O 56% das persoas en situación de desemprego que participaron o ano pasado no programa ‘Porriño Accede’, impulsado polo Goberno local a traveso da Concellería de Emprego, están traballando, unha porcentaxe que no caso daquelas que recibiron formación específica para desempeñarse no sector da automoción achégase ao 74%.
En conxunto, en 2017, un total de 67 persoas atoparon traballo logo de ter completado este programa, o que representa o 55,8% de todas e todos os participantes no mesmo, unha proporción que no caso das industrias do sector da automoción é do 73,3% -con 55 insercións de 75 alumnas e alumnos-.
‘Porriño Accede’ é un programa municipal de formación con prácticas en empresas, dirixido ás desempregadas e desempregados do Porriño, que proporciona accións formativas de calidade tendo en conta, ao mesmo tempo,as necesidades de emprego das empresas.
O obxectivo é facilitar a inserción ou a volta ao mercado laboral de persoas que están en situación de desemprego para o cal asínanse convenios, con diferentes compañías de distintos sectores, por medio dos cales o Concello do Porriño asume o custo da formación e estas firmas achegan o persoal especializado encargado de impartir a mesma.
En 2017 participaron neste programa 15 empresas, 8 delas do sector da automoción, por medio dun programa deseñado á medida. Ao mesmo tempo, ás empresas que o desexen tamén poden participar neste programa coa acollida de aspirantes en termos máis axustados, previa formación polo Concello, no marco dun programa avanzado pola empresa que asume o rol de promotora.
Este é o caso do compromiso asumido por Ti Automotive, radicada no Porriño, á que a alcaldesa, Eva García de la Torre, e a concelleira de Emprego, fixeron unha visita o venres pasado, que acolleu e contratou a participantes no programa ‘Porriño Accede’ ofrecendo máis dunha oportunidade laboral a porriñesas e porriñeses que hoxe teñen un posto de traballo.
Eva García de la Torre subliña que por medio de ‘Porriño Accede’, “proporciónase unha alternativa real a colectivos de difícil reinserción laboral pois permite formar a persoas desempregadas en postos demandado polas empresas, garantindo, deste xeito, o acceso ao mercado laboral”.