O Festival de Cans continúa nesta 15ª edición-na que a achega do Concello é a meirande da historia do certame– a súa aposta por atender a todos os públicos, e faino reforzando e ampliando MiniCans, a súa programación infantil.
O entorno do Parque do Río e espazos emblemáticos do festival como o Cuberto de Antonio, o Baixo de Carlos ou o Cuberto de Pato acollerán o venres 25 e o sábado 26 toda unha serie de actividades pensadas para que as gocen as familias e, en particular, as nenas e nenos de máis de 3 anos.
Dende as 5 da tarde do venres haberá obradoiros, música, proxeccións, maxia e ata unha degustación de Galletas Mariñeiras cortesía de Daveiga. A área do Parque, deseñada pola veciña de Cans e interiorista Isis Rodríguez, contará con postos de comida e parque infantil, todo elo pensado para facilitar o desfrute e participación da rapazada. Tanto o Parque como as salas permiten a total accesibilidade con carros de bebé, e o Festival poñerá autobuses adaptados dende o centro do Porriño ata Cans para facilitar o acceso á aldea. As entradas para as actividades de pago (O cinematomago, Therefilme e Unha vida de cine) están dispoñibles xa a un prezo de 3€ en tenda.festivaldecans.com, ata as 23:59 deste mércores.