O Concello organiza tres excursións ecoturísticas durante o mes de novembro para maiores de 55 anos

  • Serán os días 4, 11 e 19 e combinarán unha visita á planta de Sogama con percorrido polas cidades da Coruña e Santiago de Compostela e ao Pazo de Oca, na Estrada
  • Os formularios de inscrición estarán xa dispoñibles a partir de mañá martes no Concello e o prazo para anotarse abre o xoves 30 de outubro

O Porriño, 27 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño continúa coa organización de viaxes dirixidas a persoas maiores de 55 anos. Así, para o vindeiro mes de novembro están programadas tres excursións ecoturísticas co obxectivo de fomentar a educación ambiental e o turismo sostible entre a veciñanza.

As saídas celebraranse os días 4, 11 e 19 de novembro e combinarán unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, cun percorrido por diferentes puntos de interese das provincias da Coruña e Pontevedra: a cidade da Coruña, a Santiago de Compostela e o Pazo de Oca, na Estrada.

Esta proposta, totalmente de balde para os participantes, busca concienciar sobre a importancia da separación correcta dos residuos, a redución do lixo e o consumo responsable, ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia educativa e cultural nunha das instalacións máis avanzadas de Galicia en xestión ambiental.

Durante a visita a Sogama, que se enmarca na nova campaña de residuos que vén de presentar o Concello nos últimos días, as persoas participantes poderán asistir a unha charla formativa, experimentar unha inmersión virtual polas instalacións mediante lentes de realidade aumentada, participar nun xogo interactivo sobre reciclaxe e realizar un percorrido guiado pola planta de tratamento de residuos, o laboratorio e a sala de control.

A continuación, cada xornada completarase cun xantar incluído e unha visita guiada polos principais puntos de interese turístico e patrimonial das cidades. Na Coruña, o día 4, coñecerase a contorna da Torre de Hércules, o paseo marítimo e o casco histórico. En Santiago de Compostela, o día 11, realizarase un percorrido pola Praza do Obradoiro, a Catedral e as rúas do centro histórico. E o 19, no Pazo de Oca, as persoas participantes poderán desfrutar dos seus impresionantes xardíns históricos e do seu patrimonio natural e arquitectónico, coñecido como o “Versalles galego”.

O alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “apostamos por actividades que acheguen á cidadanía ao coidado da súa contorna dun xeito práctico e útil. Estas excursións combinan a educación ambiental coa posta en valor do noso patrimonio, ofrecendo unha experiencia completa e enriquecedora”.

As prazas son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poden recoller a partir de mañá martes o formulario que deberá entregar cuberto a partir do xoves, 30 de outubro, no Rexistro do Concello.

 

 

O Concello mellora a accesibilidade e posta en valor da lagoa de Orbenlle no espazo Rede Natura

  • O alcalde Alejandro Lorenzo visitou a zona tralos traballos de acondicionamento para o seu uso público realizados ao abeiro dos fondos Next Generation
  • A actuación que supuxo unha inversión de 34.000 euros permitiu crear un percorrido circular, eliminar elementos degradados e instalar paneis informativos
  • O proxecto supón un importante impulso para o turismo sostible e de natureza no Porriño

O Porriño, 23 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño avanza na conservación do seu patrimonio natural co remate dos traballos de mellora e posta en valor da lagoa de Orbenlle, situada dentro do espazo protexido Rede Natura 2000 “Gándaras de Budiño”. Esta mañá, o alcalde Alejandro Lorenzo e os concelleiros Antía Carrera e Carlos González visitaron a zona para comprobar o resultado das actuacións executadas. A intervención, que tivo un custe total de 34.004,24 euros, foi realizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural GDR do Baixo Miño, financiándose ao 100% con cargo ao orzamento reprogramado asignado para o desenvolvemento da “Actuación rexeneración e adecuación do destino para mitigar o cambio climático. Outras actuacións de protección da natureza e a biodiversidade, patrimonio e recursos naturais, infraestruturas verdes e azuis”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea – Next Generation EU.

