén o compromiso de que seguirán as catas e análises por parte da administración galega

Eva García de la Torre expuxo, polo miúdo, aos representantes das consellerías de Medio Ambiente e Sanidade e aos técnicos das mesmas, as medidas que adoptara o Goberno Municipal do Porriño para afrontar a contaminación por lindano no barrio do Contrasto, na parroquia de Torneiros.
A alcaldesa repasou, durante a xuntanza mantida este xoves na delegación da Xunta en Vigo, a información que o Concello remitirá á Administración autonómica, de xeito “puntual e ao pormenor”, nas pasadas semanas: a comunicación constante cos veciños, o subministro de auga dende o día 1, primeiro para poder beber e cociñar e, de contado, a colocación de depósitos e motores para levar a auga ás casas para o aseo persoal e, finalmente, o pasado mes de novembro, o proxecto, impulsado polo Concello do Porriño por medio do Consorcio de Augas do Louro, para conectar todas as casas do Contrasto coa rede Municipal de Abastecemento.
Pola súa banda, indica García de la Torre, a Xunta comprometeuse a seguir coas catas en toda a zona para delimitar a incidencia do lindano, un traballo que se realizará “en colaboración co Concello” e que permitirá ter, no mes de marzo, un ‘mapa’ do seu impacto.
Así mesmo, seguirán, de xeito regular e constante, as análises para saber, ao momento, cal é exactamente o estado do terreo, dos pozos que -como reitera a alcaldesa, o Concello non ten competencia para pechar, algo que está na man da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil- e do aire, así coma o seu posible impacto na saúde das veciñas e veciños.
Eva García de la Torre, quen reiterou que non se debe de consumir a auga dos pozos,subliña, que “non hai xa exposición directa ao lindano”, logo de que os obras fosen tapadas e se procedese ao asfaltado e que, “non hai perigo para a saúde”.
Isto non quere dicir, “en modo algún”, subliña a alcaldesa, “que non sigamos vixiantes”, os controis, as analíticas, a toma de mostras e as catas, seguen a facerse constantemente e agarda que as obras para conectar todas as casas á traída municipal podan iniciarse o mes de xaneiro, “en superficie” para evitar todo risco.

O persoal da empresa porriñesa Maderas Iglesias mobilizarase en Santiago en defensa da continuidade da empresa

O cadro de persoal da Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en situación crítica, trasladará a Santiago as mobilizacións en defensa da continuidade da compañía.

O comité convocou unha xornada de folga o vindeiro xoves, día 28, para que todos os traballadores poidan participar nas concentracións previstas ese día diante do Parlamento de Galicia e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Un grupo de alcaldes das comarcas da Louriña e do Condado acompañarán as empregados a Compostela para apoiar as súas reivindicacións, conscientes de que se trata dunha compañía estratéxica para a zona e da que dependen centos de familias.

Está previsto que ese día a representación do cadro de persoal manteña xuntanzas no Parlamento cos distintos grupos políticos a partir das 10 e media da mañá, mentres que os traballadores permanecerán concentrados ás portas do edificio.

Posteriormente, por volta das 12:30 horas, trasladaranse até a sede do Igape -onde tamén desenvolverán unha protesta- para manter unha reunión cos seus responsábeis co obxectivo de buscar unha solución que garanta a viabilidade da empresa.

Dende o comité anuncian que o vindeiro 12 de xaneiro foron convocados a unha xuntanza coa empresa para comunicarlles os nomes das 140 empregados ás que lles aplicarán o ERE extintivo.

“A partir de aí abrirán unha negociación até o 25 de febreiro, data na que presentarían formalmente o ERE”. Con todo, a intención do comité e paralizar esta medida e lograr a viabilidade dunha compañía que emprega na actualidade a 250 persoas, das que o 85% son mulleres.

Concentración este sábado no Porriño para esixir un médico máis e a mellora urxente do Servizo de Pediatría do Centro de Saúde

Integrantes do Goberno local sumáronse este sábado, día 23, á concentración convocados por ducias de veciñas e veciños para esixir, de novo e como veñen facendo dende hai semanas, un pediatra máis e a mellora do servizo de Pediatría do Centro de Saúde do Porriño, amais da mellora dos servizos sanitarios.

A xuízo do Goberno local esta situación é a proba incontestábel de que á Consellería de Sanidade non lle interesan os porriñeses e os considera cidadáns de segunda.

A promesa, publicitada en xuño de 2015, de facer un novo centro de saúde, anunciado polo anterior alcalde, do Partido Popular e a, daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, coa cesión dos terreos por parte do Concello para edificar neles o mesmo, quedou en nada.

Sanidade tampouco atendeu as demandas feitas, ao inicio do verán,dende o Concello e polos propios usuarios do centro de saúde, de que axeitase as súas instalación, polo cal houbo enfermos que mesmo sufrían mareos e esvaídos a causa da calor que achegábase aos 40 graos.

