O Centro Cultural Municipal acolle mañá venres, ás 18:30 h, a última conferencia das xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”.

 

Nestas xornadas, organizadas desde a Concellería de Cultura a través da biblioteca municipal, abordouse dende diferentes puntos de vista e perspectivas profesionais como favorecer o correcto desenvolvemento das nosas fillas e fillos, dende que nacen e na súa primeira etapa infantil, para favorecer unha vida adulta saudable e enriquecedora.

 

A logopeda Eva López será a encargada de poñer o broche ás xornadas coa conferencia “Dende lactar ata falar, todo un camiño de comunicación”.  Trátase dunha charla evolutiva desde a importancia da lactación nun inicio e os seus beneficios a nivel muscular á hora de desenvolver a linguaxe, e que destrezas son as máis importantes para conseguir unha linguaxe formal e poder comunicarse con calquera persoa.

 

A poñente, Eva López Domínguez, é diplomada en Logopedia e en Audición e Linguaxe pola Universidade da Coruña, posgrado en atención de calidade e integración en persoas con autismo, asesora de lactancia con 18 anos de experiencia como logopeda en diferentes entidades públicas e privadas. Tamén é fundadora e coordinadora do centro de estimulación e aprendizaxe Afalar desde 2010 e coidadadora de nenas e nenos con discapacidade para a Xunta de Galicia. Eva conta cunha experiencia profesional que abarca desde o nacemento á vellez, con maior énfase na poboación de 3 a 18 anos.