#25N: A proxección do filme “Trote” rematará este venres a programación da Concellería de Igualdade

A proxección da película galega “Trote”, dirixida por Xacio Baño, que terá lugar este venres 27, no Centro Cultural Municipal, rematará a programación da Concellería de Igualdade coa ocasión do #25N Día Internacional contra a violencia de xénero.

“Trote” relata o rol da muller como coidadora que non atopa o xeito de saír dun ambiente opresivo

Haberá dous pases (18,30 e 20,30). Cada un deles cun aforo restrinxido de 30 persoas que deberán inscribirse previamente por correo electrónico no enderezo cultura@oporrino.org
Aínda está aberta a inscrición.
Más información nesta ligazón


http://ecultura.net/proxeccion-do-filme-trote-de-xacio-bano/

A corporación municipal acorda esixir á Xunta que deixe de desprezar ao Porriño nos Orzamentos Xerais de Galicia

A corporación municipal acordou cos votos do PSOE, EU SON e UDDL e as abstencións do BNG, esixir á Xunta de Galicia que “deixe de desprezar ao concello do Porriño e aos seus 20.000 habitantes nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma”.

O grupo municipal socialista presentou “in vocce” unha moción na sesión telemática que se celebrou hoxe, despois de ter coñecemento que no proxecto dos Orzamentos de Galicia 2021 “non aparece consignado nin un só euro para O Porriño”. “Trátase dunha circunstancia que se repite dende hai seis anos”, argumentaba a moción que presentou ao pleno corporativo o concelleiro socialista Sergio Casal.

Sobre este asunto, a alcaldesa Eva García de la Torre valorou como “indignante e impresentable” que os Orzamentos de Galicia para 2021 “cometan este desprezo cun dos concellos máis dinámicos da comunidade autónoma”.

A rexedora que lembrou as demandas máis importantes que ano tras ano O Porriño require á administración autonómica detívose no proxecto de ampliación do Centro de Saúde que non aparece consignado no proxecto orzamentario da Xunta. Eva García considera que “nos tomaron o pelo co anterior conselleiro de Sanidade facendo un convenio para construír esa infraestrutura sanitaria tan necesaria e seguimos igual”.

Por último, a alcaldesa emprazou a Alejandro Lorenzo, voceiro municipal e deputado provincial do Partido Popular, que “esixa á Xunta de Galicia que se comporte, que deixe de mirar a cor política de cada territorio para decidir o que inviste en cartos públicos que tamén pagamos os cidadás do Porriño”.

O Concello adxudicou o segundo lote de axudas pola Covid a autónomos e micro empresas do Porriño

 

Un segundo lote de axudas económicas directas por un importe de 24.990 euros adxudicáronse hoxe polo Concello a autónomos, pequenas e medianas empresas e micro empresas do Porriño que solicitaron acollerse á convocatoria realizada pola administración municipal.

Nesta segunda quenda de achegas destínanse a 21 solicitantes entre os que existen bares, cafeterías, restaurantes, perruquerías e comercio téxtil, entre outros.   A maioría recibirán recibirán o máximo estipulado nas bases da convocatoria, é dicir 1.200 € por peticionario, segundo resolveu esta mañá a comisión técnica municipal de avaliación formada por funcionarios do Concello e presidida por David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais. 

O concelleiro informou ao remate da reunión que “hoxe mesmo realizáronse as transferencias bancarias aos adxudicatarios da primeira quenda de axudas que cobrarán esta semana”. Alonso lembrou que foron 42 peticións atendidas por un importe aproximado de 50.000 €.

A meirande parte deses cartos solicítanse para gastos xerais sobre todo alugueres e amortización de préstamos bancarios. Os demais repártense entre costear gastos de mellora tecnolóxica e medidas anti-covid.

O Concello do Porriño por acordo plenario da corporación habilitou esta liña de axudas cunha partida de 100.000 euros.

 

Toda a corporación municipal do Porriño, de forma conxunta, participou na elaboración deste manifesto do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia machista

Hoxe 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia machista, toda a corporación municipal do Porriño, mediante este manifesto en conxunto, “comprometémonos a impulsar políticas, programas, proxectos que garanten o libre exercicio da autonomía das mulleres, desde que somos nenas, cunha  educación que empodere e remate coa cultura do medo, para que cada muller do mundo poida desenvolver de forma libre, autónoma  e sen violencia o seu proxecto vital”.

Como sociedade, debemos ter un papel pro-activo na loita contra a violencia de xénero contra as mulleres.

Ligazón do texto do manifesto conxunto subscrito por toda a corporación municipal porriñesa

MANIFESTO DO CONXUNTO DA CORPORACIÓN DO CONCELLO DO PORRIÑO POLO 25 DE NOVEMBRO-2020

 

GUÍA DE RECURSOS  E INFORMACIÓN ÚTIL SOBRE VIOLENCIA MACHISTA:

Ø  Se estás en perigo, chama a:

GARDA CIVIL: 986 331 331

POLICÍA LOCAL: 620 40 40 40

 

Ø  Se tes lesións físicas e/ou psíquicas, chama a:

CENTRO DE SAÚDE: 986 337 320

URXENCIAS SANITARIAS: 061

 

Ø  Se necesitas asistencia, chama a:

Centro de Información á Muller (CIM): 986 337 429

Xulgado da Muller: 886 218 067

Atención á vítimas de violencia de xénero: 016

 

O Porriño e demais concellos do GDR “Eu Rural” súmanse á loita contra a violencia de xénero

O Porriño e os doce restantes concellos que forman o Grupo de Desenvolvemento Rural “Eu Rural” publicaremos mañá 25N, nas redes sociais de cada municipio, un vídeo documental titulado ‘Deixar o pasado atrás’, que recolle os testemuños de superación das participantes nun obradoiro celebrado en Tomiño o pasado ano.

