Publicada a listaxe de admitidos no Campamento Dixital: 1ª Quenda

 

Xa está dispoñible a listaxe de nenos e nenas de entre 9 e 13 anos admitidos no Campamento Dixital. Esta primeira quenda terá lugar os días 3, 4 e 5 de marzo de 2025, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Multiusos de Torneiros.

Lembramos que a asistencia a todas as sesións é obrigatoria para obter o Certificado de Competencia Dixital, un documento que acredita os coñecementos adquiridos ao longo desta experiencia formativa.

Información importante para as familias:
• Só poderán entregar e recoller aos participantes as persoas indicadas na solicitude de inscrición.
• En caso de que, por unha causa excepcional, outra persoa teña que facelo, esta deberá ser maior de idade e achegar ao equipo do campamento:
o Unha autorización asinada pola persoa responsable.
o Copia do DNI da persoa que autoriza e da que vai recoller ao menor.

Listaxe de admitidos

A Concellería de Igualdade agradece a colaboración das familias e anima a todos os nenos e nenas admitidos a participar con ilusión e curiosidade, aproveitando esta oportunidade para descubrir o mundo dixital dunha forma divertida, educativa e segura.

 

O Concello do Porriño licita por 300.000 euros a pavimentación de camiños en distintas parroquias

 

O Concello de Porriño vén de sacar a licitación esta mesma semana a contratación da obra de repavimentación dunha decena de camiños localizados en distintas parroquias cun orzamento base de 302.106,32 euros.

Os traballos suporán unha mellora da seguridade viaria en tódolos tramos nos que se actúe e divídense en dous lotes, por unha parte agrúpanse cinco camiños en Budiño, nos barrios de Mantelle, Vacaría, A Chan, O Casal e Cerquido, e, por outra, actuarase na mellora doutros cinco viarios municipais en Torneiros e Pontellas. Todos eles presentan na actualidade deterioro en diferentes puntos, sendo as fisuras, fochancas, reposicións de gabias e degradación xeral da capa de rodadura os problemas máis característicos destacados en ambos proxectos.

Este é un máis dos varios proxectos que ten levado e seguirá levando a cabo o goberno local centrado na mellora dos numerosos viarios municipais existentes, tanto no centro urbano como, sobre todo, na zona rural das diferentes parroquias. O alcalde Alejandro Lorenzo mantense na premisa sostida dende o inicio do seu mandato e fai fincapé en que “é moi importante que a veciñanza que paga os seus impostos teña cubertos os servizos básicos e esenciais como pode ser o saneamento, a recollida do lixo e tamén este de mantemento das infraestruturas viarias. Sempre o foi e seguirá sendo unha das nosas prioridades ao fronte do goberno municipal”, remarca o rexedor local.

O orzamento base de licitación do primeiro lote é de 124.820,05 euros e o prazo de execución da obra é de catro meses. “As actuacións nos cinco camiños da parroquia de Budiño suman unha lonxitude de 1.255 metros e, entre outros acometidos, ademais da propia reparación da superficie, fresando o firme e estendendo un novo pavimento, realizaranse tamén labores de limpeza e desbroce das marxes e contémplase o subministro e colocación de reposición de redes de pluviais existentes”, sinala o concelleiro de Vías, Obras e Servizos, Ramón Porto.

No caso do segundo lote o orzamento base de licitación ascende a 177.286,27 euros e establécese un prazo de execución dos traballos de oitos semanas. “O obxectivo principal é igualmente a mellora do firme cun novo asfaltado, neste caso tamén de cinco camiños que discorren polas parroquias de Pontellas e Torneiros”, explica Porto. Levaranse acabo actuacións previas de limpeza e desbroce, movementos de terras, rehabilitación de firmes e pavimentos, traballos de drenaxe, colocación da sinalización horizontal e nalgún caso incluso a execución dun tramo de beirarrúa e ampliación de zona destinada ao estacionamento de vehículos.

Todas estas actuacións están financiadas polo Plan de Obras e Servizos de competencia municipal, o Plan + Provincia 2024, da Deputación de Pontevedra.