 “Este tipo de actuacións axudan a coidar e achegar o noso patrimonio natural á veciñanza”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo. “A lagoa de Orbenlle é un espazo cada vez máis visitado e agora conta cun percorrido accesible e contidos interpretativos que axudan a comprender o seu valor ambiental”.

Pola súa banda, a concelleira Antía Carrera destacou que “foi posible recuperar unha zona degradada, eliminar unha estrutura en ruínas e dotar o espazo de mellores condicións para a súa conservación e desfrute, sen esquecer a importancia que ten para especies singulares como o sapoconcho europeo”.

As actuacións levadas a cabo centráronse na mellora da contorna da lagoa e na ordenación dos seus usos recreativos, sen perder de vista os principios ambientais e o respecto ao ecosistema. Así, os traballos incluíron a demolición dunha antiga caseta de bloques en estado ruinoso e retirada dos seus restos con xestión autorizada dos residuos; a roza manual e apertura dun percorrido circular ao redor da lagoa, abríndose ocos na vexetación da contorna da lagoa que permiten achegarse con facilidade ao borde da mesma; instalación dunha pasarela de madeira elevada, que permite superar un tramo inundable e serve tamén como punto de observación e colocación de material interpretativo, con contidos que fan resaltar a importancia medioambiental destes recursos para especies de aves, anfibios e réptiles como o sapoconcho europeo. Así, por unha parte instálase un panel, no acceso ao espazo, e unha mesa, na pasarela de madeira, interpretativos, coas características do percorrido, datos de interese, información ambiental e os elementos máis destacados do espazo Rede Natura; e por outra banda, un panel interactivo de cubos, pensado para público infantil e familiar, cun xogo educativo sobre especies da zona: aves, anfibios e réptiles

O prazo de execución da obra é de catro meses e unicamente resta a colocación deste material interpretativo que se levará a cabo nos vindeiros días.

Impulso turístico

Este proxecto supón un importante impulso para o turismo sostible e de natureza no Porriño, ao poñer en valor un dos espazos ambientais máis singulares do municipio. A lagoa de Orbenlle, situada no LIC Gándaras de Budiño e dentro da Rede Natura 2000, convértese así nun atractivo turístico e educativo, que permitirá descubrir a riqueza da nosa biodiversidade e o patrimonio natural do territorio.

A actuación contribúe tamén a reforzar o xeodestino “A Despensa de Galicia”, ofrecendo novos recursos vinculados ao ecoturismo, ás rutas interpretativas e á posta en valor dos valores naturais e paisaxísticos de O Porriño, consolidando o seu papel dentro do mapa turístico provincial e galego.

Máis de 150 maiores do Porriño participan na excursión ao Carballiño, Ourense e Ribeira Sacra logo de triplicarse as prazas pola alta demanda

  • A elevada acollida da iniciativa fixo que o Concello ampliase as prazas previstas, organizando finalmente tres autobuses para atender todas as solicitudes recibidas
  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, despediu ao grupo na saída, e cinco concelleiros acompañan ás persoas participantes durante toda a xornada

O Porriño, 20 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño organizou este luns unha exitosa excursión turística á Ribeira Sacra, O Carballiño e Ourense, que contou con máis de 150 participantes maiores de 55 anos, unha cifra que se viu triplicada respecto da inicialmente prevista ao rexistrar unha alta demanda por parte da veciñanza.  A viaxe, promovida pola Concellería de Turismo, tiña previsto un único autobús, pero a excelente acollida da iniciativa levou ao Concello a reforzar os medios dispoñibles e mobilizar tres autobuses, permitindo así que todas as persoas inscritas puidesen desfrutar da xornada.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, achegouse ao Pavillón de Deportes esta mañá para despedir ao grupo antes da saída, momento no que destacou o valor destas iniciativas. “Estamos moi orgullosos da acollida que tivo esta excursión. Estas actividades non só permiten descubrir o noso patrimonio cultural e natural, senón que fomentan a convivencia, o envellecemento activo e a conexión entre a veciñanza. O feito de ter que triplicar as prazas é unha mostra clara do interese da cidadanía por participar e seguir implicada na vida do municipio”, sinalou o rexedor.

