O Porriño ten ultimada xa para a Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos, que chegarán á vila este venres, día 5, ás 6 da tarde. A esa hora Melchor, Gaspar e Baltasar, sairán nas súas carrozas cara ao centro antes de empezar, xa pola noite, o reparto dos xoguetes.
A Cabalgata que estará encabezada pola Rondalla de Pontellas, estará composta polas tres carrozas das Súas Maxestades, outras dúas máis con regalos e unha terceira que pechara a comitiva na que haberá duendes, zancudos, cabalos ou figuras de luz, entre outras sorpresas.
Os Reis, logo de saír da rúa Doantes de Sangue, percorrerán a Avenida Antonio Palacios, continuarán por Domingo Bueno, San Sebastián, San Benito e Ramón González para chegar, á Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, logo de facer un percorrido ‘áxil’, posto que as previsións sinalan que podería chover ás 8 da tarde..
Diante do Concello, haberá un palco onde se disporán os tronos dos tres Magos nos que recibirán as nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus últimos pedidos, collerán as súas últimas cartas e posarán para as fotos que os pequenos queiran facerse con eles.
No caso de que chovese antes do remate da Cabalgata, a recepción ás Súas Maxestades se realizaría no Pavillón Municipal.
Rúas afectadas por cortes de tráfico
A Policía Local informa de que por mor da Cabalgata non se poderá estacionar na rúa Donantes de Sangue, dende as 3 da tarde deste venres, dende a entrada á piscina ata a rúa Antonio Palacios. Esta rúa estará cortada ao tráfico dende as 5 ás 6 da tarde, momento no que se iniciará a comitiva.
Tamén se cortará ao tráfico rodado a rúa Antonio Palacios, dende o cruzamento con Donantes de Sangue –pavillón- ata a rotonda de Aloqus- rúa Domingo Bueno- dende as 6 da tarde.
Así mesmo estará cortada a rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento da Pontenova, dende as 6 e cuarto da tarde; o mesmo pasará nos dous carrís da Avenida de Galicia- aínda que se permitirá o acceso a residentes-; tamén Pío XII e Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o cruzamento de Xogo da Ola ata a Panadería Chinchina-nestas rúas tamén estará prohibido aparcar.