Pedaleando contra a ELA

Coincidindo co Día Mundial da ELA, que se celebra cada 21 de xuño, o porriñés José Manuel Domínguez “Tonono Bike” deu hoxe a primeira pedalada do seu reto persoal e social: 6000 km pola ELA.

Foi na praza Arquitecto Antonio Palacios, de onde partiu hoxe en bicicleta co obxectivo de recaudar polo menos 6.000 euros para axudar aos enfermos de ELA e ás súas familias, tantos como kilómetros percorrerá durante seis meses visibilizando unha enfermidade que afecta a moitas persoas.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, a concelleira de Sanidade, Carolina González, Pilar Guimeráns, representante de AGAELA , familiares e amigos, acompañaron a Jose neste importante momento.

“Coa miña bicicleta e o voso apoio percorrerei o perímetro de España para conseguir fondos que se destinarán na súa totalidade a axudar ás persoas que padecen esta enfermidade”, explicou Jose, “Sei de primeira man o necesaria que esta axuda para que estas persoas teñan unha vida digna, xa que está a afectar a un familiar e amigo, e penso que somos nós, os que gozamos de saúde, os que dalgún xeito debemos colaborar con eles”.

Por iso Jose, músico de profesión, adica a metade do ano ao seu traballo e a outra metade a loitar contra a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) a golpe de pedal.

“O que vai facer Jose é digno de admiración, o seu altruismo e compromiso merece o respaldo de todos e todas, e que en cada pedaleo sinta que dende o Porriño o estamos apoiando”, afirmou Alejandro Lorenzo, “Por iso é necesario que todos e cada un de nós colaboremos na campaña de crowdfunding e difundamos o seu reto para que todo aquel que queira poida sumarse”.

A recaudación de fondos está a facerse a través da plataforma de crowdfunding Migranodearena :  https://www.migranodearena.org/reto/pedalear-6000-km-x-6000-x-ela. A totalidade do recaudado destinarase a axudar aos enfermos de ELA e ás súas familias a través da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA).

A casa consistorial ilumínase pola ELA

O Concello do Porriño sumouse hoxe á campaña #LuzporlaELA impulsada por AGAELA en colaboración coa Confederación Nacional de Entidades de ELA (ConELA) con motivo do Día Mundial da ELA.  Hoxe a casa consistorial ilumínase en verde xunto a decenas de edificios e monumentos de toda España para visibilizar esta enfermidade e apoiar ás persoas, concienciando á sociedade sobre as dificultades que conleva no día a día.

Sobre a ELA

A ELA é unha enfermidade nerodexenerativa incurable, progresivamente incapacitante e mortal nun prazo de 3 a 5 anos dende o seu diagnóstico, pero isto son só datos obxectivos da enfermidade. A realidade é que en España cada día diagnostícanse tres novos casos de Esclerose Lateral Amiotrófica e falecen outras tres persoas en silencio.

A isto hai que sumar o custe medio dos coidados das persoas con ELA, que alcanza cifras moi elevadas anualmente, o que supón un problema económico inasumible para a mayoría das familias. A dificultade de detectar os síntomas iniciais a nivel de atención primaria e a complexidade do diagnóstico diferencial demoran usualmente o diagnóstico. En España, o tempo medio desde o primeiro síntoma ata o diagnóstico definitivo supera o ano.

Por iso, é importante potenciar a innovación e a tecnoloxía, apoiar e fomentar a investigación que nos permitirá atopar a orixe, o diagnóstico rápido e a cura.

 

 

 

 

 

O Porriño proxecta a construción do seu primeiro centro residencial de maiores

O Concello do Porriño proxecta a construción dun centro residencial para maiores con capacidade para 24 usuarios/as. Un proxecto que foi presentado ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a súa financiación a través dun convenio con cargo a fondos europeos.

“Trátase dun proxecto ambicioso que ascende a 1,2 M de euros, pero que supoñerá un salto cualitativo na atención aos nosos maiores”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Traballamos e seguiremos traballando para conseguir inversións que melloren a calidade de vida da veciñanza do Porriño”.  

A residencia ubicaríase na parroquia de Budiño, nunha parcela de titularidade municipal situada na marxe do Polígono Industrial SUR PPI-6 de máis de 4.000 m2.