Durante toda a xornada, cinco concelleiros do equipo de goberno acompañaron ás persoas participantes, compartindo con elas as visitas culturais e o paseo fluvial. O itinerario incluíu a visita ao Templo da Vera Cruz no Carballiño, obra emblemática de Antonio Palacios, unha visita guiada pola cidade de Ourense e unha travesía en barco polos Canóns do Sil, un dos paraxes naturais máis espectaculares de Galicia.

Desde o Concello do Porriño reiteran o seu compromiso de continuar promovendo actividades culturais, de lecer e de dinamización social dirixidas especialmente á poboación maior, e destacan que novas propostas xa están a ser preparadas para próximas datas que se irán dando a coñecer, tanto a través dos medios de comunicación, web e redes sociais municipais, como por medio de circulares ás diferentes asociacións veciñais e a nova canle a través da cal todas as persoas que estean interesadas en recibir este tipo de información poidan ter un coñecemento inmediato e directo.

O Concello organiza o vindeiro luns unha nova viaxe turística á Ribeira Sacra, O Carballiño e Ourense

  • A excursión, de balde, inclúe visitas culturais e un paseo en barco polos Canóns do Sil e está dirixida a persoas maiores de 55 anos que poden inscribirse a partir deste mércores no rexistro do Concello
  • O Concello reforza a súa aposta pola difusión cultural e abre unha nova canle de comunicación directa coa veciñanza para informar sobre actividades e iniciativas de lecer

O Porriño, 13 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño, a través da Concellería de Turismo, volve poñer en marcha unha nova viaxe turística dirixida ás persoas maiores de 55 anos. Nesta ocasión, o destino será O Carballiño, Ourense cidade e un paseo en barco polos Canóns do Sil, o vindeiro luns, 20 de outubro, con saída ás 10.15 horas dende o pavillón de Deportes.

A xornada inclúe a visita ao Templo da Vera Cruz, unha das obras máis emblemáticas do arquitecto Antonio Palacios, orgullo e referente do patrimonio galego, así como unha visita guiada pola cidade de Ourense e unha travesía fluvial polo Sil, para gozar da natureza e das vistas espectaculares dos seus canóns.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas viaxes, ademais de promover o turismo de proximidade e o coñecemento da nosa terra, ofrecen ás persoas maiores unha marabillosa oportunidade para convivir, descubrir novos lugares e seguir activos”. Pola súa parte, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinalou que “cada edición destas viaxes ten unha acollida excelente e esta promete ser unha das máis especiais pola beleza do itinerario e o vínculo con Antonio Palacios”.

As inscricións abriranse o mércores, 15 de outubro, e poderán realizarse no Rexistro Xeral do Concello, por orde de inscrición ata completar as 50 prazas dispoñibles. Cada persoa poderá presentar unha única solicitude.

Dende o Concello do Porriño séguese promovendo iniciativas de lecer e carácter cultural como esta. “A aposta por achegar a cultura á veciñanza continuará sendo unha prioridade dentro da programación municipal”, subliña o alcalde incidindo neste sentido en que “dende o Concello, ademais de divulgar todas estas iniciativas a través dos medios de comunicación, webs e redes sociais, tamén llo trasladamos ás diferentes asociacións veciñais para que teñan un coñecemento inmediato e directo e agora ademais abrimos unha nova canle a través da cal todas as persoas que estean interesadas en recibir este tipo de información no lo trasladen, rexistrando esa petición, para a partir de aí recibir persoalmente tódolos avisos respecto da posta en marcha de actividades como estas nas que pode participar”.

 

Regueifa de voda con Pan do Porriño

  • Combinación de música, baile e gastronomía para abrir a VII Feira do Pan do Porriño, que se celebra ao longo de toda a xornada de hoxe na Praza Arquitecto Antonio Palacios
  • O alcalde Alejandro Lorenzo foi o encargado de inaugurar o evento no que se homenaxea máis de catro séculos de historia e tradición panadeira

O Porriño, 11 de outubro de 2025.-  A VII Feira do Pan do Porriño deu comezo esta mañá cun ambiente cheo de emoción, tradición e orgullo local. A praza Arquitecto Antonio Palacios converteuse no escenario perfecto para acoller unha apertura marcada pola cultura e a memoria colectiva, coa representación da “Regueifa de voda”, unha antiga danza galega que simboliza a unión e a celebración, e na que o Pan do Porriño ocupou un lugar central.

