O Concello aproba os novos pregos do Servizo de Axuda no Fogar cun incremento do prezo/hora e melloras laborais obrigatorias para a empresa adxudicataria

  • O contrato sae a licitación, para iniciarse en xaneiro de 2026, por un importe de máis de 2,8 millóns de euros por un período de dous anos
  • A día de hoxe, figuran como beneficiarias do SAF 137 persoas e véñense prestando máis de 000 horas de servizo no que vai de ano
  • O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que os novos pregos dan resposta ás demandas das traballadoras e introduce avances tanto cualitativos como cuantitativos no servizo. A eles proseguirá unha modificación da ordenanza, unha vez se implante o novo protocolo da Xunta

O Porriño, 20 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño celebrou hoxe un pleno extraordinario cun único punto na orde do día: a aprobación do expediente, o gasto e os pregos para a licitación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A proposta, presentada polo concelleiro de Contratación, Carlos Martínez, supón un importante paso adiante na mellora deste servizo esencial.

O novo contrato, que substituirá o actual ao seu remate e entrará en vigor en xaneiro de 2026, terá unha duración inicial de dous anos, cunha posible prórroga dun máis, e sae a licitación por un importe total de 2.826.777,60 euros. O número de persoas beneficiarias do SAF municipal ascende hoxe a 137, 10 na modalidade básica e 127 na de dependencia. Ata o 30 de setembro deste ano prestáronse máis de 44.000 horas de atención, 2.059 na modalidade básica e 42.319 en dependencia. Actualmente e o servizo conta con 63 traballadores, 60 auxiliares de axuda a domicilio, dous coordinadores e unha auxiliar administrativa.

“Con estes novos pregos damos resposta ás demandas das traballadoras e melloramos o servizo, tanto desde o punto de vista cualitativo como cuantitativo. Apostamos por reforzar a súa seguridade no posto de traballo e tamén recoñecemos o seu labor cun incremento do prezo/hora”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo, quen tamén quixo agradecer a implicación e compromiso de todas as persoas que forman parte do SAF e do departamento de Servizos Sociais.

Na exposición do punto, o concelleiro de Contratación, Carlos Martínez destacou que os novos pregos técnicos recollen as achegas feitas pola representación sindical, integrando propostas para garantir unha mellora real das condicións laborais. Un dos cambios máis significativos é que os medios materiais, antes considerados como melloras optativas, pasan agora a ser de obrigado cumprimento para a empresa adxudicataria. Isto inclúe a dotación de roupa de traballo e axudas técnicas como camas hospitalarias, grúas, cadeiras de ducha ou andadores.

Neste apartado, tamén se mencionou o local de referencia, que será a sede da base operativa do programa e que en todo caso deberá estar situado no Concello do Porriño e unha aplicación informática para a xestión e o intercambio habitual da información do servizo co departamento municipal responsable.

Tamén neste sentido, os pregos indican que a empresa adxudicataria deberá efectuar unha avaliación completa dos riscos laborais que afectan ás persoas traballadoras no desenvolvemento das súas tarefas, a cal deberá levarse a cabo por parte dun técnico debidamente cualificado en prevención de riscos laborais.

No apartado económico, os novos pregos supoñen un incremento do 16% nos prezos unitarios por hora, fixando as tarifas en 26,17 €/h para a modalidade básica e 24,74 €/h para a modalidade de dependencia.

Tamén se modificaron os criterios de selección e valoración de ofertas presentadas, antes establecíase un máximo de 150 puntos, repartidos en 50 para criterios que dependen de xuízo de  valor e 100 puntos para criterios económicos. Agora establécese un máximo de 100 puntos, repartidos en 40 e 60, respectivamente. É a destacar, neste senso, a valoración de protocolos de actuación, con especial mención aos protocolos de riscos laborais ante temas como axentes biolóxicos, infecciosos e ante situacións de emerxencias e agresións en domicilios.

Por último, desde o Concello do Porriño sinalan que a modificación da Ordenanza municipal reguladora do SAF levarase a cabo tendo en contra o contido dos novos pregos e á espera da aprobación definitiva do protocolo de seguridade elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), que xa conta co visto bo da Xunta de Galicia e foi remitido á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

III campaña solidaria “A Hora de Dar”

Seguindo as indicacións das necesidades que detectan os Servizos Sociais do Porriño, e en cumprimento do acordado polo Pleno Infantil celebrado polo Día Mundial dos Dereitos da Infancia, o Concello do Porriño pon en marcha a terceira edición da iniciativa solidaria “A Hora de Dar”.