O vídeo documental que se estreará coa ocasión do Día INternacional contra a violencia de xénero, de forma simultánea nas RRSS de todos os concellos que integramos o territorio do GDR. 

Con esta acción, A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui queren sumarse de forma activa á loita contra todo tipo de violencia. O traballo conxunto que os concellos desenvolven en outros eidos como o desenvolvemento económico ou o turismo trasládase así tamén á loita pola igualdade e contra a violencia de xénero.

A maiores das iniciativas que cada municipio ten previstas para conmemorar o 25N, comprometéronse con esta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade en todos os eidos e contra calquera tipo de agresión física, verbal ou psicolóxica.

O documental, de seis minutos de duración, resume o acontecido na primeira edición do curso de autoestima e empoderamento feminino organizado por Eu Rural o ano pasado en Tomiño, no que xorden diferentes historias de superación entre as participantes, todas cun denominador común: deixar o pasado atrás e mirar cara o futuro con forza.

Hernán Sío e demais membros do club Ximnasia Porriño recibidos no Concello

O Concello do Porriño rendeu hoxe unha recepción de recoñecemento aos membros do Club Ximnasia do Porriño encabezados polo infantil Hernán Sío que ven de proclamarse subcampión de España de ximnasia rítmica, na proba celebrada en Valencia,

 


Na recepción ofrecida por David Alonso, concelleiro de Deportes participaron tamén outros integrantes do club que tiveron unha sobranceira participación no campionato nacional.

25N: actos organizados pola Concellería de Igualdade no Día Internacional contra a violencia machista

 

A exposición de fotografías “Todas as mulleres en todas as partes do mundo” na rúa peonil, un manifesto da corporación municipal e o alumeado en cor violeta da casa consistorial, serán os actos principais no Porriño coa ocasión do 25 N, Día Internacional contra a violencia machista.

A programación confeccionada pola Concellería de Igualdade que dirixe Cami Moreira comezou o venres 20 coa proxección da película “María Solinha” no Centro Cultural Municipal.

Continua coa exposición de fotografías con imaxes que penduran dos farois na rúa peonil, motivo que tamén inspirou a lona que se instala na praza do Concello.

A mostra “Todas as mulleres en todas as partes do mundo” simboliza a universalización da violencia machista. “Cada retrato é unha fotografía dos distintos aspectos da existencia das mulleres no mundo porque non hai unha única imaxe que nos poida representar, todas sentimos, sorrimos, choramos, resistimos, loitamos, avanzamos, empatizamos… valoramos a vida e esiximos ser consideradas persoas con plenos dereitos, de liberdade, de respecto e capacidade de decisión”, segundo argumentou a concelleira de Igualdade.

O propio mércores 25N difundirase un manifesto institucional de toda a corporación porriñesa elaborado en conxunto e a partir das 19 horas, a fachada do Concello iluminarase en cor violeta.

O programa de actos rematará o venres 27 coa proxección da película “Trote” no Centro Cultural Municipal en dous pases (18,30 e 20,30 h.) con aforo limitado a 30 persoas por pase e con inscrición previa no correo electrónico cultura@oporrino.org

84 casos activos da Covid no Porriño, segundo a última actualización do Sergas

 

A Comisión Municipal de Seguimento anti Covid celebrou hoxe reunión para avaliar os últimos datos no municipio e medidas a adoptar polo Concello. A alcaldesa, Eva Garcia presidiu a sesión telemática.

Segundo a última actualización do Sergas, O Porriño ten 84 casos activos diagnosticados de Covid e unha incidencia acumulada de máis de 250.

Na reunión de hoxe compareceu a xefa do departamento de Servizos Sociais que informou dos protocolos que están a seguir. Tamén o concelleiro responsable, David Alonso detallou información sobre o reparto a domicilio dos lotes de alimentos que canaliza “SOS Porrriño” que se realiza para aminorar riscos e coa importantísima colaboración da Agrupación de Protección Civil.

A corporación debaterá en pleno as condicións de licitación do novo contrato da Piscina Municipal


A corporación municipal celebrará este mércores sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro que, de novo, será telemática, a partir das 18 horas.
Dous asuntos destacan na orde do día. Un deles é a regulación das condicións xurídicas e económicas para arrendamento de terreos de titularidade municipal para explotacións mineiras. O concelleiro de Patrimonio Municipal, Pedro Pereira levará á consideración do pleno da corporación os pregos de condicións que a partir de agora rexerán esas adxudicacións.
E o outro asunto sobranceiro do pleno é iniciar a licitación do novo contrato para a explotación da Piscina Municipal. A proposta do concelleiro de Deportes, David Alonso contempla un contrato por 3 anos, a razón de 545.000 euros anuais. Entre as condicións que se formularán no prego da licitación figuran a subrogación do persoal actual da piscina (máis de 20 traballadores). Asemade a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a prestación de clases de instrución e formación tanto na auga como no ximnasio da piscina.

Adxuntamos ligazón coa orde do día do pleno.

file:///C:/Users/Usuario/Downloads/Pleno%20Noviembre%20de%202020.pdf