“O centro residencial que propoñemos evoca a idea dunha gran vivenda na que os inquilinos farían vida familiar, cun porche exterior, un xardín para pasear e un bosque que os separía do polígono industrial e daría intimidade aos residentes” , apuntou Lorenzo, “Trátase de que se sintan integrados no barrio, como un veciño máis”.

As instalacións, de planta baixa, contarían con doce habitacións dobres dotadas de baño propio, salón de perruquería, multiusos, comedor… Como explicou o rexedor, a zona axardinada será parte importante.  Todo o necesario para garantir a confortabilidade dos usuarios e usuarias.

O autobús de “Coidados porta a porta” chega ao Porriño para ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernándo González Abeijón, e os concelleiros Abel Estévez, Rosario Costas e Carolina González, vistou hoxe o autobús de Coidados Porta a Porta, que está a ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores da localidade xeito gratuíto.

Segundo informaron, as citas están completas os catro días que a unidade móbil permanecerá no Porriño, no aparcamento da Piscina Municipal.

“É unha iniciativa pioneira que aplaudimos chegue ao Porriño e que está a ter moita demanda”, explicou o alcalde, “Desde o Concello volcámonos especialmente na atención aos nosos maiores e en poñer á súa disposición todas as ferramentas que estén ao noso alcance para mellorar a súa calidade de vida”.

Neste sentido, cabe destacar que o novo executivo puxo en marcha a tal fin a concellería de Terceira Idade, un departamento específico que traballa de maneira transversal co resto das áreas para dar resposta ás necesidades das persoas maiores e garantizar que a localidade ofreza a calidade de vida que estes merecen. 

16 persoas maiores de 55 anos participan en “Cultiva a mente” no Porriño

Como cada luns, o centro sociocomunitario do Porriño acolle os obradoiros “Cultiva a mente”, organizados polo Concello do Porriño en colaboración con AFAGA. Nos mesmos, participan 16 persoas maiores de 55 anos que hoxe recibiron a visita do  alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Terceira Idade, Rosario Costas, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez.

 “Desexo que esta actividade vos resulte útil e que vos achegue as ferramentas necesarias para disfrutar desta etapa da vida que, de seguro, garda momentos incribles para vós”, apuntou o  rexedor.

Trátase dunhas xornadas impartidas por un psicólogo con formación específica no desenvolvemento e execución do deterioro cognitivo nas que se abordan cuestións como o envellecemento activo, a promoción das relación sociais e a prevención da soidade ou a dependencia, entre outras cuestións.

 

 

 

Os “Coidados porta a porta” chegan ao Porriño en maio

O Porriño recibirá os días 4, 5 e 6 de maio, a visita da unidade móbil de “Coidados porta a porta”, a iniciativa da Xunta de Galicia para achegar aos maiores de 55 anos as consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria.

Profesionais sanitarios atenderán as consultas básicas e realizarán exploracións e valoracións nestas tres especialidades.

Cabe destacar que é un servizo gratuíto pero que require cita previa. Todas aquelas persoas que queiran facer uso deste servizo deberán solicitar cita no teléfono 622 748 283 ou a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal .

A unidade móbil estacionará no aparcamento da Piscina Municipal.

O Porriño contará co servizo de Atención Temperá

O Concello do Porriño vén de dar o primeiro paso para implantar o programa de atención temperá no municipio. Falamos dun servizo moi demandando no Porriño consistente nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (ata 6 anos) e á súas familias, que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades permanentes ou transitorias que poidan presentar as nenas e nenos con trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Sanidade e Educación, Carolina González, informaron ao persoal de pediatría do centro de saúde do Porriño do inicio das xestións para implantar este servizo, valorar e coordinar con eles as medidas a tomar.

“A atención temperá permite que se poidan detectar dificultades do desenvolvemento con maior prontitud e que os nenos e nenas, polo tanto, poidan recibir atención profesional canto antes, algo de vital importancia nunha poboación como a do Porriño cun alto índice de natalidade”, explicou o rexedor, “As pequenas e pequenos que nacen no noso pobo e as súas familias deben contar con toda a atención posible que se lle poida prestar desde as administracións”.

