O Porriño contará moi pronto cun novo espazo cultural, un auditorio municipal versátil que resolverá as carencias de espazo escénico de calidade que arrastra desde sempre a vila do Louro.
O Concello do Porriño vén de licitar a construción destas instalacións cun orzamento de preto de 2,8 M de euros. “O novo auditorio municipal non é só un lugar pensado para disfrutar da música, do teatro e do arte en xeral, senón un punto de encontro para os veciños e veciñas do Porriño, un espazo pensado para enriquecer a vida cultural e social da vila”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Estamos ante unha actuación necesaria xa que o aforo do actual salón de actos resulta insuficiente para atender as necesidades reais dun concello como o noso, e co fin de dar solución a isto sen dilación, proxectouse un edificio integrado no patio traseiro do actual Centro Cultural que abarca tamén a parcela colindante”.

Un auditorio multiusos de calidade, versátil e adaptable
O edificio contará un espazo auditorio multiusos de calidade, cunha acústica adecuada para o uso e un patio de 340 butacas, das cales 184 serán grada retráctil e 156 fixas, facéndoo máis versátil e dinámico xa que se adaptará a múltiples usos escénicos. Esta bancada está deseñada para poder ser ampliada. Todo o habitáculo está orientado a xerar unha cuncha acústica perfecta que permita xerar un ambiente agradable aos/as usuarios/as. Dispoñerá de dous baños adaptados e unha zona de camerinos completamente equipada vinculada co acceso ao escenario. A estética do mesmo dialoga co edificio principal, onde se ubica na actualidade o Centro Cultural, con muros de formigón encofrados, acabados interiores de madeira de Okume e pedra granítica no exterior.
O salón de actos terá dous accesos, un desde a entrada do Centro Cultural Municipal e outro desde a rúa Xosé Fernández López, e contará cunha escaleira lateral de acceso á parte alta do auditorio, fundamental no caso de que estean as gradas recollidas.
O edificio contará tamén cun espazo exterior cuberto de usos múltiples vinculado ao auditorio actual do Centro Cultural no que se desenvolverán actos ao aire libre.

“Non queremos que sexa só un salón de actos, o auditorio está pensado para ser o centro neurálxico da cultura dun pobo que se caracteriza pola creatividade e a inquedanza artística da súa xente”, concluíu Lorenzo.
A construción deste novo auditorio conta co respaldo da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra e rematará no ano 2026. Ademais, a creación deste novo edificio permitirá dar novos usos ás instalacións do Centro Cultural Municipal, reconvertindo espazos como novas salas de exposición e o actual salón de actos nunha nova sala de Cine Municipal.
