Cinema, música, auga e festas patronais esta fin de semana no Porriño

  • A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolle mañá a proxección do filme “Gru 4 Mi villano favorito” e o domingo tobogán xigante, inchables de auga e festa da espuma
  • O barrio de San Sebastián celebra as súas festas patronais e Chenlo o Neno Xesús

O Porriño, 22 de agosto de 2025.- Continúa o cinema na rúa no Porriño. Este sábado, unha nova sesión na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a partir das 20.30 horas, coa proxección da película de animación “Gru 4 Mi villano favorito”. E no mesmo lugar, o domingo, de 17.30 a 20.00 horas, como todos os dos meses de xullo e agosto, instalaranse un tobogán xigante e inchables de auga para refrescar a tarde aos máis pequenos da casa rematando con festa da espuma.

De xeito paralelo, no barrio de San Sebastián celébranse as festas que honran ao seu patrón. Mañá sábado, ás 17.30 horas, inchables para a cativada e festa da espuma. A partir das 19.00 horas animación e ás 20.00 horas a tradicional Gran Sardiñada. Pola noite, ás 22.00 horas, actuación de Emilio Rúa, que ofrecerá un concerto en lingua galega facendo un repaso polos seus 25 anos de carreira, nos que editou 160 cancións e publicou unha ducia de discos. Xa o domingo, ás 12.00 horas oficiarase a misa na Igrexa Parroquial de Santa María, seguida da procesión ata a Capela de San Sebastián acompañada polos gaiteiros da Asociación Cultural A Forna. Ao rematar, levarase a cabo a tradicional poxa e deseguido degustación de rosca e bebida. A queima da fachada prevista como broche final das festas queda suspendida ao estar decretado o índice de risco de incendio alto.

Festas do Neno Xesús en Chenlo

A parroquia de Chenlo celebra os días 24 e 25 de agosto as súas festas na honra ao Neno Xesús. O domingo ás 12.00 horas oficiarase a misa cantada polo Coro Voces de Chenlo, seguida de procesión acompañada pola Banda de Música de Porriño. A continuación terán lugar as tradicionais poxas.
Pola noite, actuación da orquestra Galaxia e o trío Luces de Bohemia. Xa o luns, volverá haber misa ás 12.00 horas, acompañada do Coro Voces de Chenlo e a procesión co Grupo de Gaitas Asubío; deseguido, as poxas. A partir das 17.00 horas celebraranse as tradicionais cucañas e ás 22.00 horas verbena amenizada pola orquestra Capitol e o trío La Noche del Grove.

O alcalde Alejandro Lorenzo sinala que “O Porriño continúa a ser un referente en dinamización cultural e festiva durante o verán, tanto no centro urbano como nas parroquias. Esta fin de semana teremos unha ampla oferta para todas as idades, desde cinema ao aire libre ata actividades acuáticas e festas tradicionais onde non faltará a música en directo. Convidamos a toda a veciñanza e a quen nos visita a desfrutar destas propostas pensadas para compartir, divertirnos e seguir poñendo en valor a nosa cultura e tradicións. Grazas ás comisións de festas, ás asociacións e ao persoal municipal polo seu traballo e compromiso”.

 

A nova estrela do balonmán xuvenil ten selo porriñés

  • Nico Giráldez é recibido no Concello logo de proclamarse subcampión mundial en Exipto
  • O alcalde Alejandro Lorenzo pon de exemplo a súa traxectoria, “un espello no que nenos e nenas poidan mirarse”, destacando os valores da humildade, o compañeirismo e a superación

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- O Porriño segue sumando títulos deportivos. Nesta ocasión, gracias a Nico Giráldez, que vén de alzarse en Exipto coa medalla de prata no Mundial Xuvenil de Balonmán e dende o Concello non quixeron deixar pasar a consecución deste gran logro para recibilo e darlle persoalmente os parabéns. “É un orgullo enorme para todo O Porriño contar cun deportista como Nico, exemplo de esforzo, disciplina e compromiso. Mirámolo medrar dende as escolas deportivas municipais ata converterse nun dos mellores porteiros da súa xeración”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo durante a recepción oficial no Concello, na que tamén estivo presente o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, quen foi tamén o seu presidente no Balonmán Porriño.