A posta en escena estivo a cargo da Asociación Cultural Sadeo, que fixo un percorrido pola tradición galega recuperando unha das expresións máis simbólicas do noso folclore: unha parella bailando mentres a bailadora porta sobre a cabeza unha bola de Pan do Porriño, nun xesto cargado de simbolismo e identidade. Antano, e na actualidade tamén, se a bola caía ao chan era sinal de agoiro para a parella. A regueifa bailada foi recollida en San Salvador de Pedreiro, Santa Comba, polos artistas Xisco Feijoó e Leni Pérez. A danza, acompañada por dúas pandereteiras, sorprendeu ao público asistente e serviu como inicio perfecto para unha xornada na que o pan é moito máis que alimento: é historia viva.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de inaugurar a feira poñendo en valor o significado desta feira e, especialmente, a profunda tradición panadeira do municipio que comezou no século XVII coas fábricas de pan para abastecer ao exército da antiga provincia de Tui. “O Pan do Porriño non é só un produto, é parte da nosa historia e da nosa forma de entender a vida. Temos un pan que conta con máis de catro séculos de historia, documentado desde 1604, e iso é un patrimonio que debemos protexer e dar a coñecer. Gracias aos nosos panadeiros e panadeiras por manter vivo este oficio, por seguir elaborando un produto artesán que nos representa dentro e fóra de Galicia. Eles son os verdadeiros gardiáns desta tradición que hoxe celebramos”. O rexedor destacou que eventos coma este serven para “reforzar a nosa identidade e proxectar O Porriño como un destino que sabe a tradición, hospitalidade e boa mesa” e tamén agradeceu a colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), da Consellería do Medio Rural, representada no acto por Juan José Cerviño, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria.

Acto seguido, o público puido desfrutar dun showcooking con degustacións da man da recoñecida cociñeira Coque Fariña, que elaborou receitas a base de Pan do Porriño, poñendo en valor a súa versatilidade e calidade. Dende ás 13.30 horas estase a celebrar a tradicional feira e xantar popular de polbo e porco ao espeto, amenizada polo DJ Mus e xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, chega a quenda dos máis pequenos da casa co obradoiro “Peque Pan”, onde, ataviados para a ocasión con mandil e gorro, aprenderán de forma divertida o proceso de elaboración do pan. Ás 18.30 horas realizarase a degustación “Experiencias de Calidade”, con produtos con Denominación de Orixe de Galicia, da man de Salomé Beiroa, actividade patrocinada por AGACAL. A xornada pecharase ao serán coa música en directo do grupo La Patrulla.

Ademais, ao longo de toda a xornada permanece aberto ao público o posto de venda da Asociación de Panadeiros do Porriño, onde se poden adquirir bolas de Pan do Porriño, exemplo perfecto do saber facer artesán local.

“Queremos que esta feira siga medrando, que cada vez máis xente descubra o Pan do Porriño e todo o que representa. Esta non é só unha festa, é unha homenaxe ao noso pasado e un compromiso co futuro”, concluíu o alcalde.

 

O Porriño énchese de actividades esta fin de semana con deporte, tradición, solidariedade e festa popular

  • Mañá sábado celébrase a VII Feira do Pan, o VIII Trofeo Ciclocrós Avanza, o IV Festival de Outono, o II Bingo solidario a favor de Afaga e a II Festa Furancheira
  • O domingo conmemorarase o Día da Hispanidade e Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil, cun acto litúrxico, ofrenda floral e entrega condecoracións

O Porriño, 10 de outubro de 2025.-  O Porriño vivirá unha fin de semana repleta de actividade, cultura, gastronomía e solidariedade cunha axenda chea de eventos que prometen atraer a veciñanza e visitantes. Dende o deporte de alto nivel ata a exaltación do produto local, pasando pola música tradicional, a boa mesa e as iniciativas solidarias, a vila converterase nun punto de encontro para todos os públicos.

