A alcaldesa Eva García convocou reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid que vai ter lugar este venres 30, ás 12 horas, de xeito `presencial, no Concello. Na devandita Comisión participan todos os grupos políticos da corporación porriñesa.
A convocatoria responde ao anuncio realizado pola Xunta de Galicia de que O Porriño entrará en maiores restricións, nivel alto, a partires das 00:00 do sábado 31. O Porriño ten hoxe unha taxa de 736, con 146 casos en 14 días e 87 casos en 7 días.
A alcaldesa lamentou que “de novo, sexa penalizada a hostalería porriñesa coas medidas anunciadas pola Xunta de Galicia”.
En consonancia, a alcaldesa Eva Garcia anunciou que a comisión municipal de seguimento da Covid determinará actuacións a seguir cara á estrea de novas restricións na hostalería local.
Por outra banda, a Comisión de Seguimento implementará o acordo acadado pola corporación no pleno do mércores, a partires dunha moción presentada polo grupo EU SON e apoiada polos restantes grupos políticos, para recuperar a atención presencial nas oficinas do Concello e prescindir da obrigatoriedade da cita previa para diversos trámites.