O lugar da ‘Volta da Moura’, servirá de escenario, este domingo día 6 de agosto, ás 7 e media da tarde, para lembrar a 9 veciños do Porriño que foron asasinados polo Exército franquista días despois do golpe de Estado de xullo de 1936.
Un monumento, obra do artista Marcos Escudero, lembrará a Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.
Neste lugar, os seus nomes ficarán escritos na pedra, a carón da Oliveira na que cada 14 de abril, Día da República, por iniciativa da ‘Asociación Levada Libre’, de Tui, faise unha homenaxe ás persoas que asasinadas polos golpistas hai xa 81 anos.
Xunto aos nomes destes nove veciños do Porriño, noutra das caras do monumento, estarán esculpidos os das súas mulleres e compañeiras, Asunción, Carmiña, Emilia, Manuela, Carmen, Consolación de la Asunción e Elvira, que como se indicará na mesma pedra, “a pesar da dor infinda, preservaron con orgullo e dignidade todo o lume que portaban os seus ollos e agromara e florecera”.
Ao acto, aberto ao público, agárdase que acudan os alcaldes de Tui e Salceda, Enrique Cabaleiro e Marcos Besada, a voceira do Grupo Municipal Socialista do Porriño, Soledad Girón, o tamén concelleiro socialista do Porriño Orlando Márquez, e unha persoa en representación da Deputación de Pontevedra, ademais de amigos e familiares dos veciños da vila aos que se renderá homenaxe neste acto.