O Concello do Porriño deu comezo hoxe á actividade “Bautismo de Surf”, unha iniciativa destinada ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros escolares do municipio. A proposta, que terá lugar durante a primeira quincena de maio na praia de Patos, en Nigrán, busca achegar aos máis novos ao medio mariño dun xeito lúdico, seguro e educativo. Ao tempo que descubren un deporte como o surf, os participantes terán a oportunidade de aprender sobre a importancia de manter hábitos de vida saudable, valorar o traballo en equipo e tomar conciencia do respecto e coidado do entorno natural.

Na primeira xornada, celebrada esta mañá, o alumnado foi recibido polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, pola concelleira de Educación, Carolina González, polo alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, e por Daniel Benavides Alonso, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra, que quixeron dar a benvida aos participantes e poñer en valor a importancia dunha experiencia que une deporte, aprendizaxe e concienciación ambiental.

O alcalde Alejandro Lorenzo afirmou que “apostamos por unha educación integral que vai máis alá das aulas. Actividades como esta permiten que os nosos nenos e nenas se relacionen co entorno, practiquen deporte e aprendan valores fundamentais como o compañeirismo ou o respecto polo medio ambiente”.

A actividade desenvolverase ao longo de catro xornadas e contará coa participación de 207 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria dos centros CEIP Antonio Palacios, CEIP da Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CEIP Atios, CEIP da Cruz Budiño, CPR Santo Tomás e CPR Irmáns Quiroga.

A experiencia está guiada por monitores cualificados da asociación Quenlla Surf Clube, que velarán pola seguridade dos participantes e adaptarán a actividade ás súas idades e capacidades. O programa non só pretende iniciar aos rapaces na práctica do surf dun xeito lúdico e seguro, senón tamén fortalecer o espírito de colaboración, o coñecemento do medio mariño e a sensibilización sobre a importancia da súa conservación.

A concelleira de Educación, Carolina González, destacou que “a finalidade deste programa é promover os beneficios do deporte e a vida saudable entre os máis novos, ao tempo que se crea unha experiencia lúdica e educativa nun entorno natural privilexiado como é a costa galega”. Subliñou tamén a importancia de ofrecer actividades que descubran aos nenos e nenas novas paixóns e formas de relacionarse co mundo que os rodea.

A iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, a través do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra, no marco do seu compromiso co fomento da actividade física e dos valores educativos no entorno natural.

Con este tipo de programas, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cun modelo educativo activo, participativo e respectuoso coa sustentabilidade, promovendo experiencias que contribúan ao desenvolvemento integral da infancia.