 

Nova edición do Obradoiro de Crecemento persoal para mulleres no Porriño

 

O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición para participar no Obradoiro de Crecemento Persoal para Mulleres, unha iniciativa que busca dotar ás mulleres das ferramentas necesarias para mellorar a xestión das súas emocións, fortalecer as súas habilidades de comunicación, marcar obxectivos alcanzables e incorporar prácticas de autocoidado que contribúan a mellorar o seu benestar persoal. O obxectivo é que cada participante se sinta protagonista da súa propia historia de vida.

O obradoiro desenvolverase no Edificio Multiusos de Torneiros e terá lugar os días 18 e 25 de marzo e o 1 de abril, en horario de mañá.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a importancia deste tipo de programas: “Dende o Concello seguimos apostando por iniciativas que promovan o benestar e o empoderamento das mulleres, facilitando espazos onde se poidan traballar emocións, habilidades e fortalezas persoais. Este obradoiro é unha mostra máis do noso compromiso coas políticas de igualdade e co apoio directo ás veciñas do Porriño.”

As persoas interesadas poderán inscribirse presentando unha instancia xeral no rexistro do Concello do Porriño, entre o 28 de febreiro e o 13 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Para máis información, pódese acudir ao CIM do Concello do Porriño, situado no terceiro andar da Casa do Concello, ou contactar a través do teléfono 986 33 50 00 (Extensión 257).

Esta actividade está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o que reflicte tamén a aposta clara do Concello por reforzar accións que contribúan á prevención da violencia de xénero e ao fomento da igualdade real e efectiva.

 

 

Aviso importante – Festas de Entroido 2025: Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento para o 1 de marzo

 

O 1 de marzo, con motivo das festas do Entroido, haberá cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento nas seguintes zonas para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da celebración:

De 12:00 a 18:00 h.:

  • Corte de tráfico e prohibición de estacionamento na Rúa Xogo da Ola.

A partir das 15:00 h.:

  • Corte de tráfico e prohibición de estacionamento nas seguintes rúas:
    • Rúa Doantes de Sangue
    • Rúa Antonio Palacios (ata a Gulpilleira)
    • Rúa Domingo Bueno (ata a Fonte dos Ciclistas)
    • Praza de Fidenciano Palacín (con Manuel Rodríguez)
    • Rúa Ramiranes

Lembranza: Respectemos as indicacións de tráfico para garantir a seguridade de todos e para gozar ao máximo das Festas de Entroido

Todo listo para o Campamento de Entroido!

 

O Campamento de Entroido, organizado pola Concellería e dirixido aos máis pequenos e pequenas da casa, celebrarase os días 3, 4 e 5 de marzo nas instalacións do CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López, en horario de 8:30 a 14:30 h.

Compartimos a listaxe de admitidos. Lembramos que o lugar de entrega e recollida dos e das participantes será na porta principal do centro.

LISTAXE DE ADMITIDOS

Os rapaces e rapazas deberán levar roupa e calzado cómodos, unha mochila con calzado de reposto, merenda e auga. Ademais, dado que celebramos o Entroido, poden traer o seu disfrace! No caso de precisar algunha vestimenta especial para as actividades, os monitores comunicarano con antelación.

As únicas persoas autorizadas para entregar e recoller aos nenos e nenas serán as que presentaron a solicitude. Se outra persoa debe facelo, deberá ser maior de idade e entregar aos monitores a autorización correspondente asinada, xunto co DNI da persoa que autoriza e tamén o da autorizada.

AUTORIZACIÓN DE ENTREGA E RECOLLIDA

Estamos preparados para tres días de xogos, diversión e moita festa de Entroido! 

O Conselleiro de Emprego visita O Porriño para coñecer os programas de formación e emprego en execución

 

  • A colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros, mellorará a capacitación de máis de 500 persoas, favorecendo a súa inserción laboral.
  • Destacáronse dous proxectos en marcha: un de formación en albanelería e carpintería para mozos e outro en albanelería e pintura para desempregados en xeral.

O Multiusos de Torneiros acolleu hoxe a visita do Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, co obxectivo de coñecer de primeira man os programas mixtos de emprego e formación que se están a desenvolver no Concello do Porriño grazas ao financiamento da Xunta de Galicia. O acto contou coa participación do Alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, da Concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas Táboas, así como doutros representantes institucionais, empresarios locais e o propio alumnado – traballador dos programas.

Exposición dos Proxectos en Marcha

Durante o evento, o equipo técnico dos proxectos realizou unha exposición sobre as iniciativas en marcha, detallando as actividades teórico-prácticas nas que participa o alumnado -traballador.