O sábado, 11 de outubro, a partir das 11.00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios será o escenario da VII Feira do Pan do Porriño, unha celebración do produto estrela da vila que mestura gastronomía, tradición e cultura. A feira contará con showcooking da recoñecida cociñeira Coque Fariña, degustacións, obradoiro infantil “Peque Pan”, feira e xantar popular de polbo e porco ao espeto, actuacións musicais e unha experiencia gourmet con produtos con Denominación de Orixe.

Tamén mañá, O Porriño acollerá a primeira proba da Copa Galicia de Ciclocrós, o VIII Trofeo Ciclocrós Avanza – Concello do Porriño, que reunirá máis de 250 ciclistas das diferentes categorías nas inmediacións da pista de atletismo do Polígono da Granxa. A competición desenvolverase dende as 11.00 horas ao longo dun circuíto de preto de 3 km. Unha cita xa consolidada no calendario deportivo galego, que promove o deporte base e de competición nun entorno privilexiado.

Pola noite, ás 21.00 horas, o Círculo Recreativo Cultural acollerá o II Bingo Solidario en apoio de Afaga Alzheimer, organizado por ACIPOR, CCAMorea e o propio Círculo. A totalidade da recadación destinarase á asociación, que traballa mellorando a calidade de vida das persoas afectadas polo alzhéimer e outras demencias. Unha noite para colaborar cunha boa causa e, ao mesmo tempo, pasalo ben.

Na parroquia de Atios, Os Penediños celebran o seu V Festival de Outono, no centro cultural. Haberá magosto popular durante toda a xornada e a partir das 17.00 horas festival folclórico coas actuacións de Os Moleirinhos do Gandanha, chegados dende Monçao; Do Lado do Sol, de Abegondo e os anfitrións, Os Penediños de Atios. Ás 19.30 horas continuará a festa amenizada pola Charanga Nova Jomada e xa pola noite, a partir das 22:30 horas, actuación de Lina e Lola e Murghinsky.

O ambiente máis enxebre da fin de semana estará no Barrio da Cruz de Budiño, coa II Festa Furancheira, que terá lugar as noites dos venres 10 e 17 e sábados 11 e 18 de outubro. Dende as 19.00 horas haberá viño do país, comida caseira, música tradicional, gaiteiros e a tradicional queimada, á medianoite, con Suso Ferreiro.

Xa o domingo, 12 de outubro, O Porriño conmemora o Día da Hispanidade, unha data que, como cada ano, destaca polo acto celebrado pola Garda Civil con motivo da festividade da súa patroa, a Virxe do Pilar. Será ás 12.45 horas cando se oficie a misa na igrexa parroquial de San Rosendo de Torneiros e posteriormente, no Cuartel terá lugar a xa tradicional ofrenda floral aos Caídos e entrega de condecoracións aos profesionais do Corpo distinguidos na prestación do servizo.

“Esta fin de semana, O Porriño converte en protagonista o seu deporte, a súa gastronomía, a súa música e a súa solidariedade. Un convite aberto para veciños, veciñas e visitantes a desfrutar dunha vila viva, chea de actividade e orgullosa da súa identidade”, conclúe o alcalde Alejandro Lorenzo.

O Porriño celebra a VII Feira do Pan poñendo en valor o seu produto estrela e reforzando a súa aposta polo turismo e a gastronomía local

  • Será o vindeiro sábado, 11 de outubro, a partir das 11.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Haberá un showcooking de Coque Fariña, degustacións, un obradoiro infantil de elaboración de pan e actuacións musicais
  • O alcalde Alejandro Lorenzo destaca o valor do Pan do Porriño como símbolo de identidade e motor económico local

O Porriño, 7 de outubro de 2025.-  A Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá o vindeiro sábado, 11 de outubro, unha nova edición da Feira do Pan do Porriño, unha cita xa consolidada no calendario gastronómico galego que combina tradición, cultura e turismo, e que cada ano enche as rúas da vila de visitantes desexosos de degustar o auténtico Pan do Porriño, un produto con máis de catro séculos de historia.

