As Festas do Cristo do Porriño continúan apostando pola cultura e na súa programación inclúen o espectáculo teatral “As que limpan”, unha comedia musical da compañía A Panadaría, en coproducción co Centro Dramático Nacional. Na obra participa a actriz porriñesa Areta Bolado, xunto con Noelia Castro e Ailén Kendelman. Todas elas como autoras, directoras e intérpretes.
A cita terá lugar mañá sábado 14 ás 20:00 h no Círculo Recreativo Cultural, con entrada de balde para toda a veciñanza ata completar aforo.
“Sempre se di que ninguén é profeta na súa terra, pero nesta ocasión non se cumpre. Temos a sorte de poder traer o espectáculo ao Porriño, e ao Círculo, o lugar onde comecei a facer teatro, de adolescente, e a interesarme máis en serio por este mundo. É moi emocionante volver ao Porriño e ensinar o que fas, o espectáculo que levas por toda a Península e polas Illas, mostrarllo á xente que queres é moi bonito”, declara Areta Bolado.
Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño invita a “toda a veciñanza a ir a ver a obra de teatro, porque, ademais de botarnos unhas risas, vainos facer reflexionar un pouquiño e, tal vez, nos inspire para coidar con máis empeño e agarimo ás mulleres das nosas vidas e aos nosos maiores”. “Un espectáculo que non podía faltar no Porriño e co que estamos encantados de poder contar nestes días das Festas do Cristo, e, precisamente, orquestrado e interpretado por unha das nosas veciñas”.
Unha obra satírica con carácter reivindicativo
A obra, que conta xa con sete premios, retrata con humor a loita das camareiras de piso por alcanzar uns dereitos laborais e sociais xustos. “É unha comedia musical con música en directo e a capela”, explica Bolado, “que fala sobre as camareiras de piso, as que limpan os hoteis e a loita organizada que levan desde hai anos, e polas que se fixeron tan famosas ‘As Kellys’. Tamén falamos do turismo e os efectos que ten na paisaxe e na vida en xeral das persoas e dos seres vivos. E, por suposto, falamos da fenda de xénero nos traballos de limpeza e coidados”.
“As que limpan” son as “invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador”, segundo a compañía de teatro.
Esta montaxe teatral ven de recibir sete premios, entre eles o Premio do Público da Mostra de Teatro Galego de Cariño e o Premio a Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Castilla y León. Con case 200 funcións por toda España, chega ao Porriño coa intención de xerar debate sobre como o sistema económico sostense e funciona grazas á explotación das mulleres, segundo explica a compañía.
“A Panadaría”, unha homenaxe á panadaría da Señora Emma
“O nome da compañía, ‘A Panadaría’, foi unha proposta miña ás miñas compañeiras, precisamente porque a miña tataravoa, a miña bisavoa, e a miña avoa foron panadeiras de aquí, do Porriño (a panadaría da Señora Emma), e como eu non ía seguir coa tradición familiar foi a maneira de continuar coa panadaría”, relata a actriz porriñesa.
Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman traballan de xeito colectivo desde 2013, ano no que fundaron a súa compañía en Vigo baixo a premisa de ofrecer “un teatro irreverente ao servizo dunha visión crítica do mundo”. Definen o seu estilo como “de trasgresión hilarante e profundamente político”, para o que se arman de recursos populares como o teatro de variedades, a música vogal, a caricatura ou a abundancia de gags. Nestes anos recibiron máis dunha ducia de recoñecementos á súa proposta artística e ao seu compromiso transversal polo feminismo e a diversidade. Entre eles, o Premio Begoña Caamaño 2020 á acción cultural pola igualdade, o Premio Las Horas do Festival de Cine LGBT de Extremadura, o Premio do Público da MIT de Ribadavia ou cinco Premios María Casares. A súa última montaxe foi o celebrado Elisa e Marcela, baseado na historia real do primeiro matrimonio entre dúas mulleres, na Coruña no ano 1901.