Nico destacou como gardameta na Selección Española Xuvenil de Balonmán que caeu nos penaltis fronte Alemaña despois de que unha parada súa forzara a prórroga, “polo que a valoración do torneo é moi positiva, chegar á final era xa un dos nosos obxectivos, foi un gran soño para min e oxalá teña máis oportunidades de conseguir máis retos como este no futuro”, asegura este mozo porriñés que ven de cumprir a maioría de idade.

Nico agradeceu as palabras e o xesto cara a el, lembrando os seus inicios con tan só sete anos no Balonmán Porriño, onde militou ata a tempada 2023/2024, e co que tamén acadou importantes éxitos, como foi a fase final do Campionato de España Cadete Masculino, “débolle moito a este club”, asegurou. A curto prazo continuará, unha tempada máis, na capital pucelana combinando a súa militancia no Recoletas Atlético Valladolid á vez que comeza os seus estudos de Grao de Xestión Administrativa.

O exemplo de Nico é un dos moitos da aposta decidida  polo deporte de base. “Queremos que os nenos e nenas do Porriño vexan en Nico un espello no que mirarse; que saiban que con paixón e constancia pódese chegar moi lonxe, sen esquecer os valores que se aprenden no deporte: humildade, compañeirismo e superación”, subliña o alcalde remarcando o compromiso do Concello a seguir apoiando o deporte local e, por suposto, “a seguir de preto a traxectoria de Nico, que sabemos que aínda ten moitos éxitos por diante, e é que esta prata mundial é só o comezo”, concluíu.

O Porriño tamén sabe amar

  • Unha foodtruck desta campaña da Xunta fai parada na vila para ofrecer, de balde, unha selección de petiscos a base de peixe e mariscos das rías galegas

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- Fusión de mexillóns ao vapor Galicia Thai e humus de fabas de Lourenzá e mexillón de Galicia á carbonara de mar son algúns dos petiscos que este xoves se poden degustar no Porriño. Unha das foodtrucks da campaña Galicia sabe amar instalouse hoxe na Praza Arquitecto Antonio Palacios para ofrecer estas degustacións de balde a todas aquelas persoas que se acheguen, agora pola mañá ata ás 15.00 horas e logo pola tarde, dende ás 18.00 e ata ás 21.00 horas.

O alcalde Alejandro Lorenzo achegouse tamén á foodtruck onde puido comprobar, unha vez máis, o mellor sabor do mar e a calidade do peixe e marisco galegos. Así, o rexedor destacou esta iniciativa pola importancia de promover o consumo destes produtos entre toda a poboación, “fomentando hábitos de vida saudable á vez que se contribúe á posta en valor da excelente calidade dos produtos galegos, especialmente aos procedentes do noso litoral, que representan unha parte fundamental da nosa identidade e economía”.

Galicia sabe amar é unha campaña da Xunta de Galicia que nace para animar á cidadanía a través da retranca galega e os dobres sentidos a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo. A iniciativa sóbese ás catro rodas a través foodtrucks que levan o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago. En cada parada os visitantes poden degustar algúns dos petiscos pensados para a campaña e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra

 

O Porriño reivindica identidade e tradición nas Festas de San Sebastián

  • O barrio celebra, dende mañá, tres xornadas cunha exposición de fotos, actividades para a cativada, concerto de Emilio Rúa, unha gran sardiñada e a queima da fachada

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- O Porriño celebra dende mañá venres e ata o domingo as festas de San Sebastián. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron a programación acompañados por representantes da Comisión de festas de San Sebastián convidando a toda a veciñanza a desfrutar destas auténticas festas de barrio. O rexedor destacou que “as festas de San Sebastián son unha mostra da nosa identidade como pobo e do orgullo que sentimos polo noso patrimonio e tradicións. É unha honra para o Concello colaborar coa comisión de festas para manter viva esta celebración que une á veciñanza nun ambiente de alegría e convivencia”. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Festexos puxo en valor o traballo da comisión organizadora e sinalou que “este tipo de festas non serían posibles sen o esforzo desinteresado de moitas persoas que traballan para que o barrio poida celebrar con orgullo ao seu patrón”.