Actualmente, están en execución dous programas mixtos de formación e emprego. Un deles é o programa de emprego “O Noso Encontro co Emprego”, dirixido a persoas menores de 30 anos inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Este programa, que se desenvolverá ao longo de 12 meses, conta cunha subvención de 438.603,20 euros e está orientado á formación en albanelería de urbanización e carpintería de madeira, proporcionando aos participantes a oportunidade de mellorar as súas competencias profesionais e ampliar as súas perspectivas laborais. A través do mesmo, o alumnado-traballador realizará traballos de carpintería para a reparación de tres pasarelas de madeira no Paseo do Louro, substituíndo as pezas degradadas por novos elementos, así como labores de albanelería de urbanización na renovación das beirarrúas da Rúa Paralela 3 do Polígono Industrial de A Granxa.

O Alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou que “Estes proxectos non só melloran a empregabilidade dos participantes ao ofrecer formación especializada en sectores altamente demandados polo tecido empresarial, senón que tamén contribúen ao desenvolvemento económico do noso municipio, e á vez melloran a infraestrutura local”

Por outra banda, o Obradoiro Dual de Emprego “O Porriño Humaniza”, dirixido a desempregados interesados en mellorar a súa capacitación en albanelería de urbanización e traballos de pintura, conta cun financiamento de 411.928,00 euros por parte da Xunta de Galicia. Ao longo de 9 meses, o alumnado-traballador levará a cabo tarefas como a renovación das beirarrúas na avenida principal do Polígono Industrial de A Granxa, así como traballos de albanelaría e pintura no Multiusos de Torneiros, no Centro Cultural Municipal, na Casa Consistorial e en varias rúas do centro urbano e do Polígono Residencial de Torneiros.

A Concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas Táboas, puxo en valor o esforzo do alumnado e do persoal docente, sinalando que “A formación que estades a recibir hoxe é o primeiro paso cara a un futuro mellor, cheo de novas oportunidades que vos permitirán medrar profesionalmente”.

Outras políticas activas de emprego

Estes programas, xunto con outras políticas activas de emprego que a Xunta de Galicia está a desenvolver en colaboración co Concello do Porriño, supoñen un investimento superior aos 1.250.000 euros por parte da Xunta, cunha aportación do Concello que supera os 300.000 euros. Grazas a esta colaboración, máis de 500 persoas mellorarán as súas oportunidades de inserción laboral, adquirindo novas competencias que lles permitirán acceder a un emprego de calidade. O Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia con este tipo de programas, destacando que “o noso obxectivo é ofrecer ferramentas reais para que as persoas en situación de desemprego poidan mellorar a súa capacitación e atopar un posto de traballo”.

Desde o Concello do Porriño destácase a vontade de seguir traballando man a man coa Xunta de Galicia para continuar impulsando iniciativas que fomenten a formación e o emprego, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e social do municipio.

Henry Méndez e París de Noia poñen a nota musical ao entroido do Porriño

 

“Rayos de sol”, “Noche de estrellas”, “Mi Reina” e unha versión da popular canción “El tiburón” serán algúns dos temas que soarán o vindeiro sábado no Porriño intepretados polo cantante, compositor e produtor dominicano, Henry Méndez. O artista actuará o primeiro dos días do Entroido formando parte dun programa que vén de presentar esta mesma mañá o goberno local e que abrangue cinco xornadas cheas de moita música, desfiles, obradoiros e animación que encherán de moita diversión as rúas da vila.

Acompañados dun grupo de escolares, os grandes protagonistas do Entroido 2025 no Porriño por seren os encargados de ler o pregón, o alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Cultura Bienvenido Estévez deron a coñecer con detalle toda a programación que se desenvolverá do sábado 1 ao mércores 5 de marzo. “Celebraranse concertos, espectáculos e actividades pensadas para todos os públicos, onde non faltarán os xa tradicionais desfiles, dos que participarán 27 comparsas cunha comitiva integrada por máis de 2.200 persoas”, sinala o rexedor remarcando que “sen dúbida o deste ano será o máis multitudinario da historia do noso Concello e de toda a comarca, polo que animamos a toda a veciñanza e a xente de fóra a que se achegue ao Porriño e desfrute e participe destas xornadas festivas”.

