Carla Godoy Magalhaes e Nicolás Freiría Casal serán os dous representantes da infancia e adolescencia porriñesa que asistirán no Parlamento de Galicia mañá martes 16 ao Foro de Participación Infantil e Adolescente. Este encontro, organizado polo Parlamento autonómico e o Comité de Unicef Galicia, celebrase anualmente para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia. Rapaces e rapaces de toda a Galicia que forman parte dos consellos municipais da Infancia e adolescencia trasladarán aos grupos políticos do Parlamento e ao goberno da Xunta de Galicia as propostas que estiveron deseñando o pasado mes de outubro no encontro autonómico. A temática deste ano é o medio ambiente e as propostas da mocidade versan sobre as posibles actuacións que debe levar a cabo o goberno autonómico para que Galicia sexa unha comunidade máis sostible.
A Concellería de Medio Ambiente comunica que o vindeiro luns 15 comezarán traballos de poda en diversas rúas do municipio. Xa se están colgando avisos veciñais con cuartéis como os das imaxes adxuntas.
Unha primeira quenda de obra afectará á rúa Codesal. Haberá que restrinxir o uso de seis prazas de aparcadoiro na rúa, entre as pitó da mañá e ás tres da tarde.
Este vindeiro luns, día 15, comezarán a executarse as obras de saneamento e pavimentación de Arrotea, na parroquia de Pontellas, segundo anunciou a Concellería de Infraestruturas.
As obras consistirán na conexión dun colector principal de 450 metros de lonxitude e dous ramais, un de 120 metros e outro de 64 metros. Así mesmo, está prevista a substitución e pavimentación da vía principal e dos ramais.
A actuación contempla completar as conexións coas redes de abastecemento e saneamento do Porriño, segundo explicou o concelleiro responsable, Pedro Pereira. O orzamento das obras supera os 115.000 euros
A alcaldesa, Eva Garcia presidiu hoxe a presentación do “Pinchoneno 2021” que terá lugar o vindeiro sábado 20 de novembro, baixo carpa e cun aforamento limitado a 200 participantes, no Parque do Cristo. O prazo de inscrición está aberto e as reservas realízanse no enderezo de correo electrónico pinchoneno@gmail.com ata o 18 de novembro.
Trátase dunha iniciativa que convocan a Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información á Xuventude (Omix do Porriño), coa colaboración de “Doppler Gestión Cultural” para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.
A concelleira de Educación, Lourdes Moure explicou que “organizar o Pinchoneno é un compromiso plenario coa nosa infancia que querían ter unha versión axeitada para eles do Pinchorriño”. A concelleira volveu reclamar a colaboración da hostalería local para que fagan pinchos axeitados á infancia”, declarou.
Adrián Fragueiro, representante de “Doppler Gestión Cultural” informou que a actividade desenvolverase no parque do Cristo dende as cinco da tarde “cun catering saudable continuado ata as nove da noite enfocado aos nenos e nenas e co complemento de diversas actividades lúdicas”.
Entre elas, subliñar unha charla titulada “Isto é Pop” a cargo do xornalista e escritor Javier Becerra e a artista Carolina Rubirosa”, e outra charla motivacional a cargo do músico e actor Juan Manuel Montilla “Langui”, gañador de dous premios “Goya”, entre outros galardóns. E tamén haberá unha sesión musical a cargo de EmeDJ.
Finalmente, Laura Carmona, representante do Consello da Infancia e Adolescencia do Porriño transmitiu que “estamos moi contentos de que se retome a celebración desta festa por que os nenos e nenas do Porriño necesitamos sair e xuntarnos coa xente e non só para estudar”.
A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, comprobou o desenvolvemento das obras de cambio da beirarrúa da rúa Ramiranes, no último tramo da citada vía, ata o límite co concello de Mos.
A obra busca dar continuidade á reforma da beirarrúa que se levou a cabo hai anos na rúa Ramiranes, unificando ancho e materiais, para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade dos peóns, segundo explicou o concelleiro Moure Varela.
Estas obras teñen un orzamento de 25.667 euros que se financian con cargo a unha das partidas remanentes do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
A Concellería de Igualdade informa que continúa o ciclo de proxeccións de películas “Cinema 25N”, coa ocasión da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, programado ao longo do mes de novembro. As proxeccións desenvólvense no Centro Cultural Municipal, con aforamento limitado, ás 19 horas, dende o pasado 5 de novembro co pase da cinta “O medo”, de Jordi Cadena. Mañá venres 12, é a quenda da película “A maleta de Marta”, de Günther Schwaiger. As seguintes proxeccións serán o venres 19, “As elixidas” de David Pablos; o xoves 25 de novembro, “A fonte das mulleres” de Radu Mihailean; e o venres 26 de novembro “Te doy mis ojos”, de Icar Bollain, incluída no ciclo de proxeccións de películas “Cinema Galego”, da man de Rebobina Asociación Cultural, os últimos venres de mes.
