A actividade da praza desenvolverase nunha carpa instalada no exterior durante a execución das obras
Este luns darán comezo os traballos de mellora e impulso da Praza de Abastos do Porriño, unha intervención moi demandada por praceiros/as e usuarios/as que reimpulsará o que debe ser o centro neurálxico do comercio porriñés.
 
Praceiros e praceiras, xunto con persoal do Concello ultiman estes días o traslado dos seus postos para abrir a partir da semana que ven na carpa habilitada no exterior na que actividade continuará mentres se desenvolven as obras, que se estima sexa arredor dun mes e medio. Cabe destacar, que dende onte e ata novo aviso está prohibido o estacionamento nos espazos exteriores e só está permitido o acceso a residentes.
 
“Con este proxecto queremos revitalizar este espazo e convertilo no motor do comercio do Porriño, nun lugar de encontro e lecer que ofrecerá aos consumidores produtos de calidade”, apuntou a edil de Mercados, Antía Carrera.
 
A mellora, que respectará en todo momento a esencia do edificio de Xosé Bar Boo, inclúe a renovación das instalacións de fontanería e saneamento, da infraestrutura eléctrica, incorporación de iluminación led e sistemas de dixitalización, renovación de todo o pavimento e a ampliación da segunda planta para conseguir máis superficie de uso. Traballarase tamén nos exterior do edificio para subsanar os danos estruturais que presenta.
 
Nunha segunda fase, intervirase na contorna, mellorando os espazos colindantes, reordando a circulación e habilitando espazos de aparcamento.
 
“O acondicionamento das instalacións, que era unha das grandes demandas dos praceiros e praceiras dende hai moitos anos polo mal estado no que se atopa, era urxente pero non imos quedarnos aí, realizaremos unha intervención integral que sirva para revitalizar e dinamizar a nosa praza e nos permita conseguir o selo de Mercado Excelente de Galicia”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
 
O proxecto conta cun orzamento de 231.000 euros financiados no 80% pola Xunta de Galicia a través da consellería de Economía, Industria e Innovación.