Representantes do Consello Municipal de Infancia do Concello do Porriño foron convidados a participar no VI Foro de Participación Infantil no Parlamento de Galicia con motivo da conmemoración do ‘Día Universal do Neno’.
É a primeira vez desde que se celebra este foro no parlamento de Galicia da man de UNICEF que conta coa presenza de nenos e nenas de fora de Santiago de Compostela.
Tratouse dunha boa oportunidade para que os representantes no consello municipal de infancia do noso municipio, recoñecido recentemente como Cidade Amiga da Infancia por UNICEF, se achegasen ao espazo no que se toman as decisións sobre as políticas autonómicas, a para que a súa voz fose escoitada mais alá do eido local.
Para esta ocasión a representación do Porriño recaeu en Noa Vázquez Ojea e David Alonso Pérez que como voceiros do CEIP de Atios foron escollidos por sorteo entre os participantes no Pleno Infantil do pasado mes de abril, que estiveron acompañados pola concelleira de Educación e Xuventude Lourdes Moure Varela, ademais de por Noelia de la Fuente Pérez, da OMIX do Concello do Porriño, e do director do seu centro educativo, Roberto Devesa Fernández.
A participación neste foro, xunto co Pleno Infantil, previsto para o próximo día 20 de novembro, no Concello, supoñen unha nova oportunidade para dar relevancia á infancia na axenda pública, reafirmar a vixencia da Convención sobre os Dereitos da infancia e poñer a mirada nos cambios necesarios para que o seu contido sexa realidade para todos os nenos e nenas do Porriño.