A recollida impulsada pola Concellería de Educación e a OMIX, deu comezo hoxe en todos os centros educativos do municipio co obxectivo de incentivar e multiplicar as boas accións das persoas. O obxectivo deste movemento mundial, ao que se suma a cativada e mocidade do Porriño, é dedicar uns días a celebrar o feito de dar.

Este ano, a recollida centrarase nos produtos que máis se requiren no programa municipal de alimentos SOS Porriño por parte das familias con menos recursos. Estes son alimentos non perecedoiros como pasta, arroz, cacao soluble, galletas, conservas e alimentación infantil.

Como cada ano instalaranse nos centros de educación primaria e secundaria puntos de recollida específico. Desde o Concello do Porriño animan a toda a veciñanza a participar e unirse para DAR e informan de que a maiores dos centros educativos poderán doarse alimentos no punto de recollida habilitado no Pavillón Municipal do Porriño ata o 11 de decembro.

Programa de vivendas baleiras para facilitar o acceso ao alugueiro

O Concello de Porriño puxo en marcha o seu Programa de Vivendas Baleiras, unha iniciativa que busca activar o maior número posible de propiedades desocupadas de titularidade privada para incorporalas ao mercado de alugueiro a prezos accesibles. Esta acción enmárcase dentro do Programa de Mobilización de Vivendas en Alugueiro, impulsado polo goberno autonómico a través do IGVS.

A través deste programa o Concello creou un rexistro de potenciais arrendatarios e outro de vivendas e, a través do departamento de Servizos Sociais, adxudicaranse atendendo ás bases reguladoras do mesmo.

Co obxectivo de incentivar aos propietarios, o programa ofrece garantías como un seguro que cobre o abono de rendas non pagas e outro para a reparación de danos durante a vixencia do contrato, ademais de asistencia xurídica. Os propietarios interesados en participar deberán presentar a súa solicitude antes do 31 de decembro de 2025.

Doutra banda, as persoas que busquen vivenda e cumpran cos requisitos establecidos poderán inscribirse no rexistro de demandantes do concello. Este programa está deseñado para axudar a quen enfronta dificultades para acceder a un alugueiro, asegurando que a renda non supere o 30% dos seus ingresos. Entre os requisitos esixibles están que deben estar empadroadas no Concello do Porriño e que se atopen nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda en aluguer.

“Este programa pode ser un recurso fundamental para moitas familias do Porriño que se atopan en situación de vulnerabilidade, con dificultades para acceder á unha residencia debido á súa situación económica e á escaseza de vivendas en alguiler”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor destacou tamén que a colaboración público-privada, coa implicación das administracións e propietarios, é esencial para poder solventar esta situación “por iso agradezco de antemán aos propietarios que se sumen a esta iniciativa”.

As bases poden consultarse na seguinte ligazón: https://oporrino.org/documentos/bases-reguladoras-do-programa-de-vivendas-baleiras-2024/

Os maiores de 55 anos poderán aprender a bordar en Torneiros

O Centro de Día de Torneiros ofrece de forma gratuíta un curso de técnicas de bordado para maiores de 55 anos, dentro do Programa de Envellecemento Activo co que pretenden difundir a súa labor e facerse visibles na sociedade. O Centro Cultural Alba albergará esta actividade, que terá lugar unha hora á semana durante cinco meses.

Unha actividade para saír de casa, socializar e previr o envellecemento

Os participantes, ademais de aprender ou perfeccionar o bordado, obteñen unha serie de beneficios: unha razón para saír de casa e socializar, evitando así a soedade non desexada; e a prevención do envellecemento o facer unha actividade que estimula distintas partes do sistema nervioso e motriz.

O Centro Cultural Alba é o lugar idóneo para esta actividade, tanto polas instalacións, como polo espazo natural, ademais de poder disfrutar da cafetería que Lume ten no Centro. O curso levarase a cabo os mércores ás 16 horas, e empezará nas próximas semanas, con parada vacacional nos meses de xullo e agosto.

Sonia Leiro, Educadora Social do Centro de Día, é a persoa que impartirá o curso de bordado, que “será un lugar de encontro e creará lazos entre a veciñanza a través do bordado e a costura creativa”, explica. “Os/as participantes comprobarán que cunha puntada que todo o mundo sabe facer, pódense crear obras moi elaboradas e moi bonitas”, engade Leiro.

“Dende o Concello, animamos aos veciños/as a participar nas diversas actividades que favorecen a vida social nas parroquias e melloran a vida social e a saúde dos nosos maiores”, conclúe Teresa Veloso, concelleira de Política Social.

