A alcaldesa asinou este mediodía a convocatoria da Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do Covid que terá lugar mañá martes 3 de novembro, ás 13 horas. Forman a devandita comisión a alcaldesa e os cinco concelleiros do goberno local; os voceiros de PP, EU SON e UDDL, o Inspector Xefe da Policía Local, o responsable da Agrupación de Protección Civil e o secretario municipal.
Será unha sesión telemática que abordará o análise e debate da situación actual do Porriño que leva máis de oito días de xeito consecutivos en máximo nivel de contaxios ou alerta vermella.
Eva García demandou hoxe datos á Consellería de Sanidade que lle informou que no Porriño, ata o sábado 31 de outubro había 61 contaxios activos. Restan por coñecerse os datos de onte domingo que non se lle facilitaron aínda.
A reunión que mañá manterá a Comisión Municipal de Seguimento adquire maior importancia porque se celebrará despois de coñecer a avaliación e as medidas que a Consellería de Sanidade poida adoptar, unha vez escoitado o comité científico que ten convocado previamente.
En declaracións efectuadas esta mañá, a alcaldesa porriñesa lamentou unha vez máis “a falla de permeabilidade na comunicación que a Xunta realiza porque adoece de máis cortesía institucional”. “Botamos en falla maior detalle na información solicitada o que nos permitiría aos concellos poder colaborar dun xeito máis eficaz nos diversos eidos posibles, xa sexa en tarefas de desinfección, control da mobilidade ou velar por que se cumpran os illamentos domiciliarios dos contaxiados”, manifestou Eva García.