O Concello do Porriño acondicionará a aula de xogo da escola unitaria de Mosende

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  iniciou hoxe a súa ronda de visitas aos centros educativos do municipio e o fixo na Escola de Educación Infantil de Mosende.

Son oito os cativos que están escolarizados nesta unitaria que da servizo ás parroquias de Mosende, Pontellas e Chenlo, e para o alcalde “é prioritario que o fagan en boas condicións”.

Trátase dun edificio que, aínda que depende da Xunta, é de titularidade municipal, e a falta de mantemento dos últimos anos fai que as condicións non sexan as adecuadas, máis se cabe cando falamos de nenos pequenos, de 3 a 6 anos.

“O edificio necesita melloras e reparacións que me comprometo a acometer”, explicou Alejandro Lorenzo, “Esta escola ten que manterse, é parte da nosa historia e un servizo que se presta ás familias destas parroquias. O edificio ten un especial encanto e dispón das instalacións precisas para impartir esta etapa educativa, pero ten que ser acondicionado”.

A escola necesita que se arranxen os aseos, o tendido eléctrico, a calefacción e a instalación dunha canaleta que evite os charcos que se forman á entrada. Esta mesma semana operarios municipais repararon a cuberta que estaba a provocar filtracións de auga e humidades e a continuación procederase ao pintado do centro.

Tras visitar a sala de xogos, que conta con piso de lousa, Lorenzo comprometeuse a cámbialo por tarima flotante, que garantirá que os alumnos e alumnas poidan xogar con máis comodidade e en mellores condicións.

O emblemático Quiosco de Mucha transformase en biblioteca escolar

O coñecido “Quiosco de Mucha” iniciará unha nova etapa este curso transformado en Biblioteca de Patio do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios.

O que foi un dos elementos máis representativos da Praza Arquitecto Antonio Palacios instalouse alí na década dos 90 e varias xeracións de porriñeses e porriñesas compraron nel prensa e lambetadas. Tras varios anos en desuso e atopándose nunhas pésimas condicións, o Concello decidiu retiralo no ano 2016 e desde entón permanecía tirado nas instalacións municipais de Torneiros.

Foi alí onde Tatiana Pérez, responsable de Biblioteca deste centro escolar de Torneiros e impulsora da iniciativa, o vía cada mañá ao acudir ao cole.

“O quiosco de Mucha é algo especial para todos os porriñeses e pareceume que sería interesante reutilizalo”, explica Tatiana, “Desde hai anos levamos a cabo un plan de mellora do patio e tamén pretendemos levar a lectura a máis espazos do centro. O quiosco é perfecto para axuntar ambas as cousas reconverténdoo nunha biblioteca de patio onde os nenos e nenas poidan coller libros para ler e tamén xogos de mesa no recreo”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou o colexio para interesarse polo proxecto e comprometeuse a colaborar no que sexa necesario para a súa posta en marcha. Así, o  Concello levará a cabo a restauración e posta a punto do quiosco, que inclúe o cambio de xanelas, reparación do interior e instalación de chan.

“Pareceume unha idea marabillosa e faime unha especial ilusión que este quiosco tan emblemático da nosa vila se convirta nun lugar que albergue libros e reivindique o hábito de ler entre os máis pequenos como unha alternativa de lecer”, afirmou Lorenzo, “Os nenos e nenas do Porriño de entón crecemos acudindo ao quiosco de Mucha e alégrame enormemente que os nenos  e nenas do Porriño de agora poidan seguir facéndoo”.

O rexedor anunciou que esta semana comezará unha ronda de visitas aos centros escolares para coñecer da man dos seus equipos directivos as necesidades que presentan.

 

24 mulleres participan na primeira quenda do ano do curso de defensa persoal feminina

Un total de 24 mulleres de diferentes idades participaron hoxe na que foi a primeira quenda do ano do curso de defensa persoal feminina que organiza o Concello do Porriño, coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Policía Local.

O curso conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, participou hoxe da clase e ao terminar animou a todas as mulleres a acudir ás seguintes xornadas.  “É unha experiencia enriquecedora e moi práctica para a nosa vida cotiá que nos axuda a estar preparadas para resolver situación de risco”, apuntou a edil.

Para asistir non é preciso ter unas condicións físicas específicas nin rexistro previo. A asistencia é totalmente gratuita e está aberta a que participen mulleres dos concellos da contorna. 