Este céntrico barrio porriñés honra ao seu patrón con tres xornadas de actividades organizadas pola Comisión de Festas de San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño. A programación arranca mañá venres cunha nova edición da Exposición Fotográfica do Porriño Antigo, que xa está aberta ao público, dende a pasada semana, na Capela de San Sebastián e pode visitarse ata o día 31 deste mes.

O sábado, ás 17.30 horas, inchables para a cativada e festa da espuma. A partir das 19.00 horas animación e ás 20.00 horas a tradicional Gran Sardiñada que este ano chega xa á súa décimo oitava edición. Pola noite, ás 22.00 horas, música en directo da man de Emilio Rúa, que ofrecerá un concerto en lingua galega facendo un repaso polos seus 25 anos de carreira, nos que editou 160 cancións e publicou unha ducia de discos.

O domingo será o día grande. Ás 12.00 horas oficiarase a misa na Igrexa Parroquial de Santa María, seguida da procesión ata a Capela de San Sebastián acompañada polos gaiteiros da Asociación Cultural A Forna. Ao rematar, levarase a cabo a tradicional poxa e a continuación degustación de rosca e bebida. 

Doce mozos de toda España despídense do Porriño tras unha estadía de voluntariado ambiental

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses clausuran o Campod e Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro

O Porriño, 20 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño puxo hoxe o broche final ao Campo de Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro, unha iniciativa que durante doce días reuniu na vila a mozos de distintas comunidades autónomas para traballar na conservación do río Louro e coñecer o patrimonio natural da zona.

O acto de clausura contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo; a directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses e o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, que agradeceron o compromiso e a implicación dos participantes.

Durante a súa estadía, os doce voluntarios, procedentes de diversos puntos de Galicia, País Vasco, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e Andalucía, realizaron labores de limpeza e eliminación de especies invasoras no río Louro e nos seus afluentes, coa coordinación da asociación ecoloxista Verdegaia. Ademais, participaron en actividades de lecer, excursións e visitas culturais pola comarca.

“Este tipo de experiencias son fundamentais para fomentar valores como a solidariedade, a convivencia e o respecto polo medio ambiente”, destacou Lara Meneses, quen puxo en valor a colaboración entre administracións para ofrecer á mocidade alternativas de lecer educativo e comprometido.

O alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu a todos os participantes “por escoller O Porriño para vivir esta experiencia e contribuír ao coidado da nosa contorna natural”, e reafirmou a aposta do Concello por programas que combinen voluntariado, formación e lecer activo.

Este é o segundo ano que o Concello organiza un campo de voluntariado de temática ambiental, despois do das Gándaras de Budiño celebrado o pasado ano; mentres que as tres edicións anteriores estiveron centradas na figura de Antonio Palacios.

O Concello do Porriño informa das axudas para a obtención dos permisos de conducir de motocicletas e turismos

  • A mocidade de entre 18 e 30 anos pode dirixirse á OMIX para recibir orientación e asistencia no proceso de solicitude

O Porriño, 20 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño informa ás persoas mozas do municipio da convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a obtención dos permisos de conducir das clases A2 e B. Os importes establecidos son de 150 euros para o carné de motocicletas e 400 euros para o carné de turismos.

Ter entre 18 e 30 anos, estar empadroadas en Galicia cunha antigüidade mínima dun ano, non estar traballando, ter aprobado o permiso de conducir para o cal se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de outubro de 2024 e a data de presentación da solicitude e que a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar sexa igual ou inferior a cinco veces o IPREM de 2025 son os requisitos que teñen que cumprir as persoas interesadas en obter esta axuda.

O prazo de solicitude abrirase o vindeiro luns 25 de agosto ás 09.00 horas e rematará o 25 de setembro ás 20.00 horas, salvo que se esgote o crédito con anterioridade.

