O primeiro tenente de alcalde de O Porriño, Pedro Pereira trasladou hoxe a unha representación veciñal da Vaquería a impresión de que o goberno municipal “está parcialmente satisfeito” do resultado da reunión que onte mantivera con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar do proxecto da varíante.
A reunión, reiteradamente solicitada polo Concello do Porriño, “confirmou o compromiso da Xunta de que acometerá a obra aínda que sabemos que é un proxecto complexo e que levará 4 ou 5 anos ata que sexa completado”, valorou Pereira Fernández.
O concelleiro trasladou aos veciños de Budiño a información concreta que lle proporcionou Menéndez sobre as características da varíante. O vial terá un 1 quilómetro 400 metros e suporá unir a Autovía A-55 coa estrada PO-510 o que suporá a eliminación do tráfico tan intenso que hoxe en día soporta a travesía de A Vaquería. Debido ás afeccións o proxecto aínda terá unha longa tramitación.
Unha das principais trabas é o alto custe da obra que se estima en 27 millóns de euros polo que a Xunta de Galicia estuda o seu posible financiamento en varias anualidades. A primeira partida orzamentaria será de 300.000 euros que será o custe aproximado da redacción do proxecto definitivo para a súa licitación.
Namentres o compromiso acadado por Pereira con Menéndez é que a Xunta de Galicia acometerá obras de calmado do tráfico e mellora da seguridade viaria da actual travesía na estrada PO-510.
O concelleiro e os representantes veciñais de Budiño acordaron manter unha interlocución permanente coa Consellería de Infraestruturas da Xunta para que o proxecto non se demore.
O Concello do Porriño anuncia que decidiu desconvocar a concentración de protesta que ía celebrarse o xoves 12 na Vaquería ante o anuncio da Xunta de Galicia de que o luns 16 informará sobre o proxecto de reforma e mellora da seguridade viaria desa travesía.
Este mediodía, recibiuse no Concello a chamada da Axencia Galega de Infraestruturas indicando que o seu director xeral, Francisco Menéndez recibirá o luns 16, ás 10 horas a Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde e responsable municipal de infraestruturas. Trátase da entrevista solicitada e varias veces reiterada por parte municipal para coñecer o estado do proxecto comprometido hai meses pola administración autonómica.
En consecuencia, o Concello ven de comunicar á Subdelegación do Goberno a desconvocatoria da concentración para a que tiña solicitada autorización.
O Concello do Porriño informa que HOXE MÉRCORES 4 de novembro, a partir das 23.30 horas terá lugar un corte no subministro de auga que afectará a toda a parroquia de TORNEIROS.
Trátase da reparación dunha avaría na rede principal de abastecemento, segundo informan os servizos técnicos municipais.
A previsión é que o corte de auga durará ata as 4 da madrugada do xoves 5.
Rogamos desculpen as molestias.
O goberno municipal de Porriño e a veciñanza de A Vaqueria acordaron convocar unha concentración de protesta para demandar á Xunta de Galicia o proxecto pendente de reforma da travesía da estrada PO-510 ao seu paso por este barrio de Budiño.
O acordo de pasar ás mobilizacións adoptouse polo primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira cos veciños despois dunha reunión mantida hai poucos días e de solicitar por varias veces e sen resultado, unha entrevista ao director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Ese departamento comprometeuse hai meses a redactar o proxecto da Variante de A Vaquería. Este proxecto ten unha indubidable importancia tanto para a mellora da seguridade viaria nese tramo como tamén pola súa influencia na trama viaria do Porriño en relación co tráfico cara a outros concellos limítrofes e coa Autovía A-55.
O Concello ven de solicitar autorización á Subdelegación do Goberno para celebrar a concentración que terá lugar o xoves 12, a mediodía.
O Concello do Porriño celebrará esta tarde tres comisións municipais informativas como preparación para o próximo pleno ordinario corporativo que terá lugar o mércores 28.
As tres comisións que se desenvolverán a partir das 19:00 horas serán telemáticas, a través da sede electrónica.
A primeira comisión será a de Economía e Facenda, que abordará a modificación do IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) e do ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras).
Seguiralle a comisión de Urbanismo e Medio Ambiente que informará sobre a aprobación definitiva da nova ordenanza que regula as terrazas, entre outros asuntos. Tamén tratará da actualización da ordenanza medioambiental reguladora de ruidos.
A última comisión da tarde será a de Servizos Sociais e Igualdade, que tratará a proposta dun manifesto e concentración institucional que se celebrará o 25 de novembro para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade valoraron a creación dunha Comisión Municipal de Accesibilidade. Sería un órgano participado polos grupos políticos da corporación e COGAMI. Foi un dos asuntos tratados, na reunión celebrada hoxe no Concello, presidida pola alcaldesa Eva García, coa asistencia do concelleiro de Asuntos Sociais, David Alonso, así como de Anxo Queiruga, presidente de COGAMI que asistiu acompañado de Celso Álvarez e Isra Mercader.
COGAMI solicitou ao Concello unha posible subvención nominativa, a cambio da súa participación en cursos de formación e inserción laboral e de contar co asesoramento da Confederación de Persoas con Discapacidade en obras públicas e proxectos de mobilidade co fin de eliminar as barreiras arquitectónicas.
A subvención a COGAMI a cambio destas consideracións incluiríase no orzamento municipal para 2021, que está actualmente en preparación.
O Concello do Porriño, a través da Concellería de Vías e Obras chegou a un acordo coa Asociación de Veciños de Costeira-Mosende para axudarlles a realizar unhas obras de mellora no local social desa entidade.
Segundo acordou Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras con Jaime Domínguez, presidente da devandita asociación nunha recente reunión, o Concello non pode realizar de xeito directo esa obra xa que non é titular do local social polo que realizará unha achega á AAVV.
O departamento de Vías e Obras do Concello achegará material de obra valorado en 7.000 € e ademais prestará apoio coa maquinaria que poidan solicitar para a execución.
A Concellería de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure mantivo unha xuntanza informativa con veciños do lugar de Liboreira-Covelo-Atios coa ocasión da acometida á rede de saneamento nun tramo no que hai preto de vinte vivendas.
A concelleira explicoulles a ordenanza municipal aprobada no pasado mes de setembro que establece a obriga de conectarse e que poden afrontar o custe nun pago único ou de xeito aprazado.
Aínda que asistiron a meirande parte dos veciños afectados, os que non acudiron deberán poñerse en contacto coa Concellería de Vías e Obras para cumprimentar unha solicitude aportando a referencia catastral da súa propiedade e indicando a forma de pago que elixen.
O Concello do Porriño acometerá o arranxo do valado e mellora da sinalización horizontal e vertical no cruce da ponte do acceso norte ao Polígono das Gándaras onde sucederon varios accidentes de tráfico con vehículos que caeron sobre a vía ferroviaria.
Os concelleiros Pedro Pereira e Sergio Casal reuníronse sobre o térreno con técnicos da Demarcación de Estradas do Ministerio de Transportes para solucionar o problema de seguridade viaria que se produce nese punto.
O firme está moi deteriorado así como a sinalización. Os traballos se levarán a cabo de xeito coordinado coa Demarcación de Estradas do Estado que ten as competencias sobre a Autovía A-55 que linda con esa ponte.
O Concello encargará unha asistencia técnica para elaborar o proxecto de mellora que se tramitará por procedemento de urxencia.