“O Pan do Porriño non é só un produto, é parte da nosa historia e da nosa forma de entender a vida. Representa o esforzo dos nosos panadeiros, o valor do traballo artesanal e o sabor da tradición. Queremos que esta feira siga medrando e que cada vez máis persoas descubran todo o que O Porriño pode ofrecer”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, no acto de presentación esta tarde acompañado dunha representación do sector panadeiro da vila.

Organizado polo Concello do Porriño coa colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e a Asociación de Panadeiros do Porriño, o evento busca poñer en valor os produtos locais e destacar a importancia do turismo gastronómico como motor de promoción e desenvolvemento económico para o municipio. O rexedor destacou “a importancia de seguir apostando pola promoción dos nosos produtos de calidade, que son auténticos embaixadores do Porriño e de Galicia máis alá das nosas fronteiras”.

A feira abrirase ás 11.00 horas e celebrarase ao longo de todo o día, onde estará aberto un posto de venda de Pan do Porriño, no que se poderá adquirir a tradicional bola de Pan do Porriño. A Asociación de Panadeiros, colaboradora esencial da feira, ofrecerá ao público unha ampla mostra do seu traballo artesanal e divulgará o proceso de elaboración dun produto que combina historia, calidade e sabor. A súa presenza reforza a esencia da feira e o compromiso do sector coa promoción gastronómica e turística da vila.

Trala inauguración a cargo do alcalde, a programación abrirase coa actuación de música e baile tradicional, “Regueifa”, da Asociación Cultural Sadeo, e, a continuación showcooking con degustación de receitas elaboradas con Pan do Porriño a cargo da recoñecida cociñeira Coque Fariña (@mi_coquetería).

A partir das 13.30 horas celebrarase a tradicional feira e xantar popular de polbo e porco ao espeto, amenizada polo DJ Mus, e ás 17.00 horas realizarase un obradoiro infantil “Peque Pan”, pensado para que os máis pequenos da casa aprendan de forma divertida o proceso de elaboración do pan.

A partir das 18:30 horas, o público poderá gozar da degustación “Experiencias de Calidade”, con embutidos e queixos con Denominación de Orixe de Galicia, a cargo de Salomé Beiroa, unha actividade patrocinada por AGACAL.

A feira pechará coa actuación musical do grupo La Patrulla, que porá o broche final a unha xornada dedicada á calidade, á tradición e ao orgullo de ser do Porriño.

 “Con eventos como este reforzamos a nosa identidade e proxectamos O Porriño como un destino que sabe a tradición, hospitalidade e boa mesa”, concluíu o alcalde.

 

 

O Porriño pon en valor o seu lugar no Camiño de Santiago

  • O Concello celebra este sábado, 20 de setembro, a Festa do Peregrino e do Turista con visitas guiadas, obradoiro de cunchas, photocall e moita música
  • Deséñanse un mapa do Porriño para entregar aos establecementos de hospedaxe, para que estes á súa vez poidan entregar aos peregrinos, xunto cun código QR dispoñible tamén en todos os comercios con acceso á información de todas as actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello

O Porriño, 16 de setembro de 2025.- “O Porriño: Camiño e destino” é a xornada festiva que ten preparada o Concello porriñés para o vindeiro sábado, 20 de setembro. A Festa do Peregrino e do Turista celebrarase ao longo de toda a tarde, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o papel turístico, cultural e peregrino do municipio. A programación abrangue diversas actividades, dende visitas guiadas, a un obradoiro de cunchas, moita música e un punto de información turística e selado de credenciais.

