A plantilla da firma porriñesa “Maderas Iglesias” solicitou hoxe a Eva García de la Torre que inste unha reunión conxunta de alcaldes dos concellos afectados por la crise desta firma co conselleiro de Industria e vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde.
Actualmente “Maderas Iglesias” conta con 148 traballadores, veciños de concellos da zona. Os que máis teñen son de Porriño, Salvaterra, Mos, Ponteareas, Salceda e Vigo.
Eva García, acompañada de Lourdes Moure, concelleira de Facenda, comprometeuse a trasladar a invitación ás alcaldesas e alcaldes destes concellos para que se sumen á petición de entrevista co conselleiro de Industria.
Os representantes dos traballadores trasladaron á alcaldesa a súa inquedanza polo inminente anuncio da poxa do inmoble da fábrica como consecuencia dunha resolución do Xulgado nº 3 do Porriño, segundo sentenza do pasado mes de agosto. O inmoble está valorado en 28 millóns de euros por unha peritación xudicial pero os traballadores temen que se sexa vendido por unha cantidade moi inferior e con miras ao negocio inmobiliario.
“Maderas Iglesias” foi un dos fabricantes de tarima flotante máis importantes do sector pero desde que estallou a burbulla inmobiliaria leva unha década en perdas e cunha imparable redución de plantilla con nove EREs consecutivos.