O pregón dará o pistoletazo de saída, o sábado 1

O sábado 1 de marzo as charangas Vai de Baile e Noroeste, xunto cos xigantes e cabezudos animarán as rúas do centro da vila dende o mediodía. Será ás 13.00 horas cando teña lugar a lectura do pregón a cargo de Carla Marques Vaquero, alumna de 4º da ESO do Colexio Santo Tomás, gañadora do concurso de carteis de entroido convocado polo Concello, que estará acompañada polo resto de escolares clasificados nas diferentes categorías, rapaces de entre 6 e 17 anos.

Pola tarde haberá un obradoiro infantil e volverá un histórico, o Xogo da Ola, que celebra neste 2025 a súa 81 edición. A música de charanga amenizará a festa ata o inicio do primeiro dos desfiles, que será ás 18.30 horas con saída dende o pavillón e remate na praza Central. A Batucada Bate no Cobre e as charangas SDK e Vai de Baile acompañarán á comitiva.

Xa pola noite e para rematar a xornada, na praza Arquitecto Antonio Palacios, concertos de Gin Toni’s, Henry Méndez e Samu Pexe.

París de Noia, o domingo 2

A tarde da xornada dominical está pensada para a cativada. De 17.00 a 20.00 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios, festa infantil con inchables e obradoiros de temática do Entroido.

Ao serán, a partir das 19.00 horas, actuación da orquestra París de Noia.

Obradoiro infantil, o luns 3

Para o luns, ao igual que para o martes e mércores, xornadas non lectivas nos centros escolares, o Concello do Porriño organizou un campamento en horario de mañá coa finalidade de axudar ás familias a conciliar. Ademais, o luns ás 17.00 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios, haberá de novo un obradoiro infantil.

Desfile do martes de Entroido

O martes de entroido comeza coa animación de rúa a cargo das charangas Imperiais e Fanfarria Furruxa, de 12.00 a 14.00 horas. Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, novo desfile de comparsas, nesta ocasión amenizado pola Batucada Lenha Verde e as charangas Imperiais e Cantos Somos.

Enterro da sardiña, mércores de cinza

Como é de costume, no Porriño despedirase o entroido co Enterro da Sardiña o mércores de cinza. O velorio dará comezo ás 17.00 horas no Círculo Recreativo Cultural, dende onde, unha hora máis tarde, partirá a comitiva fúnebre, acompañada polas charangas Fanfarria Farruxa e Noroeste. Chegada esta á praza Arquitecto Antonio Palacios, sobre as 19.00 horas, procederase á lectura do testamento, tralo cal terá lugar o pasarrúas “Les Tambours de Feu”, da compañía Deabru Beltzak, para finalmente continuar coa sardiña ata a ponte do Valo sobre río Louro, percorrido amenizado polas Prañideiras e as charangas Imperiais e Anchoa.

Toda a información actualizada pode consultarse na páxina web www.ecultura.net

 

O IV Concurso Escolar de Carteis do Entroido premia a creatividade de Carla Marques no Porriño

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación, deu a coñecer hoxe o cartel oficial do Entroido 2025. A ilustración de Carla Marques Vaquero, alumna de 4º de ESO do Colexio Santo Tomás, foi a elixida como imaxe representativa deste ano tras proclamarse gañadora do IV Concurso Escolar de Carteis do Entroido.

O certame contou cunha gran participación dos centros educativos de primaria, secundaria e ACEESCA, que sumaron numerosas propostas con estilos e técnicas diversas, como acuarela, colaxe, cera ou carbón. A colaboración de Consuelo Rodríguez Domínguez, artista local, foi fundamental na organización deste evento, sendo a súa implicación e apoio chave para o éxito desta edición.

O xurado, formado polos artistas locais Juan de la Cruz Castaño Vicente, Nito Pereiro-Oliveira e Nuria Vilanova Ferreira, avaliou as propostas recibidas, tendo en conta a diversidade e a calidade das obras presentadas. A tarefa foi complicada debido á alta calidade e creatividade das propostas.

O alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, visitou o centro educativo da gañadora para comunicar a nova en persoa, sorprendendo a Carla nun emotivo momento cheo de aplausos e ledicia entre os seus compañeiros. “Cada ano sorpréndenos máis o talento dos nosos pequenos artistas. Temos unha mocidade creativa e con moita ilusión. Este concurso non só fomenta a expresión artística, senón que tamén reforza o sentimento de pertenza e tradición na nosa vila”, destacou o rexedor.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González Costas, quixo poñer en valor o esforzo de todos os participantes. “A calidade dos traballos presentados demostra o potencial creativo dos nosos estudantes. É unha honra ver como o Entroido esperta tanta paixón entre a mocidade e como se involucran para manter viva esta festa”, sinalou.

Dada a calidade dos traballos presentados, o xurado resolveu outorgar premios en tres categorías por idades, quedando a clasificación da seguinte maneira:

CATEGORÍA 1: De 6 a 8 anos

  • 1º premio: Thelma Táboas Fernández, 8 anos (2º E. Primaria), Colexio Santo Tomás.
  • 2º premio: Sofía Alonso Pérez, 8 anos (3º E. Primaria), Colexio Santo Tomás.
  • 3º premio: Joaquina, 8 anos (Colexio Xosé Fernández López).

CATEGORÍA 2: De 9 a 12 anos

  • 1º premio: Carla Sanandrés, 12 anos (1º ESO), IES Ribeira do Louro.
  • 2º premio: Leire Hermida Fernández, 11 anos (6º E. Primaria), Colexio Santo Tomás.
  • 3º premio: Mario Pintos Romero, 11 anos (6º E. Primaria), Colexio Santo Tomás.

CATEGORÍA 3: De 13 a 16 anos

  • 1º premio: Carla Marques Vaquero, 16 anos (4º ESO), Colexio Santo Tomás.
  • 2º premio: Gabrielly Silva Pereiro, 14 anos (2º ESO), Colexio Hermanos Quiroga.
  • 3º premio: Gastón Gaitán Monte de Oca, 14 anos (3º ESO), IES Ribeira do Louro.

Ademais, concedéuselle un accésit especial a Ibai Gómez Germán, de 17 anos (ACEESCA), en recoñecemento á súa creatividade e orixinalidade.

A entrega de premios terá lugar o xoves 27 de febreiro ás 18:00 horas na sala de comunicacións do Concello do Porriño. Como parte da celebración, Carla Marques Vaquero será a encargada de dar o pregón do Entroido 2025, acompañada polos demais gañadores no balcón da Casa Consistorial o sábado 1 de marzo.

Todos os carteis participantes serán expostos no Centro Cultural Municipal ao longo das festas do Entroido, permitindo que veciños e visitantes poidan admirar o talento artístico da mocidade do Porriño.

27 comparsas participarán do entroido máis multitudinario da historia do Concello do Porriño

 

  • Estarán integradas por 2.155 persoas que desfilarán polas rúas da vila o sábado 1 e martes 4 de marzo

Un total de 27 comparsas participarán no Entroido do Porriño este ano. O Concello vén de pechar o prazo de inscrición, contabilizando o número máis alto ata o de agora rexistrado. Serán 2.155 as persoas que integren tales comparsas, pero serán máis aínda os compoñentes da comitiva dos desfiles que encherán de cor e moita ledicia as rúas da vila, pois a eles hai que sumar dúas charangas e unha batucada.

Dende o goberno local, o alcalde Alejandro Lorenzo sinala que, “de seguro, este será o entroido máis multitudinario da historia do noso Concello e da comarca. Xa non só polas máis de 2.000 persoas integrantes das 27 comparsas, senón polas miles que estas atraerán, veciños do Porriño e doutros concellos da comarca e da provincia que se achegarán á nosa vila para desfrutar dos desfiles do sábado e do martes de Entroido”.

Unha programación festiva que vai máis alá e que dende a Concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, darán a coñecer “e na que se incluirán grandes sorpresas musicais, ademais das xa tradicionais actividades e eventos propios desta festa, como pode ser o Xogo da Ola, o pregón ou obradoiros dirixidos sobre todo á cativada”, explica o concelleiro.