As clases impártense en dúas quendas ao mes, en sábadoalternos, polo que a vindeira será o sábado 29 de xaneiro, como sempre no ximnasio Jovhen Sport de 10h a 12h.

O Porriño será a saída de “O Gran Camiño”

O Porriño dará o pistoletazo de saída da proba deportiva que recuperará unha volta ciclista profesional en Galicia tras dúas décadas de suspenso, “O Gran Camiño”.

O que será un dos maiores eventos deportivos do ano na comunidade galega disputarase entre o 24 e o 27 de febreiro e constará de catro etapas, unha por cada provincia, asegurando espectáculo, valores deportivos e difusión mediática.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, interviu onte na presentación oficial da proba.

“Como alcalde e como porriñés é un orgullo que O Gran Camiño comece no Porriño”, manifestou o rexedor, “O noso é un concello berce de ciclistas, onde este deporte ten unha arraigada tradición. Tamén é un concello de comezos, que abre unha nova etapa na que perseguimos unha maior proyección cara o mundo”.  Neste sentido, Lorenzo afirmou con rotundidade que “O Porriño é un lugar único e o mundo debe coñecernos” e concluíu, que “`O Gran Camiño´ será un escaparate perfecto que nos axudará a conseguilo”.

O Porriño foi elixido como saída da primeira etapa que se disputará o 24 de febreiro. Percorrerá algo máis de 163 km finalizando en Vigo. Será unha etapa chaira na súa maior parte na que, a 23 km da meta, os corredores subirán a Peinador antes de chegar ao sprint no centro de Vigo.

 A segunda delas disputarase na Coruña, a terceira na provincia de Ourense e a última será en Lugo.

O Gran Camiño está incluida no calendario UCI, na categoría 2.1, conseguindo chamar a atención de equipos profesionais de alto nivel, tanto nacionais como internacionais. Xa está confirmada a participación de Movistar, Israel Start Up Nation, Education First, Cofidis, Tavira e Euskaltel Euskadi. Tamén do RP-Boa Vista, Eolo Kometa, Androni Giocattoli e Bardiani.

Conta co respaldo das cinco principais institucións galegas: a Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais.

 

A Xunta destina 3M de euros á retirada e descontaminación de lindano no Contrasto

A Xunta de Galicia investirá 3 milóns de euros nos traballos de retirada e descontaminación dos residuos de lindano no viario principal do Contrasto, en Torneiros, unha obra que comezará este ano.  Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde Alejandro Lorenzo nunha reunión que mantiveron esta semana para abordar este e outros asuntos de interese para O Porriño.

A conselleira explicou ao rexedor que con cargo aos orzamentos da Xunta deste ano xa se está actualizando o proxecto para intervir na pista municipal do Contrasto polo que estima que, tan pronto como se complete este paso, poderá iniciarse a tramitación do contrato para executar as correspondentes obras.

“Sempre defendín que problema do lindano hai que abordalo con decisión, non chega con discursos baleiros nin promesas”, defendeu o rexedor, “Para iso é necesario un plan de acción, un esforzo investidor e un compromiso firme de respaldo e colaboración entre administracións, co que dende logo contamos”.

Lorenzo incidiu en que “neste proceso é esencial ir da man dos veciños e veciñas máis afectados” e valorar xunto a eles cada paso. “A descontaminación do municipio é unha responsabilidade que debemos asumir non só para coidar a saúde dos porriñeses e porriñesas de hoxe, senón para deixar un Porriño mellor para os de mañá”, concluíu o alcalde, “Pero as adminsitracións temos que informar e, sobre todo, escoitar á veciñanza durante este proceso. Trátase dun proxecto común de presente e de futuro”.

O Concello lembra que está prohibido depositar entullos na vía pública sen autorización

A concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González, lembra que a cidadanía do Porriño dispón dun servizo de recollida de voluminosos que require de citación previa, pois está prohibido deixar enseres na vía pública sen previo aviso.

Informan dende a concellería que para desfacerse de colchóns, mobles e obxectos de gran tamaño hai que solicitalo chamando ao 665 571 555, onde se lles informará da hora e lugar donde deben depositar os enseres para que sexan recollidos.  Depositar entullos na vía pública sen autorización conleva unha sanción de 600 euros. 

