Bando da Alcaldía recomendando responsabilidade nos cemiterios e evitar aglomeracións

 

Ante as inminentes datas de Defuntos e Todos os Santos, a Concellería de Cemiterios insta á veciñanza a que eviten aglomeracións e acudan con antelación dabondo e manteñan as debidas precaucións e protocolos anti-covid.  

A tal fin, a Alcaldesa Eva García de la Torre promulgou un bando nos seguintes termos:

“Con fin de visitar ós nosos defuntos nestes días; dende o Concello pedimos responsabilidade á hora de evitar aglomeracións nos cemiterios municipais e relixiosos”.

Este bando colocaráse nos accesos dos cemiterios existentes no Porriño.

 

Presentadas 78 solicitudes para as axudas municipais a autónomos, pemes e micro empresas do Porriño afectadas pola crise sanitaria

78 solicitudes presentáronse para acceder as axudas que prestará o Concello para autónomos, pequenas e medianas empresas e micro empresas do Porriño afectadas pola crise derivada da pandemia sanitaria. O prazo de presentación de solicitudes comezou o martes 29 de setembro e rematou onte martes 20 de outubro, segundo informou a Alcaldía.

O Servizo de Intervención do Concello estudará de inmediato cada petición e revisará a documentación, requirindo a que puidera faltar no prazo de dez días que se comunicará. Unha vez rematado o proceso de revisión, será a comisión técnica a que resolverá a concesión das axudas económicas que para cada caso ten un tope de 1.200 € por peticionario.

Estas axudas a autónomos, pemes e micro empresas realízanse con cargo a un fondo de 100.000 euros, segundo acordo da corporación municipal.

O Concello aprobou a Conta Xeral de 2019

A corporación municipal aprobou por maioría a Conta Xeral do Concello do Porriño do exercicio de 2019, nunha sesión extraordinaria telemática celebrada esta tarde.
A aprobación acadouse cos 9 votos que sumaron PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera (UDDL). Previamente desestimáronse as alegacións presentadas polo Partido Popular e por un particular.
A aprobación da Conta Xeral é un trámite de obrigado cumprimento ao remate de cada exercicio por parte das administracións municipais cun informe sobre a súa situación patrimonial; gastos e ingresos , e grao de execución orzamentaria.
Na mesma sesión aprobouse definitivamente cos nove votos favorables de PSOE, BNG, EU Son e UDDL e as abstencións dos concelleiros do PP, o suplemento de crédito 2/2020 por importe de 326.000 € para diversos pagamentos xa recoñecidos.

Catro técnicos para reforzo en “Porremprego”


Catro novos contratados laborais veñen de incorporarse nestes días as oficinas de “Porremprego”, segundo informa a Concellería de Emprego que dirixe David Alonso. Trátase de dous orientadores laborais, un técnico de emprego e unha traballadora social.

Prestarán servizo durante doce meses. Os seus contratos están subvencionados pola Deputación Provincial con cargo ao programa “O teu primeiro emprego”.

A Policía Local esclarece un roubo nunha lavandería e identifica ao presunto autor


A Policía Local do Porriño pechou a investigación para esclarecer un delito contra o patrimonio e entregou o atestado coas dilixencias no Xulgado de Garda desta vila. As pescudas policiais determinaron que o presunto autor é un veciño de Sanguiñeda, J.V.M., de 30 anos de idade e con numerosos antecedentes.

A súa identificación acadouse a través das imaxes gravadas polas cámaras de seguridade do establecemento, unha lavandería de auto-servizo, sita na avenida Buenos Aires, onde o presunto autor colleu un televisor de pantalla plana valorado en 289 €. Dous días despois do roubo, o presunto autor fora identificado por un dos axentes policiais levando a mesma roupa que vestía na data de autos e que aparece nas imaxes gravadas polas cámaras de seguridade.

Porriño decide facer o vindeiro pleno en liña

A corporación local do Porriño celebrará o vindeiro luns 19, unha sesión plenaria telemática, segundo decidiu a Alcaldía despois de consultar cos voceiros de todos os grupos municipais.
Durante o estado de alarma, a corporación porriñesa xa fixera o pleno do 27 de maio de xeito telemática.

Agora a decisión fundamentase na interpretación que fai o Concello da recente normativa anti-Covid promulgada pola Xunta de Galicia que limita as reunións a 10 persoas.

O pleno, de carácter extraordinario, consta de tres asuntos. Ademais da aprobación da acta da sesión anterior, lévanse para aprobación definitiva a Conta Xeral do exercicio 2019 e o suplemento de crédito 2/2020.
A sesión comezará ás 17 horas e será retransmitida en “streaming”, dende a páxina web do Concello, na mediateca de plenos.

Adxuntamos a orde do día da sesión.

Pleno 19 de outubro

 

 

O “Pinta Muros” continúa o seu periplo polos centros docentes do Porriño

 

A actividade “O Pinta Muros” que promove o Concello do Porriño, a través da OMIX, segue o seu percorrido polos colexios e institutos do termo municipal. Hoxe fixo escala no CEIP de Atios onde os escolares pintaron un mural colaborativo co nome do centro docente nunha das paredes na zona dos patios que estaba moi deteriorada.

Lourdes Moure, concelleira de Educación e Noelia de la Fuente, responsable da OMIX acudiron a mediodía a presenciar a actividade.

  

“O Pinta Muros”, é unha iniciativa dirixida pola Concellería de Educación que se desenvolve en colaboración coa Asociación “Vella Escola”, programa a elaboración dun mural artístico colaborativo de 15m2 aproximadamente, con temáticas relacionadas coas problemáticas sociais actuais (igualdade, medio ambiente, ocio saudable…), usando unha metodoloxía que promove a participación activa da mocidade en iniciativas de ocio educativo inclusivo.

Desenvolvese ao longo deste mes de outubro,  dentro do horario lectivo ata acadar unha participación total de preto de 350  mozas e mozos con idades a partir dos 9 anos, de todos os colexios e institutos porriñeses e o centro de educación especial “Aceesca”.

 

Entrou en vigor a modificación da ORA (“zona azul”) na contorna do Mercado


O Concello e a Policía Local do Porriño informan de que entrou en vigor a modificación da ordenanza reguladora de aparcamentos (ORA), segundo o acordo acadado polo pleno da corporación municipal do Porriño o pasado 30 de xuño e unha vez cumprimentados os prazos legais de alegacións e publicidade.

As dúas principais novidades desta modificación son a contía das sancións e o límite de tempo de estacionamento.

A principal causa pola que se acometera esta modificación da ordenanza foi a limitación do tempo de aparcamento. Deste xeito aténdese unha reclamación da veciñanza pola escaseza de aparcamento na zona da Praza de Abastos e a gran demanda de prazas de estacionamento que se require para a atender o comercio.
A Concellería de Seguridade atendeu esta petición en aras de dinamizar ao Mercado e o comercio local e dar unha solución ao problema de circulación. Promulgou a modificación da ordenanza que regula o estacionamento, contando co informe da Policía Local, entendendo que na zona do entorno da praza de abastos, debese axilizar a circulación rodada. Por estas razóns, limítase o estacionamento dos vehículos a 45 minutos ( e non de hora e media como antes) considerando ese tempo como dabondo para realizar as compras no mercado e no comercio local.

No que atinxe ás multas por infracción da ordenanza, actualizase ao establecido polas leis de trafico. Polo tanto haberá unha redución do 50% se o pagamento da sanción se fixera efectivo no prazo de 20 días naturais. O importe das sancións non se incrementou. Sanción de 36 € por modificar a hora de chegada despois do estacionamento; e sancións de 24 € por falta de disco ou comprobante; superar o límite horario; estacionar de novo na mesma rúa ou praza sen que transcorreran dúas horas; ou ocupar dúas prazas de estacionamento.

As prazas destinadas a persoas con dificultades de mobilidade manterán o tempo de estacionamento de tres horas.

Por conseguinte, os sinais informativos serán cambiados para recoller estas novidades.

A pista 2 do Polideportivo Municipal estrea nova imaxe

 

A pista 2 do Polideportivo Municipal, unha vez rematadas as obras de lixado, arranxo e colocación da nova superficie de madeira para concluír a reparación dos danos ocasionados polas inundacións do 1 de xuño, estrea nova imaxe co pintado das liñas da cancha en cor morada.

A decisión responde a “un xesto de solidariedade coa perspectiva de igualdade e contra a violencia de xénero”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes que hoxe estivo a comprobar diversas actuacións no Polideportivo. Entre elas, a colocación nas dúas pistas de novas proteccións na zona das canastras.

 

O concelleiro inspeccionou os traballos de arranxo do ximnasio do Pavillón 1 que están a rematarse coa colocación do novo parqué de vinilo, despois de ter concluídas as obras de impermeabilización. Neste ximnasio terán lugar as clases de pilates e de ximnasia de mantemento en catro quendas, cada unha con 10 persoas e divididas por días.

A Policía Local rescata a un veciño maior que camiñaba desorientado pola Autovía

 

A Policía Local localizou a un home de 85 anos de idade, veciño de O Porriño, que circulaba a pé pola Autovía A-52, onte luns, ás 13,40 horas. A través do 112, recibiuse aviso de que un varón, de idade avanzada, camiñaba pola Autovía en dirección Vigo e que corría serio risco.
Os axentes que se desprazaron atopárono camiñando á altura do punto quilométrico 306 comprobando que se trataba dunha persoa maior que ten problemas de demencia, procedendo ao seu traslado e entrega a súa familia que xa estaba a buscalo.
Aínda que o ámbito de actuación das Policías Locais no eido do tráfico restrínxese ás zonas urbanas, non é a primeira vez que axentes do Porriño acoden a atender estas situacións en vías interurbanas, como aconteceu o pasado 5 de setembro deste ano, cun home de 80 anos, tamén veciño porriñés, que sen ningún tipo de roupa reflectante camiñaba pola autovía A-55.

Neste senso, dende a Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure, fai un chamamento á colaboración da veciñanza para que dean aviso á Policía Local do Porriño que dispón dunha contrastada capacidade de resposta operativa non superior a tres minutos ante calquera urxencia.