“O paso da ruta xacobea pola nosa vila é un auténtico privilexio e unha grande oportunidade. Cada ano, milleiros de persoas de todo o mundo atravesan O Porriño facendo o Camiño de Santiago e iso convírtenos nun punto de encontro de culturas, idiomas e emocións. Para nós, o Camiño non é só unha ruta, senón unha parte esencial da nosa identidade e do noso dinamismo económico, social e cultural. Por iso dende o Concello traballamos para acoller aos peregrinos coa hospitalidade que nos caracteriza, ofrecéndolles un espazo acolledor e cheo de vida. Esta festa, enmarcada á súa vez nas Festas do Cristo, é unha homenaxe a eles e tamén unha oportunidade para que os porriñeses e porriñesas sintamos orgullo do noso papel no Camiño de Santiago”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de presentación desta festa.

Así, o Concello do Porriño convida ademais de a peregrinos e turistas, a toda a veciñanza a participar desta xornada festiva. Haberá un photocall situado a pé de rúa no que os visitantes poderán selar a súa credencial de peregrino; organízanse dúas visitas guiadas, unha “Camiñando polo Porriño”, de 16.00 a 17.00 horas, a través da cal se percorrerán espazos emblemáticos da vila, achegando historia, arquitectura e urbanismo local, e outra “O Porriño con ollos de peregrino”, de 17.00 a 19.00 horas, combinada cun obradoiro de pintado de cunchas, que busca que quen pase por aquí descubra a dimensión espiritual, simbólica e cultural do Camiño. A xornada estará amenizada con música a cargo de artistas locais e como peche, sobre as 19.00 horas, concerto do grupo de pandereteiras Alxibeiras de Ponteareas.

“Con todas estas iniciativas, O Porriño quere consolidarse non só como punto de paso, senón tamén como destino por dereito propio, capaz de mostrar as súas paisaxes, o seu patrimonio, a súa cultura viva e a súa hospitalidade”, sinalou a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha.

Comercio e hostalería

De xeito paralelo, faise entrega aos establecementos de hostalería de novos mapas do Porriño, para que os distribúan entre quen se hospede, “pois eles son chave na acollida, orientación e información ao peregrino e ao visitante”.

Tamén se presenta un código QR que será facilitado a todo o comercio e hostalería da vila para que os visitantes teñan acceso dixital inmediato á información de todas as actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello.

Dende o Concello do Porriño subliñan a importancia crecente do Camiño de Santiago para o municipio. Segundo datos da Oficina do Peregrino de Santiago, no ano 2024 expedíronse 95.427 compostelas do Camiño Portugués, unha cifra superior á doutros exercicios e que este ano xa conta con 78.038, un incremento do 5% que confirma que o Camiño está máis vivo ca nunca. Este auxe reforza o compromiso do Porriño para estar á altura de quen percorre o Camiño, ofrecendo servizos, orientación, infraestrutura informativa e unha experiencia de calidade.

 

 

A Oficina de Turismo do Porriño consolídase como punto de referencia para peregrinos e visitantes

  • Vén de rexistrar máis de 450 consultas dende a súa estrea en agosto

O Porriño, 2 de setembro de 2025.- A Oficina de Turismo do Porriño leva atendidas a máis de 450 persoas dende a súa apertura no pasado mes de agosto converténdose nun espazo esencial tanto para quen percorre o Camiño de Santiago como para aquelas persoas interesadas en descubrir a nosa vila e a súa contorna. A maior parte das consultas estiveron relacionadas coa Ruta Xacobea, con especial interese en información práctica, orientación sobre as etapas e selado das credenciais. Ademais, un número crecente de visitantes solicitou tamén datos sobre o patrimonio, a cultura e a oferta lúdica local, o que amosa o atractivo turístico do Porriño máis alá do Camiño.

“A posta en marcha deste servizo, pois ata agora dispoñíamos dun punto de información, está a resultar unha peza clave para dinamizar o territorio, reforzar a acollida e poñer en valor os recursos locais”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo. Dispor dun punto de información turística actualizado e accesible é fundamental tanto para visitantes como para a propia veciñanza. Unha técnica de turismo, contratada a través dunha axuda da Deputación de Pontevedra, é a encargada de atender este oficina “convertida nunha ferramenta estratéxica que nos permite acompañar ás persoas que chegan ao Porriño, dándolles unha imaxe acolledora e ofrecendo unha atención de calidade que repercute positivamente na nosa vila”, sinala a concelleira de Turismo Vanessa Ucha.

