A deputada de igualdade, Digna Rivas, xunto á alcaldesa, Eva García de la Torre, participarán este xoves, 20 de setembro, na 21ª intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

Trátase dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica, que terá lugar ao mediodía na Praza de Antonio Palacios, será protagonizada pola actriz galega Mónica Camaño, unha artista cunha longa experiencia e que participou en series como Serramoura, O Códice ou Matalobos; en longametraxes como Doentes, A biblioteca da iguana, O bosque de Levas ou O club da calceta.

A obra que representará Inherente Teatro é “Proxecto Aurora”. Trátase dunha acción escénica na que se fará un chamamento ao fin das violencias machistas e das actitudes patriarcais que, por desgracia, son tan frecuentes na actualidade. Á acción asistirán, xunto ao seu profesorado, alumnos e alumnas dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga.