O Porriño será este sábado, día 29, ás 10 e media da noite, o ‘primeiro paso’ da xira do espectáculo ‘Noites de flamenco e blues’, da man de Raimundo Amador e Javier Vargas e a a súa ‘Vargas Blues Band’.
O considerado ‘concerto estrela’ das Festas do Cristo 2018, arrancará no escenario instalado na rúa Domingo Bueno, primeiro con actuacións de cada un dos protagonistas por separado para tocar xuntos, de seguido, no que se agarda que sexa o momento máxico co blues e o flamenco complementándose grazas a dous dos músicos máis singulares do país.
Como subliña, de novo, a alcaldesa, Eva García de la Torre, este concerto, “coma todas as actividades, eventos e actuacións programadas, será de balde”, algo que foi un dos eixes da programación das Festas do Cristo deste ano que, salienta a alcaldesa, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, abranguen , ao longo de máis de dúas semanas, “74 propostas, dende deporte a teatro, pasando pola música, animación na rúa, obradoiros, ou gastronomía de primeiro nivel coa celebración da 25ª Festa dos Callos o vindeiro domingo, día 30”.