Máis de 2.500 corredores, dende cativas e cativos de 4 anos, ata atletas de elite tomarán a saída na 12ª edición da Interrunning do Porriño, que percorrerá as rúas do casco urbano dende as 10 da mañá deste domingo, día 18 de marzo.

Na presentación oficial da proba, Fredi Velasco, un dos seus organizadores, adiantou que a carreira romperá, de novo, co seu teito de participantes e confirmará que se trata dunha das citas máis importantes, tanto en Galicia coma no conxunto de España.

Por cuarto ano, a proba está homologada pola Federación Española de Atletismo, “o que supón que as marcas que se obteñan nela estarán rexistradas a nivel nacional e internacional”; nunha edición máis haberá un circuíto de 5 quilómetros, “aberto ao todo o público co fin de facilitar que queira poida achegarse a esta modalidade”-que este ano verá aumentado o número de corredores en máis dun 25%- e, tamén de novo, haberá unha representación de pícaros de menos de 4 anos, “200 en total”, que participarán nas modalidades de  ‘Pitufos’ e ‘Chupetes’.

Como xa é tradicional, a Interrunning colabora con SOS Porriño, hai que lembrar que o ano pasado lograra 4 toneladas de alimentos non perecedoiros e que neste 2018 pide aos participantes que leven  un quilo de produtos de alimentación, especialmente azucre, aceite, leite e cacao.

Coma novidade deste ano, a Interrunning  será transmitida en directo, por streaming –podes seguila premento aquí-e os locais do Porriño poñerán nas súas pantallas a carreira para que os seus clientes poidan seguir a mesma comodamente.

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, salientou a importancia que ten a Interrunning e o feito de que o traballo que comezaron hai xa doce anos un grupo de xoves apaixonados polo exercicio físico, sexa hoxe “un exemplo para todos os que amamos  o deporte en todas as súas modalidades”.

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, lembrou que probas como esta “poñen ao Porriño no mapa, tanto no de Galicia coma no nacional” e amosan, dunha banda, o dinamismo e forza do Porriño e,doutra, “que o deporte e os valores que transmiten son esenciais para a formación das persoas”.

Horarios

Os horarios de competición se abrirán ás 10 da mañá coa saída, dende Domingo Bueno dos “Chupetes” –nenas e nenos nados dende 2014-e cadetes –dos anos 2003 e 2004-, que percorrerán distintas distancias; os atletas das restantes categorías, dende xuvenil-nados  en 2001 e 2002-, júnior -1999 e 2000-, Promesa -1996, 1997 e 1998-, ademáis de sénior e veteráns -dende 35 anos- e superveteráns –máis de 46 anos- empezarán a súa proba, na mesma rúa Domingo Bueno, ao redor das 12 menos vinte.

Os dorsais pódense retirar en Intersport Porriño este sábado dende as 10 da mañá ás 8 da tarde, ou o mesmo domingo, día da carreira, de 9 a 11 da mañá, na saída.