O concelleiro responsable, Sergio Casal valorou “a boa acollida” que tivo a nova localización do mercado ambulante que hoxe abriu na rúa Leandro Diz e parte da rúa Xogo da Ola. O concelleiro destacou “a boa acollida do público en xeral e o acordo total cos vendedores ambulantes”.
Son 105 postos de venda autorizados que se repartien entre a rúa Leandro Diz e nun tramo de Xogo da Ola, concretamente onde está a “zona azul”.
Por outra banda, o aparcadoiro de terra seguirá en uso. O acceso ao aparcadoiro esta sinalizado con valas e cinta para garantir a entrada e saida de vehículos.
Sergio Casal indicou que aínda será necesario que “todos nos adaptemos” pero en xeral “estou moi contento co resultado desta estrea”, concluíu o concelleiro responsable de Mercados.
Estas medidas tómanse como consecuencia das obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez, no tramo que discorre ata a praza de San Sebastián, que teñén un prazo de execución de catro meses.
A Concellería de Medio Ambiente informa que comezou a instalación dos novos contedores de aceite usado que se distribuen en todas ás parroquias e no centro da vila.
O Concello procedeu a instalación destes contedores para a recollida de aceites vexetais usados domésticos, distribuídos polas parroquias de Atios (2 unidades), Budiño (3 unidades), Cans (1), Chenlo (1), Mosende (1), Pontellas (1), Torneiros (3) e Santa María de Porriño (11), ademais de un contedor no Punto Limpo municipal.
A xestión integral do residuo correrá a cargo dunha empresa externa especializada no sector. No convenio establecido coa empresa, inclúese a opción de adhesión por parte dos locais de hostalaría, colectividades e restauración para a xestión dos seus aceites vexetais usados domésticos.
Con esta acción o Concello de Porriño da cumprimento ao estipulado no novo marco legal autonómico sobre este fluxo residual e afonda na circularidade da súa xestión, xa que evita o seu vertido a rede de saneamento ou a súa mestura con outros residuos e facilita a súa recuperación para ser reutilizado.
Unha delegación municipal desprazouse a Cabo Verde para participar nunha serie de sesións de traballo do proxecto “EcoYouth”, coordinado polo Concello do Porriño e financiado con fondos da Unión Europea. Trátase dunha iniciativa participada polo Instituto Porriñés de Educación Secundaria “Ribeira do Louro”, pola Universidade de Cabo Verde e por asociacións de Mozambique e Portugal. “EcoYouth” ten como obxectivo promover o empoderamento da mocidade na loita contra o cambio climático nos países participantes no proxecto.
A delegación do Concello estivo encabezada por Lourdes Moure, concelleira de Educación e integrada por Noelia de la Fuente, responsable da OMIX de Porriño e Rafael Alonso, enxeñeiro municipal. Durante a primeira xornada de traballo, a delegación porriñesa asistiu aos traballos de repoboación forestal e limpeza de praias na illa de Sao Antón realizados pola poboación autóctona en colaboración con dúas asociacións locais sen ánimo de lucro (“Amupal” e “Luipa”). Á conselleira Lourdes Moure Varela, conxuntamente con outros xefes das distintas delegacións, fai entrega da maior parte do material didáctico facilitado polo Concello.
Na segunda xornada da viaxe, a delegación porriñesa participou no “VI Congreso de Educación Ambiental dos Países e Comunidades de Lingua Portuguesa”.
O terceiro e último día da viaxe, acolleu a reunión de traballo final de todos os socios do proxecto “EcoYouth”. A delegación municipal participou xunto cos profesores que representaron ao IES Ribeira do Louro e con portavoces da Universidade de Cabo Verde e das asociacións ASEJANA -de Mozambique- e ASPEA -de Portugal-.
Tomáronse decisións relevantes no que atinxe ao proxecto que terán continuidade en Porriño, a desenvolverse en 2022.
O Concello de Porriño, a través da Concellería de Medio Ambiente, organizou unha Xornada de Formación sobre Compostaxe, realizada no Multiusos de Torneiros, dirixida a persoal docente e directivo de varios centros de ensino da vila que van realizar compostaxe. Nesta quenda participaron CEIP da Ribeira; CPR Santo Tomás; ACEESCA; CPR Hermanos Quiroga e IES Ribeira do Louro.
Entregáronse composteiros polo Concello (cedidos por SOGAMA) aos centros solicitantes. A xornada impartida polo mestre composteiro Emilio Rodríguez Cochón, técnico do Concello, tivo coma finalidade estender a práctica da autocompostaxe polos centros de ensino do municipio, fomentando a prevención da xeración de residuos e así acadar unha xestión máis sostible do lixo.