O prazo de inscripción está xa aberto e as persoas interesadas pódense anotar por teléfono no número 986 331 750, ou enviando un correo electrónico a oporrino.consorcio@igualdadebenestar.org.

Cáritas A Louriña organiza a súa I Andaina Solidaria

O sábado 20 de abril, ás 17 h, o grupo de Cáritas do arciprestazgo da Louriña organiza a primeira edición da súa “Andaina solidaria”, co obxectivo de recaudar fondos para poder continuar desenvolvendo os prexentos que levan a cabo desde esta organización na bisbarra. A iniciativa conta coa colaboración dos concellos do Porriño, Mos e Salceda de Caselas, así como da Asociación de Hostaleiros do Porriño, Pan do Porriño e Dj Pitty.

A andaina presentouse hoxe aos pés da Igrexa de Santa María do Porriño, que será punto de partida este sábado. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, presentaron a actividade xunto cos representantes de Cáritas Parroquial, Pepi Rodriguez, Sugui e Beatriz Correa, hostaleiros e o Dj Pitty, que animará o fin da camiñata.

Esta ruta, que ten un nivel medio de dificultade comezará na igrexa de Santa María do Porriño, continuarán pola senda do Louro, Fonte do Cristo, capela das Angustias, Malladoura e Aloques, rematando na capela do Cristo, onde os/as participantes repoñerán forzas cunha chocolatada e roscas.

A inscrición ten un custo e 5 euros, para todas as persoas maiores de 14 anos – os menores desta idade participan gratis. Tamén se aceptan donativos a través do número de Bizum 08323, baixo o concepto “Andaina”. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ou solicitar máis información n o número de teléfono 662 455 815.

Os representantes municipais animaron a toda a veciñanza a participar e sumarse a esta acción solidaria camiñando por unha boa causa.

Cáritas parroquiais do Val da Louriña

Cáritas Parroquian atende na Louriña a 70 familias. Co de centrar nas persoas a atención, recentemente cambiou o seu tradicional modelo de axuda social de doazón de alimentos e roupa por tarxetas económicas. Tal e como indican desta maneira dignifican o proceso de atención e responden mellor ás necesidades dos seus usuarios/as.

Ademais ofrecen nas súas parroquias do Porriño, Mos e Salceda de Caselas obradoiros de formación e búsqueda de emprego, atención a maiores, obradoiros de costura, e acollida e acompañamento como acción central.

O Porriño reivindica unha sociedade diversa, unida e na que non se discrimine a ninguén

O pavillón municipal do Porriño acolleu hoxe a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que, como cada ano, organiza Aceesca para reclamar a implicación de toda a sociedade para a plena inclusión das persoas con diversidade.

Como sempre, contaron coa participación e respaldo do Concello do Porriño, da comunidade escolar e de outras entidades e centros de día como Afaga Alzheimer ou o Centro de Día de Torneiros.

Laura, en representación do grupo de autoxestores de Aceesca “Os dez do Porriño” , foi a encargada de ler o manifesto que abriu o acto.

Un acto co que, tal e como relatou, “queremos celebrar a nosa fortaleza e exercer os nosos dereitos” e “berrar ben alto que as persoas con discapacidade queremos formar parte da sociedade dunha forma activa, queremos que se teñan en conta as nosas opinións e ser os protagonistas das nosas vidas”.

Laura lembrou que as persoas con diversidade teñen dereito a ter un traballo, contar cos apoios que necesitan para poder desempeñalo e que sexa nas mesmas condicións que o resto das persoas. Reivindicou tamén unha accesibilidade universal tanto física como cognitiva.

“Pensamos que unha sociedade diversa é moito máis rica, pero aínda existen moitas barreiras e queremos poder derribalas. Axudádesnos?”, concluíu, “Por iso precisamos unha educación máis inclusiva, unha atención sanitaria competente, apoio das administración con servizos e recursos que respondan ás nosas necesidades, máis investigación, máis aposta polo emprego para as persoas con discapacidade, máis apoio e comprensión de toda a sociedade. Queremos unha sociedade unida e onde non se discrimine a ninguén”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que ninguén mellor que eles “para trasladarnos ao resto da sociedade as súas necesidades e as súas propostas para conseguir algo que é de xustiza: un mundo que non deixe a ninguén atrás”. “Moitas veces non somos conscientes das barreiras coas que vos atopades cada día, esas que moitas veces vos impiden tamén cumprir os vosos soños”, díxolles o rexedor, “Por iso quero darvos as grazas, grazas aos Dez de Aceesca polo traballo que facedes e grazas a todas e todos os que hoxe estades aquí para facer deste un mundo mellor. Pola miña parte, como alcalde e como o voso veciño e amigo, tomo nota de todas elas e prometo, de corazón, facer o que estea na miña man para axudar a que se fagan realidade”.

