As porriñesas e porriñeses están convocados este venres, día 1 de xuño, ás 8 da tarde, a unha manifestación que baixo o lema ‘Non ao tren polo centro do Porriño’ esixirá ao Goberno do Estado a eliminación do actual paso a nivel e o desvío das vías que atravesan o casco urbano.
 
O traxecto da mesma se iniciará na rúa Peña, seguirá por Ramiranes, continuará pola Avenida de Galicia e baixará por Antonio Palacios ata chegar á Praza do Concello.
 
A totalidade dos concelleiros da Corporación do Porriño, integrantes de todos os grupos políticos da mesma, entidades veciñais, sociais e culturais, comunidades de montes, representantes de sindicatos, de colectivos económicos e empresariais, de clubs deportivos, asociacións profesionais, de comerciantes ou de hostaleiros, chaman ás veciñas e veciños a participar nesta mobilización, a primeira das previstas para conquerir que se cumpra unha “reivindicación que xa dura 70 anos: que o tren deixe de pasar polo centro da vila”.
 
Logo de distintas xuntanzas e entrevistas con responsábeis de Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) nos últimos anos- a primeira mantida pola alcaldesa en Madrid en setembro de 2015-, do accidente de setembro de 2016, no que morreron 4 persoas e outro medio centenar resultaron feridas; a visita a O Porriño da directora xeral de Infraestruturas de ADIF, en setembro de 2017, cunha proposta na que se pretendía ‘emparedar’ a vía tras uns muros abrindo un paso soterrado para peóns e vehículos e, finalmente, a do pasado 17 de abril con cinco representantes de ADIF que viaxaron a O Porriño sen proxecto ou idea algunha para retirar o paso a nivel, a Corporación decidiu que había que prescindir das negociacións con ADIF, logo do que é xa unha ‘tomadura de pelo’ e ter coma único interlocutor ao Ministerio de Fomento, polo cal hai máis dun mes remitiuse unha carta a ministro, Íñigo de la Serna, pedindo unha xuntanza, carta que non tivo resposta a día de hoxe.
 
Ante estas circunstancias, responsábeis públicos, sociais, culturais, deportivos, empresariais e profesionais do Porriño, decidiron convocar esta manifestación á que piden a meirande asistencia.