Os concelleiros de Limpeza, Orlando Márquez, e de Educación, Lourdes Moure, asistiron á celebración do ‘Día Mundial da Educación Ambiental’ da man de Tropa Verde . Esta organización e o Concello de O Porriño están deseñando xornadas de charlas nas escolas da vila nas que se subliña a importancia do coidado da natureza e dos seus recursos, “facendo fincapé en que é cousa e causa de todos”.

As charlas, sinala Orlando Márquez, tamén teñen coma  obxectivo a diminución de residuos e a necesidade de limitar o uso de embalaxes “porque o mellor residuo é o que non se produce”.

Xa son catro os centros que están a gozar destas xornadas: CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, CEIP da Cruz-Budiño, CPR Plurilingüe Hermanos Quiroga Rodríguez e CPR Santo Tomás.

O propósito fundamental da Tropa Verde é a educación ambiental e o que pretende é lograr que tanto os individuos como as colectividades comprendan a natureza complexa do medio ambiente, coma resultante da interacción dos seus diferentes aspectos: físicos, biolóxicos, sociais, culturais ou económicos, e adquiran os coñecementos, os valores e as habilidades prácticas para participar responsable e eficazmente na prevención e solución dos problemas ambientais e na xestión da calidade do medio ambiente.