Pola súa banda, a concelleira explicou que “xa se solicitou  a subvención da Consellería de Política Social no marco da Rede Galega de Atención Temperá para poder poñelo en marcha no Porriño á maior brevidade posible”.

CEAMSA doa 1.680 litros de leite a SOS Porriño

  • SOS Porriño lanza unha campaña de recollida: necesitase leite, pasta, productos de hixiene infantil (cueiros tallas 4, 5 e 6, toalliñas, xeles..) e alimentación para bebés.

A empresa Ceamsa (Compañía Española de Algas Marinas S.A.) doou 1.680 litros de leite ao banco municipal de alimentos SOS Porriño. A compañía amosa así a súa disposición a colaborar co Concello do Porriño na prestación deste servizo que atende ás familias máis necesitadas do municipio.

O concelleiro de Servizos Sociais, Abel Estévez, quixo agradecer enormemente este “xesto solidario cos veciños e veciñas que están a atravesar unha situación de vulnerabilidade. Un xesto que nestes momentos de incertidume que estamos a vivir adquire máis valor se cabe”.

O edil fai un chamamento á cidadanía a colaborar con SOS Porriño e informa de que nos caixóns instalados nos centros culturais, pavillón e colexios para a recollida de roupa e alimentos para Ucrania tamén se está a recoller produtos que necesita o banco municipal de alimentos.

Concretamente necesítase leite, pasta, produtos de hixiene infantil (cueiros tallas 4, 5 e 6, toalliñas, xeles..) e alimentación para bebés.  

“Alzheimer e outras demencias: que son e factores de prevención”, charla informativa no Centro Cultural

O próximo 18 de marzo ás 18h o Centro Cultural do Porriño acollerá unha charla de sensibilización sobre as demencias da man de AFAGA en colaboración co Concello do Porriño, a través das concellerías de Benestar Social e Terceira Idade  que dirixen Abel Estévez e Rosario Costas, respectivamente.

Maxi Rodríguez, psicóloga sanitaria de AFAGA Alzheimer e poñente, falará sobre os síntomas de alarma, mitos e realidades, para evitar confundir a demencia con outros trastornos mentais e aspectos clave para a súa prevención.

AFAGA e Concello danse a man para sensibilizar da demencia na sociedade e prestar a atención que necesitan e merecen as persoas que padecen alzhéimer e outras demencias e as súas familias.  

O Porriño propón a contratación de 43 persoas desempregadas para apoiar os servizos municipais

O Concello do Porriño vén de presentar un plan de apoio á prestación de servizos municipais que permitirá a contratación de 43 persoas desempregadas que desenvolverán función nos diferentes departamentos municipais.

“Os cidadáns do Porriño cumpren co seu deber e pagan os seus impostos e o Concello debe cumprir co seu e prestar en condicións os servizos públicos”, explicou o Alcalde, Alejandro Lorenzo, “Moitos destes servizos non se estaban a prestar de maneira axeitada,  a situación que nos atopamos é nefasta e o persoal co que contamos insuficiente. Por iso deseñamos este plan de reforzo do persoal que nos permitirá non só poner a funcionar o Concello e impulsar novas iniciativas, senón tamén incorporar ao mundo laborar a 43 persoas que neste momento se atopan en situación de desemprego”.

A tal fin, o Concello fará a maior aportación de fondos que se fixo ata o de agora. O custe deste programa laboral roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude cursada ao ente provincial e os 224.061 corren a cargo do Concello.

As persoas que se van contratar terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego que será o encargado de facer a preselección, por iso é importante que todos aqueles interesados se inscriban xa nas diferentes ocupacións para cando se presenten as correspondentes ofertas de emprego.

Impulso dos servizos municipais

 Os traballadores integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais. No departamento de Obras contrataranse a dous oficiais de primeira  carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/conductor de grúa.

Entre as funcións que desempeñarán neste departamento está o mantemento e reparación de parques infantís e instalación deportivas, construcción e reparación de beirarrúas, mantemento de instalacións municipais, transporte de material ou roza.