Dende o Concello tamén indican que a fin de facilitar o servizo aos cidadáns  a recollida é, polo de agora, de carácter semanal, e a demanda. Nos próximos días colocarase en todos os colectores este número de teléfono para informar a toda a veciñanza.

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño levará a FITUR ás mulleres do Camiño Portugués

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa a dar pasos para dar a coñecer o seu potencial turístico. As alcaldesas e alcaldes dos 14 concellos que abrangue o Xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) celebraron unha reunión este mércores 12 no Pazo de Mos para facer balance do último ano e quentar motores para participar por terceiro ano consecutivo na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, un dos principais encontros do sector turístico de Europa.

Nesta ocasión, o Xeodestino levará á cita ás ‘Mulleres no Camiño Portugués’, unha orixinal proposta na que varias protagonistas vinculadas profesionalmente ao mundo do turismo ofrecen unha narración coral contando a súa experiencia e a importancia que ten para os concellos do territorio o Camiño de Santiago. As propias protagonistas presentarán a iniciativa acompañadas da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o vindeiro xoves 20 de xaneiro ás 11.30 horas no stand oficial de Galicia no pavillón 9 de FITUR. Será o último evento da rexedora de Mos como representante institucional do Xeodestino, tras dous anos ao fronte tras a chegada da pandemia e a reactivación da actividade o pasado ano. Daralle o relevo como representante institucional o alcalde de Nigrán, Juan A. González.

Balance positivo

Durante o encontro, os rexedores e rexedoras fixeron un percorrido por todas as accións celebradas o pasado ano 2021, que o Xeodestino pechou cun balance moi positivo. Ademais da elaboración de material promocional, da continua visibilización do territorio a través da web e das redes sociais, tamén se ampliou o banco de imaxes, recollendo un alto número de imaxes que reflicten a experiencia de vivir e desfrutar dos concellos do xeodestino.

Pero se houbo algunha das accións que destacara máis foi a posta en contacto por primeira vez ás diferentes empresas turísticas e do sector primario do territorio no que participaron arredor de 40 entidades, xerando relacións e potenciais sinerxías entre elas. Tamén se levaron a cabo accións de promoción da enogastronomía, como a posta en marcha dunha food truck itinerante por diferentes puntos de Galicia para a degustación de produtos da terra: 5 días de xira con 8 receitas diferentes que remataron con máis de 1.000 tapas servidas.

Durante o encontro acordaron ademais a presentación da candidatura do Xeodestino á convocatoria do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, un instrumento co que se busca dar pulo á transformación do territorio baseándose nun produto turístico sustentable.

A Xunta impulsa a creación de seis novas prazas públicas no centro de día de Aceesca

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións da Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual (ACEESCA) acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo e o Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade,  Fernándo González Abeijón.

Fabiola García anunciou durante a visita que a Xunta impulsou a creación de seis novas prazas públicas de atención no centro de día e con este incremento o total ascende a 36, que se suman a outras 37 prazas públicas no centro ocupacional. En total, o Goberno galego financia un total de 73 prazas nos centros de Aceesca no Porriño.

As persoas usuarias colaboran na xestión do punto limpo da localidade, coidan do seu invernadorio de plantas de temporada ou participan en labores de limpeza e xardinería. A conselleira destacou que Aceesca permite que as veciñas e vecinos do Porriño teñan a oportunidade de avanzar cara a plena inclusión.

Ademais do financiamento destas prazas, a Xunta colabora con esta asociación a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para a mellora e adecuación das súas instalación. Na última convocatoria, esta entidade percibiu 52.000 euros. Deste xeito o Goberno galego destina anualmente a Aceesca 800.000 euros para facilitar a súa labor.

Pola súa banda, o rexedor Alejandro Lorenzo reiterou o seu total respaldo a Aceesca e o apoio total do Goberno Municipal á importante labor social que desenvolven. “Unha das prioridades na liñas de goberno que nos marcamos é o benestar social e neste eido o labor de Aceesca é indispensable”, salientou Lorenzo, que agradeceu tamén á titular de Política Social a súa disposición a seguir colaborando con Aceesca e co Concello para que se poida dar un apoio integral ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

O alcalde explicou que, tal e como comprometera no día da súa investidura, xa se está xestionando un novo convenio con Aceesca que permita impulsar a súa actividade.