Lorenzo rematou anunciando que, como o ano pasado, serán os usuarios e usuarias de Aceesca os encargados de iluminar o Nadal do Porriño, protagonizando o encendido navideño.

A xornada continuou co desfile de paraugas que deseñaron os centros participantes para visibilizar o importante que é poder vivir nunha sociedade diversa e plural na que todas e todos teñamos os mesmos dereitos e oportunidades e concluíu co gran flashmob no que participaron todos os asistentes.

O Porriño aposta pola prevención da adición dixital nos centros educativos

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Sanidade e a OMIX, puxo en marcha un programa nas escolas para previr a adicción dixital e aos videoxogos na adolescencia.

Baixo o nome de “Xoga Limpo” preténdese acceder a toda a poboación diana: o alumnado de 1º da ESO dos concellos do Porriño e Mos. En total son 367 alumnos e alumnas os que participan, 10 aulas do Porriño e 5 aulas de Mos, con dúas sesións de traballo de dúas horas de duración cada unha.

A escola é un axente primario de socialización, e nela conflúen alumnos e alumnas, pais e nais, mestres e mestras… polo que supón un medio idóneo para a implantación dos programas preventivos e de promoción da saúde, neste caso mental e dixital.

Tal e como explicou a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, o programa apóiasae na investigación levada a cabo polo psicólogo británico Mark D. Griffiths, especialista no eido das adiccións conductuais. Nestas investigacións Griffiths aborda estas adiccións mergullándose na orixe ou motivación que leva á persoa a adicarlle un número elevado de horas aos videoxogos.

“É importante que sexan conscientes dos motivos que os levan a usar as novas tecnoloxías e do tempo que lles adican para poder xestionalo”, engadiu a edil, “E que teñan sempre moi presente que se ben son unha boa ferramenta, a ferramenta máis potente será sempre a súa mente, será á que lles axude a discernir o que queren e o que non”.

No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que lles lembrou que “non se pretende penalizar a tecnoloxía, senón que aprendan a usala csen descoidar o seu desenvolvemento e que aprendan a canalizar o seu interés á vez que se lles mostran todas as posiblidades que o mundo dixital ofrece. En definitiva, o que queremos é fomentar o seu sentido crítico”.

Este programa está impulsado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a través dunha subvención outorgada ao Concello do Porriño para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas.

Aceesca construirá unha nova residencia de atención á discapacidade no Porriño

Aceesca, asociación porriñesa centrada no apoio a persoas con diversidade intelectual, resultou beneficiaria dunha achega de 2 millóns de euros que a Xunta de Galicia lle concede para a creación dunha residencia de atención á discapacidade no Porriño. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada pola delegada territorial da Administración autonómica en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou hoxe as instalacións da asociación en Torneiros.

Aceesca é unha das dez entidades de Galicia que se beneficiará da nova orde de axudas para a construción ou remodelación de centros para a atención a persoas maiores e con discapacidade de titularidade social, dotada de 13 millóns de euros. Con este apoio económico por parte do Goberno galego, Aceesca creará un novo centro residencial con 48 prazas .

Fabiola García destacou o traballo que realiza entidade no Porriño nos seus centros de día e ocupacional, nos que a Xunta financia no seu conxunto 73 prazas ás que destina 800.000 euros ao ano -36 prazas no centro de día e 37 no centro ocupacional-. Ademais, recoñeceu o compromiso do Concello do Porriño na atención ás persoas con discapacidade e aos maiores e sinalou que o Goberno galego seguirá a traballar da man do Concello para ampliar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ou para levar ao municipio atención gratuíta en audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a través do programa de Coidados porta a porta.

A conselleira referiuse tamén a outras medidas dirixidas a apoiar ás entidades que actúan no ámbito da discapacidade, como a nova orde de axudas para a adquisición de vehículos adaptados, dotada de 3,6 millóns de euros e das que se beneficiarán 80 entidades, entre elas Aceesca.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu a axuda da Xunta de Galicia para poder facer realidade este ilusionante proxecto e destacou a importancia de que todas as administracións se impliquen para facer posible que esta asociación poida levar a cabo as súas iniciativas, todas elas en beneficio das persoas con discapacidade intelectual do Porriño e tamén da contorna. O rexedor concluíu reiterando que a man do Concello estará tendida para Aceesca sempre que a necesiten.