A noite de onte será difícil de olvidar para moitos veciños e veciñas do Porriño e arredores, e turistas e peregrinos, que asistiron á homenaxe a Caballé e Pavarotti “Querida Montserrat, querido Luciano”, na praza do Arquitecto Antonio Palacios da vila do Louro. O espectáculo, organizado en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Concello do Porriño, conseguiu encher a praza, que vibrou coas actuacións das sopranos Montserrat Martí Caballé, Simona Todaro Pavarotti, María Dolores Crespo Abuín e o barítono Luis Santana. Ao piano, acompañando en todo momento, o pianista madrileño Víctor Carbajo.
Santana abriu o espectáculo anunciando unha indisposición de Caballé debido a unha caída recente, que podería comprometer a actuación da soprano catalá. Sen embargo, a cantante lírica non quixo fallar ao seu público e creceuse no escenario, chegando a dicir durante o concerto “Porriño me sienta bien. Me acaban de tomar la tensión y antes estaba a 16/9 y ahora estoy a 13/8”. “Nunca había tenido tanta asistencia”, agradecía Caballé.
Actuacións esperadas, como o “Ave María” de Schubert, “O Sole Mío” de Eduardo di Capua ou “Granada” de Agustín Lara, fixeron estremecer ao público.
Rosalía de Castro, Jose María Cano, Nino Bravo e Freddie Mercury, moi presentes
O repertorio completouse con cancións con letras da nosa Rosalía de Castro, como “Rosa de Abril” e “Negra Sombra”. Galicia está moi presente no corazón dunha das protagonistas do recital, xa que Montserrat Caballé coñeceu ao seu marido, o tenor Bernabé Martí, na Coruña, “por eso estoy yo aquí”, confesaba Martí Caballé, “soy un poco gallega también”, engadía.
“Hijo de la Luna”, de José María Cano ou “Ensueño”, composta por Freddie Mercury para Montserrat Caballé e a única canción que o componente de Queen cantou en español, conectaron de marabilla co público, que acabou en pé coreando “Libre” de Nino Bravo.
“Que noite tan máxica a que vivimos onte! Ateigamos a praza, unidos pola emoción da música e o legado de dous grandes artistas, Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti. Vivir este momento xuntos foi un verdadeiro regalo”, declaraba Alejandro Lorenzo.