Baixo a presidencia da alcaldesa Eva García de la Torre e, finalmente coa presenza de dous vogais en representación da Xunta de Galicia, quedou constituída a Comisión Especial para a Descontaminación por Líndano. A sesión constitutiva realizouse no Concello do Porriño onte mércores á tarde.
Por parte municipal participaron ademais da alcaldesa, os concelleiros Lourdes Moure (PSOE), Pedro Pereira (BNG), Alejandro Lorenzo e Abel Estévez (PP); Manuel Carrera (UDDL) e Pedro Ocampo (EU Son). Foi precisamente EU Son o grupo político que propiciou o acordo plenario unánime para a creación desta Comisión Especial.
En representación da Xunta de Galicia acudiron José Manuel Gónzalez Gónzalez, xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra, e Natalia Botana Rey, xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra.
Ademais forman parte da Comisión Especial, Patricia Sío, voceira da Plataforma de Afectados; representantes veciñais de Relva, Alba e San Salvador; e un vogal de cada un dos tres principais sindicatos (CCOO, UXT e CIG).
Nesta sesión constitutiva acordouse que a Comisión Especial manteña reunións trimestrais o primeiro luns do mes que corresponda polo que a vindeira reunión debería ser no mes de maio, despois das eleccións galegas.
Eva García repetiu a súa valoración “positiva” de que a Xunta de Galicia “estea representada porque sen eles esta Comisión Especial nacería moi coxa”. A alcaldesa sostén que nesta Comisión Especial “a Xunta terá que comprometerse, non só con palabras senón tamén cunha partida orzamentaria”.