Nenos e nenas do Porriño que participan do Consello Municipal da Infancia elaboraron 4 pequenas pezas audiovisuais nas que contan a súa experiencia durante a corentena fronte ao Covid-19 e de cara á “nova normalidade”.

A idea xurdiu dos propios nenos e nenas durante os contactos e conversas que durante este tempo mantiveron co persoal técnico do concello encargado do proxecto “Cidades amigas da infancia”.

Deste xeito os nenos participantes “queren deixar constancia da súa experiencia durante estes meses, tanto no plano persoal como tamén no educativo, e tamén dende a súa faceta de representantes da mocedade porriñesa no consello municipal de infancia” explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación.

A Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) foron quen fixeron posible a elaboración dos vídeos que “pretenden visibilizar o traballo realizado polos nenos, nenas e adolescentes do consello municipal de infancia”. “Tamén evidenciar a aposta do Concello por manter estes mecanismos de participación infantil mesmo nos momentos mais complicados, xa que contribúen a coñecer mellor as necesidades reais da infancia e facilitan a posta en marcha de medidas mais axustadas a súas necesidades e realidade, como fixo este concello durante os últimos meses”,  manifestou Lourdes Moure.

A continuación poden visualizar os catro vídeos nos que nenos e nenas do Porriño relatan como levaron a corentena, que medidas de protección deberemos observar, como entenden que será a “nova normalidade” e, finalmente, falan da súa experiencia como integrantes do Consello Municipal da Infancia. 

 

https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/1274082566128934/?t=23
https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/250058769630182/?t=0
https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/666802484175710/?t=24
https://www.facebook.com/ConcellodoPorrino/videos/1105965946462964/?t=0