O Concello de Porriño, a través da Concellería de Festas, colabora e apoia a iniciativa dunha asociación que ven de instituír os premios “Cabezudos de Honra” que pretenden homenaxear en vida a veciños e veciñas pola súa traxectoria e exemplo social.
Roberto Cuerdo, portavoz da “Asociación Cabezudos de Honra do Porriño” explicou na presentación do evento que “entendíamos que existe unha necesidade de premiar a persoas cunha transcendencia social, cultura e laboral no noso pobo, non por un feito puntual senón polo exemplo de toda a súa vida”, segundo manifestou.

Para esta primeira edición, a asociación promotora elixiu a:
Josefa Paz Valverde, máis coñecida como Doña Pucha, profesora con máis de 60 anos de exercicio na docencia en Porriño; Joaquín Diz Tato, máis coñecido en toda a vila como Cuquín, funcionario xubilado despois de 50 anos e un día de traballar no Concello e persoa de gran transcendencia social; e finalmente Teté Delgado, actriz, cantante e presentadora de televisión, vencellada a Porriño desde a súa infancia.

Estes galardóns consistirán na entrega dunha reprodución do busto do arquitecto Antonio Palacios e a confección dun cabezudo coa faciana caricaturizada de cada un dos galardoados que serán sacados nos festexos para ter presente a súa lembranza.
Para o busto de Palacios tomouse un molde hai uns días, instante que reflicte unha das fotografías que incluímos. Os cabezudos son realizados por un taller de Chapela en poliéster.


Os premios e os cabezudos entregaranse anualmente co gallo das Festas na mesma tarde que se realiza o pregón inaugural dos festexos. Polo tanto a estrea dos Premios Cabezudos de Honra de Porriño será o vindeiro venres 20 de setembro nun acto nas escaleiras do Parque do Cristo ás 19 horas.

David Alonso, concelleiro responsable da organización das Festas do Cristo manifestou pola súa banda que “desexamos que a partir deste ano, esta iniciativa dos Cabezudos de Honra se consolide como unha tradición e que perdure no tempo por riba de quen sexa o que goberne Porriño”, sinalou.