A presentación das solicitudes farase exclusivamente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde o Concello do Porriño animan á mocidade do municipio a aproveitar esta oportunidade e lembran que poden dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) para recibir orientación ou axuda no proceso de solicitude, para elo poden chamar ao número de teléfono 986 33 76 24 ou escribir un correo electrónico ao enderezo omix@oporrino.org

Servizo especial de autobuses para o Entroido de Verán de Redondela

O Porriño, 20 de agosto de 2025.- Co gallo da celebración do Entroido de Verán, o vindeiro sábado 23 de agosto habilitarase un servizo especial de autobuses entre O Porriño e Redondela, co obxectivo de facilitar os desprazamentos e garantir unha alternativa segura e cómoda para todas as persoas que queiran gozar da festa.

As paradas no Porriño estarán situadas na Avenida de Galicia. Os autobuses sairán cara a Redondela nos seguintes horarios: ás 18:00, 19:00, 20:00, 21:00, 22:00, 00:30 e 02:30 horas.

Para o regreso desde Redondela ao Porriño, habilítanse saídas ás 18:20, 19:20, 20:20, 21:20, 00:00, 01:00, 03:00, 05:00 e 06:00 horas.

Este servizo especial forma parte das medidas de mobilidade promovidas para fomentar un lecer responsable e seguro durante os festexos, ofrecendo unha alternativa ao uso do vehículo particular.

O Concello anima á veciñanza a facer uso deste servizo e desfrutar do Entroido de Verán con responsabilidade, garantindo desprazamentos seguros e evitando a utilización do coche particular en situacións de alta concentración de público.

O Polo de Emprendemento do Porriño promoveu a transmisión de máis de medio cento de negocios

  • O alcalde Alejandro Lorenzo acompañou á directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, na visita a esta oficina onde coñeceron de primeira man a experiencia dun emprendedor, dos máis de 760 asesorados dende a súa apertura

O Porriño, 19 de agosto de 2025.- Máis de medio cento de proxectos remuda son os que o Polo de Emprendemento do Porriño ten xestionado. Trátase dun servicio que ofrece esta oficina, que dá cobertura a 26 concellos do sur da provincia de Pontevedra, que consiste en poñer en contacto á persoa que dispón dun negocio para traspasar con aquela outra interesada en adquirilo. Esta mañá o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou á directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, ao Polo situado no casco urbano porriñés, onde coñeceron de primeira man a experiencia dun emprendedor asesorado nesta oficia que asumiu o traspaso dun negocio.

“O emprendemento é unha das principais claves para o futuro económico do Porriño e da nosa comarca. A través do Polo de Emprendemento, estamos a ofrecer ás persoas que desexan iniciar ou continuar un proxecto empresarial as ferramentas e recursos necesarios para garantir o éxito das súas iniciativas. Ademais, co apoio á remuda de negocios, estamos a facilitar a continuidade de moitas empresas que, sen este tipo de servizo, poderían pechar as súas portas, deixando atrás anos de traballo e experiencia”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

A Bolsa de Remuda de negocios é un servizo dirixido a facilitar a transmisión de empresas ao conectar a persoas interesadas en vender ou alugar a súa empresa con outras dispostas a continuar coa súa actividade. O tecido empresarial galego mostra un alto grao de envellecemento, o que se traduce en numerosos negocios que pecharán en breve as súas portas por falta de persoas emprendedoras que lles dean continuidade. Neste sentido, a rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego ofrece un acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de remuda ou transmisión de negocios en funcionamento establecidos no territorio galego. Trátase dun escaparate de negocios en remuda dispoñibles para aquelas persoas que buscan comezar un proxecto empresarial consolidado e viable, reducindo os riscos da posta en marcha dun novo negocio.

Outra das liñas de apoio orientada á transmisión de negocios é o Bono Remuda, un dos cinco programas específicos da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas, dotada con máis de 40 millóns de euros e aberta ata o 30 de setembro.

O Polo do Porriño é un dos 15 activos en Galicia, tres na provincia de Pontevedra. Dende a súa apertura a finais do ano 2023 foron máis de 760 as persoas emprendedoras atendidas nesta oficina onde predominan os proxectos do sector comercio, servizos e a hostalaría. Das persoas asesoradas nesta oficina, preto do 60% son mulleres e algo máis do 40% homes, das que máis da metade están na franxa de idade de entre 35 e 52 anos a con elas lévanse realizado máis de 1.500 titorías. Por outra banda, neste Polo realizáronse máis de 70 actividades, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos da rede.