Así é todo, nos vindeiros días o goberno local presentará a programación detallada para cada unha das xornadas festivas do Entroido 2025, que rematará o mércores de cinsa co tradicional enterro da sardiña. Precisamente, segue aberto o prazo, ata este xoves 20 de febreiro, para participar na elaboración do testamento da sardiña. Este será redactado polas comparsas, cada unha redactará entre 10 e 15 liñas, podendo participar tamén a veciñanza que así o desexe. O texto deberá presentarse no primeiro andar do Centro Cultural Municipal nun sobre pechado e dirixido á Concellería de Festas, en horario de 09.00 a 14.00. Unha vez cerrado o prazo o comité de observación elaborará o documento final.

 

Premios á participación

E continuando con cifras récord, tamén este ano incrementouse a cantidade máxima destinada aos premios outorgados á participación. Nun primeiro momento ese aumento foi do 20% respecto do 2024, pero vista a alta inscrición e demanda, dende o goberno local acordouse elevar máis aínda a partida, “facendo un importante esforzo para que ningunha agrupación que quixese participar quedase fóra, recibindo así todas unha recompensa pola súa participación”.

O importe de cada premio determinarase segundo o número de compoñentes da comparsa e que será de 300 euros para aquelas de 12 a 19 integrantes, 500 euros para as compostas por entre 20 e 39 persoas, 800 euros para as de 40 a 55 compoñentes, 1.000 euros para as de 56 a 85 integrantes e para aquelas de 86 compoñentes en adiante a contía entregada será de 1.200 euros.

O Porriño presenta a súa candidatura ao Plan de Actuación Integrado (PAI) para optar aos fondos FEDER de desenvolvemento urbano sostible

 

  • Un investimento de 15 millóns de euros que permitirá transformar O Porriño cara a un modelo urbano máis sostible e inclusivo
  • A integración de Torneiros co centro de O Porriño será unha realidade grazas a unha mellor mobilidade, conexións máis eficientes e espazos urbanos que favorezan unha vila máis cohesionada e accesible para todos.

 

O Porriño deu hoxe un paso fundamental cara a un modelo de desenvolvemento urbano máis sostible e equilibrado coa presentación da súa candidatura ao Plan de Actuación Integrado (PAI), no marco da convocatoria FEDER de Desenvolvemento Urbano Sostible promovida polo Ministerio de Facenda. O acto tivo lugar na Casa Consistorial e contou coa presenza do alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, quen subliñou a importancia estratéxica deste proxecto para o municipio.

“O Porriño ten unha oportunidade única para transformar e integrar de xeito sostible os seus espazos urbanos, reducindo desigualdades e fomentando a inclusión social e económica. Con esta candidatura, aspiramos a obter un financiamento de 15 millóns de euros que nos permitirá desenvolver iniciativas clave para mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía”, declarou o rexedor.

O PAI de O Porriño estrutúrase en tres eixos fundamentais: a mellora da calidade urbana e ambiental, a inclusión social e a dinamización económica. Dentro deste marco, contémplase a transformación do espazo público de Torneiros, mellorando a seguridade e accesibilidade, soterrando a liña de alta tensión, potenciando a mobilidade sostible e creando eixes verdes. Tamén inclúe a mellora do Centro Multiusos de Torneiros e a implementación dun programa de Formación Dual en colaboración coas empresas locais, ademais da creación dunha Aula Virtual para a inclusión dixital.

O proxecto contempla ademais a implantación dunha liña de transporte eléctrico municipal, a creación dunha app para a xestión do transporte público e a mellora da conectividade peonil entre Torneiros e O Porriño. En termos de resiliencia ambiental, prevese a creación de espazos naturais multifuncionais para a redución da vulnerabilidade fronte a inundacións, así como a recuperación do patrimonio etnográfico do río Louro.

A dinamización cultural tamén é unha prioridade, polo que se propón a ampliación do Auditorio Municipal, a creación dunha nova sala de lectura e espazo TIC, a mellora dos espazos culturais e a adaptación da Rúa José Fernández López para fomentar a mobilidade peonil.

O investimento total destas actuacións ascende a 15 millóns de euros. “Con esta proposta, O Porriño aposta por un futuro sostible, moderno e inclusivo, garantindo unha mellor calidade de vida para todos os seus habitantes”, concluíu o alcalde.

A candidatura está agora en mans do Ministerio de Facenda, que avaliará os proxectos presentados para decidir a asignación dos fondos FEDER. O goberno municipal confía en que a iniciativa de O Porriño sexa seleccionada, permitindo a execución dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible que marque un antes e un despois no municipio.