No caso do departamento de Parques e Xardíns incorporaranse doce peóns forestais, que desempeñarán tarefas de rozado e retirada de vexetación e maleza nos viais das parroquias e traballos de recollida de entullos e o mantemento e mellora dos xardíns.

Un auxiliar de enfermería dará respaldo á Unidade Asistencial a Drogodependentes, un auxiliar administrativo ao Departamento Servizos Sociais e dous para o Departamento de Cultura que desenvolverán función de información e atención aos usuarios da Biblioteca municipal.

Tamén se contratará un titulado na Diplomatura ou Grao de Turismo para traballar no desenvolvemento do Departamento de Turismo e un técnico en informática que se precisa no Departamento de Novas Tecnoloxías.

Posta en marcha de Porremprego

No tocante ao Departamento de Emprego e Formación proponse a contratación de dous orientadores laborais. Un dos piares básicos da xestión deste novo goberno será a posta en marcha de novo de Porremprego:  restablecer as acción formativas e as relacións co tecido empresarial da contorna e a bolsa de emprego local, como ferramenta clave para aumentar as posibilidades de empregabilidade.

Conserxes para a praza de abastos, aula de estudio e pavillóns municipais

 Incorporaranse seis conserxes aos departamentos de Deportes, Mercados, Persoal e Cultura que se encargarán da apertura, peche, vixilancia e atención ao cidadá dos pavillóns municipais, o Concello, aula de estudio e a Praza de Abastos.

 

 

 

 

 

 

 

 

A Xunta impulsa a creación de seis novas prazas públicas no centro de día de Aceesca

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións da Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual (ACEESCA) acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo e o Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade,  Fernándo González Abeijón.

Fabiola García anunciou durante a visita que a Xunta impulsou a creación de seis novas prazas públicas de atención no centro de día e con este incremento o total ascende a 36, que se suman a outras 37 prazas públicas no centro ocupacional. En total, o Goberno galego financia un total de 73 prazas nos centros de Aceesca no Porriño.

As persoas usuarias colaboran na xestión do punto limpo da localidade, coidan do seu invernadorio de plantas de temporada ou participan en labores de limpeza e xardinería. A conselleira destacou que Aceesca permite que as veciñas e vecinos do Porriño teñan a oportunidade de avanzar cara a plena inclusión.

Ademais do financiamento destas prazas, a Xunta colabora con esta asociación a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para a mellora e adecuación das súas instalación. Na última convocatoria, esta entidade percibiu 52.000 euros. Deste xeito o Goberno galego destina anualmente a Aceesca 800.000 euros para facilitar a súa labor.

Pola súa banda, o rexedor Alejandro Lorenzo reiterou o seu total respaldo a Aceesca e o apoio total do Goberno Municipal á importante labor social que desenvolven. “Unha das prioridades na liñas de goberno que nos marcamos é o benestar social e neste eido o labor de Aceesca é indispensable”, salientou Lorenzo, que agradeceu tamén á titular de Política Social a súa disposición a seguir colaborando con Aceesca e co Concello para que se poida dar un apoio integral ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

O alcalde explicou que, tal e como comprometera no día da súa investidura, xa se está xestionando un novo convenio con Aceesca que permita impulsar a súa actividade.

Novos proxectos

A directiva de Aceesca aproveitou a visita  para dar a coñecer os proxectos que teñen en marcha. Estes baséanse en dúas liñas principais: o emprego e o proxecto residencial que persigue, non só garantizar unha vida independente ás persoas con discapacidade intelectual, senón tamén promover a revitalización e recuperación da parroquia de Torneiros.

Tal e como explicou Dolores Muñíz, membro da Xunta directiva “temos unha aposta firme polo emprego, que se materializa no centro especial de emprego que se está construir no polígono industrial, centrado na formación dual e tamén pola vida independente das persoas con discapacidade”. “Temos as ideas e os proxectos pero precisamos a axuda das administracións para poder levalos a cabo”, concluíu Muñíz, “O centro residencial que proxectamos permitiría que as persoas con discapacidade intelectual puideran independizarse e vivir en comunidade cos apoios que precisan, e que, como calquera outra persoa, poidan chegar a onde queiran chegar”.