 

“A apertura desta oficina confirma a aposta do goberno local por impulsar o turismo como motor de desenvolvemento económico e social, ao tempo que proxecta ao exterior unha imaxe moderna, organizada e hospitalaria do noso municipio”, subliña o alcalde.

 

A Oficina de Turismo do Porriño consolídase, pois, como un recurso fundamental para potenciar o atractivo do municipio, mellorar a experiencia das persoas visitantes e fortalecer a identidade local, converténdose nun motor clave para o desenvolvemento turístico e socioeconómico da vila.

Medio cento de porriñeses coñecen a vila natal do filántropo Ramón González

  • O Concello organiza unha viaxe a Ribadeo logo de que ambos pobos se irmandasen honrando a memoria deste empresario que contribuíu ao desenvolvemento económico e cultural das dúas vilas

 O Porriño, 12 de agosto de 2025.- Se fai uns meses un grupo de veciños do Porriño viaxaban a Madrid para coñecer a obra de Antonio Palacios na capital do Estado, hoxe, outro medio cento de porriñeses desfrutan dunha excursión a Ribadeo para, do mesmo xeito, saber máis do legado do filántropo Ramón González, figura pola cal ambos pobos galegos irmandáronse este mesmo ano. Un legado que sigue vivo na memoria de ámbalas dúas vivas a través das súas obras e contribucións.

O alcalde Alejandro Lorenzo acudía ás inmediacións do polideportivo municipal, de onde partiu o autobús, para desexarlle á veciñanza participante nesta iniciativa turística e cultural, unha boa xornada. “Hoxe é un día para desfrutar, para coñecer e para sentirnos orgullosos das nosas raíces compartidas. Deséxovos a todos e todas unha marabillosa xornada en Ribadeo, aproveitando para admirar as súas paisaxes e afondar no legado de Ramón González, unha figura clave que une O Porriño e Ribadeo nun irmandamento cheo de historia e futuro. Que desfrutedes da experiencia e da compañía, porque cada paso que damos na memoria é tamén un paso cara adiante.”

A veciñanza viaxa acompañada da concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, que fai fincapé na importancia de levar a cabo iniciativas como estas. “Continuamos a traballar para achegar a cultura á cidadanía e poñer en valor os lazos que nos unen con outros pobos galegos. Estas viaxes, que ademais son gratuítas para os participantes, son unha oportunidade para aprender, compartir e fortalecer o orgullo de pertencermos a unha terra con tanta riqueza histórica e patrimonial.”

Trala visita e xantar nesta vila da Mariña Lucense, onde foron recibidos polo alcalde Daniel Vega e outras autoridades municipais, a excursión continúa pola tarde para coñecer outra localidade con moita historia, Mondoñedo, onde visitarán a súa emblemática catedral.

Esta visita será recíproca e no Porriño agardan xa a chegada dos veciños de Ribadeo á vila, “onde serán recibidos como na súa propia casa porque no Porriño recibimos a todo o mundo cos brazos abertos. Será un pracer recibir aos ribadenses e estreitar lazos entre as nosas localidades”, indica Alejandro Lorenzo.

Achegar a cultura á cidadanía

Dende o Concello do Porriño síguese promovendo iniciativas de lecer e carácter cultural como esta, que non só permiten descubrir o patrimonio doutras localidades, senón que tamén fortalecen os vínculos entre pobos e fomentan a convivencia e o sentimento de pertenza.

“A aposta por achegar a cultura á veciñanza continuará sendo unha prioridade dentro da programación municipal”, subliña o alcalde incidindo neste sentido en que “dende o Concello, ademais de divulgar todas estas iniciativas a través dos medios de comunicación, webs e redes sociais, tamén llo trasladamos ás diferentes asociacións veciñais para que teñan un coñecemento inmediato e directo e agora ademais abrimos unha nova canle a través da cal todas as persoas que estean interesadas en recibir este tipo de información no lo trasladen, rexistrando esa petición, para a partir de aí recibir persoalmente tódolos avisos respecto da posta en marcha de actividades como estas nas que pode participar”.