Así mesmo, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ignorou por completo a petición, aprobada polo Pleno do Concello do Porriño en xuño deste mesmo ano, dunha entrevista coa alcaldesa e cos representantes dos grupos municipais para que expuxesen as carencias e as necesidades urxentes dun Centro de Saúde que atendeu os primeiros seis meses deste ano a máis de 100.000 doentes veciños de Mos, Salceda e O Porriño.

‘Motivación’, primeiro dos cursos do ‘Plan de Inclusión Social da Poboación Xitana’ organizado no período formativo 2017-2018 pola Concellería de Benestar Social

16 persoas, integrantes do ‘Colectivo Machado’, acudiron ao curso de ‘Motivación’, impartido no Centro Multiusos Municipal de Torneiros no que é o primeiro dos cursos do período formativo 2017-2018 do ‘Plan de Inclusión Social da Poboación Xitana’.

O curso, organizado pola Concellería de Benestar Social, que dirixe Soledad Girón, e financiado con Fondos Europeos, é o primeiro dos programados nos que haberá tamén formación en Vivenda e Perruquería, ademais de clases de Apoio Escolar e Alfabetización de Adultos.

O obxectivo dos mesmos, sinala a concelleira, é a “normalización das condicións de vida das xitanas e xitanos pertencentes a este colectivo, de orixe portugués, fomentando a integración a muller xitana e a igualdade de oportunidades”.

#PorriñoSolidario Podes axudar a outras persoas doando sangue

Unha unidade móvil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) desprazarase ata O Porriño os días 26 e 27 deste mes de decembro e estará de 10:00 ás 14:30 horas e de 16:00 ás 21:00 horas diante da Cafetería ‘Scala’, na rúa Domingo Bueno.

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

A alcaldesa esixirá este xoves, nunha reunión con técnicos e representantes políticos da Xunta que “asuman a súa responsabilidade na solución do grave problema da contaminación por lindano”

A alcaldesa, Eva García de la Torre, manterá este xoves, día 21, ao mediodía, na delegación da Xunta en Vigo, unha xuntanza con ata once técnicos e representantes políticos do Goberno de Galicia para tratar sobre as actuacións que se puxeron en marcha dende que se detectara a presenza de lindano no barrio do Contrasto, na parroquia de Torneiros.

García de la Torre, quen exporá polo miúdo as medidas que ten impulsado o Concello do Porriño, esixirá, aos representantes da Administración galega que “asuman a súa responsabilidade”, lembrándolles que “é a Xunta de Galicia a que ten que facer as análises, e  quen ten que proporcionar ao Concello os medios económicos e materiais para afrontar esta situación”.

Onte, a alcaldesa estivo reunida cos voceiros dos grupos municipais e con afectados, logo da creación da Comisión Municipal de Seguimento do Lindano, no que a propia rexedora cualificou de un encontro “tenso”, no que os veciños presentaron as súas queixas pola descordinación na información das analíticas facilitadas pola Xunta, unha información que entenden que é contraditoria.

García de la Torre volve a instar aos conselleiros de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a que “reciban á alcaldesa do Porriño e presenten, de xeito prioritario e urxente, as súas proposicións e iniciativas para afrontar este grave problema”.

“Xa esta ben de que abandonen as súas obrigas e tenten desentenderse delas rebotándoas ao Concello que é a administración que menos posibilidades técnicas e económicas ten para afrontar unha circunstancia desta gravidade ”,engade a alcaldesa.

O Concello do Porriño pon en marcha unha mesa de coordinación interna de cara a elaboración do plan de infancia

A mesma pretende establecer un mecanismo de coordinación interna do Goberno Local, que terá como primeira tarefa participar do diagnóstico da infancia e adolescencia do concello, que se está a realizar, e no que se recollerá información sobre a situación da poboación de 0-18 anos do municipio.

Trátase dun proceso participativo, que pretende reforzar o compromiso deste concello coas políticas a favor da infancia, e contribuír a elaboración do futuro plan de infancia que establecerá as transformacións necesarias para facer de Porriño un concello no que os nenos e nenas sexan protagonistas principais.

Nesta primeira xuntanza participaron tanto persoal técnico, como político en representación das distintas áreas municipais, xa que tal como indicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Xuventude, e promotora da iniciativa, “unicamente coa implicación de todas as áreas poderemos deseñar as actuacións necesarias para facer deste concello un referente en materia de protección dos dereitos da infancia e da adolescencia”.

Moure quixo aproveitar para recordar que está en funcionamento unha conta de correo electrónico propostas.infancia.adolescencia@oporrino.org a que tanto nenos, nenas e adolescentes como adultos, poden enviar as súas aportacións e/ou suxestións de cara a elaboración deste futuro plan de infancia.