O Porriño pon a punto os colexios para o inicio do curso escolar

  • O Concello executa traballos de mantemento e reparación nas instalacións de seis centros educativos

O Porriño, 19 de agosto de 2025.– Ás portas do inicio dun novo curso escolar, o Concello do Porriño ultima os preparativos de posta a punto das instalacións dos diferentes colexios públicos do municipio. Así, estanse a levar a cabo diversos traballos de mantemento e mellora dos CEIP´s Fernández López, Atios, Budiño, Antonio Palacios e Ribeira e da Escola Unitaria de Mosende.

que comprenden diversas reparacións que abranguen dende as superficies de pavillóns e ximnasios, a persianas, aseos, tellados e redes que bordean os patios. Tamén se están lavando e pintando os muros exteriores e fachadas.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “o mantemento e a mellora das infraestruturas escolares é unha prioridade para este goberno, pois entendemos que un bo ambiente escolar é fundamental para o benestar dos nosos nenos e nenas, así como para a calidade educativa. Non só se trata de mellorar a estética dos colexios, senón de garantir a súa seguridade e funcionalidade”.

Todos estes labores de mellora das instalacións estarán rematadas para o inicio do comezo do curso, “así todos os centros estarán listos para antes do inicio das clases o vindeiro 8 de setembro. Queremos que os estudantes e o profesorado poidan empezar o curso nun ambiente renovado e seguro, que lles permita concentrarse no máis importante: a súa educación”, explicou o rexedor local.  Non obstante, “temos programadas algunhas intervencións a maiores a executar ao longo do curso para seguir mellorando e dar resposta ás demandas que nos van trasladando dende os propios centros, como é o caso do acondicionamento dun patio de recreo na zona de Primaria no CPI da Ribeira”, puntualiza.

As melloras realizadas nas instalacións escolares do Porriño son unha mostra do compromiso do Concello co benestar e a calidade educativa da comunidade. Ao investir na reparación e acondicionamento das infraestruturas, non só se garante un espazo seguro e agradable para o alumnado, senón que tamén se fomenta un ambiente que favoreza a aprendizaxe e a motivación

A veciñanza do Porriño aprende a salvar vidas

  • O Concello organizou unha nova sesión práctica de RCP da que que participaron máis de 40 persoas
  • A boa acollida da actividade fai que se programe outra nas vindeiras datas

O Porriño, 18 de agosto de 2025.– Co obxectivo de capacitar á cidadanía e mellorar a súa capacidade de resposta en situacións de emerxencia, o Concello do Porriño organizou esta tarde unha sesión práctica de reanimación cardiopulmonar (RCP) aberta a toda a veciñanza.

Foron máis de 40 persoas as que amosaron o seu interese por participar desta actividade que, trala gran acollida, volverase a repetir e así o amosou a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, asistente tamén á sesión celebrada na sala de usos múltiples do polideportivo municipal. “Completouse a cota prevista de participación, foi un éxito total, por iso repetirase en vindeiras datas”, sinalou a edil quen agradeceu tamén aos profesionais do sistema sanitario pola clase impartida. Estes achegaron os coñecementos clave, tanto teóricos como prácticos, para actuar con seguridade ante situacións de risco vital, como é o caso dunha parada cardiorrespiratoria.

O alcalde Alejandro Lorenzo indica que “estamos comprometidos co benestar da nosa xente, e actividades como esta de reanimación cardiopulmonar son unha mostra de que, ademais de atender as necesidades sanitarias, tamén debemos formar a nosa veciñanza para que poidan actuar con seguridade e eficacia en momentos de emerxencia. A gran acollida desta sesión demostra o interese da cidadanía por mellorar a súa preparación e, por iso, seguimos apostando por este tipo de formacións que contribúen á prevención e á saúde comunitaria”.

Esta actividade enmárcase dentro da estratexia do Concello en prevención, saúde comunitaria e formación cidadá, consolidando a imaxe dun Porriño preparado e comprometido co benestar da súa xente.