Novos proxectos

A directiva de Aceesca aproveitou a visita  para dar a coñecer os proxectos que teñen en marcha. Estes baséanse en dúas liñas principais: o emprego e o proxecto residencial que persigue, non só garantizar unha vida independente ás persoas con discapacidade intelectual, senón tamén promover a revitalización e recuperación da parroquia de Torneiros.

Tal e como explicou Dolores Muñíz, membro da Xunta directiva “temos unha aposta firme polo emprego, que se materializa no centro especial de emprego que se está construir no polígono industrial, centrado na formación dual e tamén pola vida independente das persoas con discapacidade”. “Temos as ideas e os proxectos pero precisamos a axuda das administracións para poder levalos a cabo”, concluíu Muñíz, “O centro residencial que proxectamos permitiría que as persoas con discapacidade intelectual puideran independizarse e vivir en comunidade cos apoios que precisan, e que, como calquera outra persoa, poidan chegar a onde queiran chegar”.

 

O alumnado do IES Ribeira do Louro participa nunha charla sobre agresións sexuais e violencia sexual

O alumnado de 1º curso de bacharelato do IES Ribeira do Louro, en Torneiros, participou hoxe dunha charla informativa sobre agresións e violencia sexual.

Na conferencia, impulsada desde a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e organizada pola concellería de Igualdade,  abordáronse cos alumnos e alumnas do instituto porriñés os estereotipos de xénero, a tipoloxía de violencia sexual, a cultura da violencia, o consentimento, e outros recursos relacionados coas agresións sexuais.

A charla foi impartida por Angélica Mercado Torres, mestra de profesión, especialista en estudios de xénero e políticas de igualdade que conta cunha ampla experiencia en programas a mulleres migrantes e con discapacidade psíquica.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, que participou da mesma, salientou que “a violencia sexual é un problema na nosa sociedade que debemos abordar dende todos os ámbitos. O máis importante é a concienciación, a formación e a información dende o ámbito educativo para que as nenas e nenos, mozas e mozos se formen e eduquen nos valores da igualdade e o respecto, e  eles serán nun futuro eses adultos que mostren tolerancia cero a calquera tipo de violencia”.

Alejandro Lorenzo comprométese coa veciñanza de Budiño a acometer melloras na Forna

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, continúa coa rolda de xuntanzas coas asociacións veciñais e culturais do municipio. A última delas, foi con representantes da Asociación Cultural “A Forna” de Budiño, á que asistiu acompañado polos concelleiros Bienvenido Estévez e José Carlos González.

 

As principais reclamacións da directiva da asociación pasan por unha mellora das instalacións e equipamentos do Centro Cultural de A Forna que presenta unha evidente falta de mantemento, co conseguinte perxuizo que iso supón para os usuarios e usuarias.

 

O Alcalde comprometeuse a executar con inmediatez as demandas máis urxentes, entre as que se atopan o arranxo ou substitución da cadeira salvaescaleiras, o problema de humidades que presentan varias salas do centro e material necesario para poder levar a cabo as actividades que se desenvolven no mesmo.

 

“O compromiso deste goberno e o meu persoal coas asociacións das parroquias e do centro é rotundo”, explicou Lorenzo, “Iso inclúe tamén a mellora dos espazos públicos dos que fan uso. O estado de abandono no que se atopan moitos deles, que impide que poidan desenvolver a súa actividade en condicións óptimas, require que marquemos prioridades e identifiquemos todas e cada unha das súas necesidades para poder dar resposta a todas elas”. 

 

O rexedor reiterou que se reunirá con todas e cada unha das asociacións e colectivos do Porriño. “Contamos cun amplo e rico tecido asociativo e imos escoitalas a todas e atender as súas demandas”, concluíu Lorenzo avanzando que, “Estamos traballando xa para pechar os convenios anuais e formalizalos nas próximas semanas a fin de que poidan programar e desenvolver a súa actividade e comezar os cursos que imparten”.

 

Pola súa banda, o edil de Cultura, Asociacións e Parroquias, Bienvenido Estévez manifestou a súa intención de “potenciar a actividade das asociacións e o importante labor que desenvolven coa veciñanza, promover a colaboración entre elas e co Concello para poner en valor e afianzar o asociacionismo porriñés” .