A Fiscalía da Área de Vigo ven de comunicar á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, que “non iniciará actuacións de clase algunha” e solicita o arquivo da denuncia presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular en data 23 de novembro de 2017, na que sinalaba coma constitutiva de delito “a tramitación polo plenario do Concello do expediente de modificación orzamentaria número 2 creto extraordinario e suplemento cto./2017 e recoñecemento de creto en favor de diversos acredores por importe de 2.114.426,13€”.
A Fiscalía esgrime, entre outros motivos para desestimar estas dilixencias de actuación penal, varios informes do interventor e do secretario municipal, que apuntan distintos erros na denuncia formulada polo Grupo Municipal do Partido Popular- entre eles que alude a feitos que non se refiren ao expediente tratado no Pleno de 16 de xuño de 2017, senón á modificación orzamentaria aprobada polo Pleno de 27 de xullo” por un importe de 2.174.982,80€-, ou que os gastos incluídos no expediente “corresponden a facturas expedidas nos anos 2014 a 1016, polo que resulta no posible a súa imputación directa ao orzamento de 2017”.
O ministerio público sinala, tamén que os devanditos informes advertían da posibilidade de interpoñer un recurso contencioso-administrativo antes do 20 de decembro de 2017 e que, sen embargo, “o 23 de novembro presentouse ante esta Fiscalía a denuncia que deu orixe ás presentes dilixencias de investigación penal” o cal, a xuízo da Fiscalía, ao non terse interposto ese recurso contencioso-administrativo e non haber pronunciamento do xulgado competente, “lévanos á conclusión de que non contamos con elementos de proba para poder instar a iniciación dun procedemento penal”, e “procede o arquivo das presentes dilixencias”.