Lourdes Moure, concelleira de Educación asistiu ao colexio “Fernández López” con motivo do primeiro día do curso 2021/2022 que comezou hoxe en Educación Infantil, Primaria e Educación Especial.

No concello de Porriño iniciaron hoxe as clases preto de 2.000 nenas e nenos destes niveis educativos, tendo o maior número de alumnos os colexios “Fernández López” e “Antonio Palacios”.

Con motivo desta visita, a concelleira de Educación comprobou a provisión de libros na Biblioteca do CEIP, como consecuencia da doazón feita polo Concello do Porriño á ANPA “A Oliveira” deste centro.

Asistiron xunto a Mónica Pita, presidenta da Asociación de Nais e Pais, o director do colexio, Benito Rodríguez e o responsable da biblioteca, o profesor Ricardo García.

Durante a visita ao centro, a concelleira de Educación indicou aos responsables do colexio que espera recibir en breve o proxecto técnico e o orzamento para as obras de reposición do tellado, actualmente feito de uralita, que se comprometeu a enviar a Xefatura Territorial de Consellería de Educación. Segundo o acordo acadado recentemente, o Concello e a Xunta de Galicia colaborarán na realización e financiamento da obra.