O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o presidente da Asociación de Veciños de San Xurxo de Mosende, Ángel Lago, asinaron esta semana o convenio de doazón de terreos entre ambas entidades para a execución de obras de ampliación do Cento Cultural de Mosende e o acondicionamento da súa contorna.
En virtude do mesmo, o Concello comprométese á executar nun prazo de catro anos as obras que consistirán na construción dunha sala multiusos de aproximadamente 320 m2 destinados a sala de concertos ou celebración de eventos, un almacén para material de ensaio, para uso e disfrute da veciñanza da parroquia, así como o acondicionamento da súa contorna mediante a construción dun parque infantil e un aparcamento.
“As instalacións das que dispoñen na actualidade en Mosende son insuficientes para as necesidades que presenta a parroquia”, salientou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Coa ampliación do centro cultural atendemos unha antiga e xustificada demanda da veciñanza, proporcionando un espazo acaído para o desenvolvemento das actividades culturais e veciñais da parroquia, ademais de acondicionar a contorna para uso e disfrute de todas e todos”.
Lorenzo agradeceu a disposición da asociación de veciños a axilizar os trámites precisos para levar a cabo este proxecto e a doazón destes terreos da súa titularidade polo interese da veciñanza da parroquia.