A concelleira de Seguridade deu a benvida aos novos voluntarios que realizaran prácticas na Agrupación de Protección Civil do Porriño

Seis voluntarias e voluntarios que realizaran as súas prácticas de formación en atención de emerxencias, comezarán mañá mércores na Agrupación de Protección Civil do Porriño, ás ordes de Suso Gónzalez “Carrola”, responsable da unidade.

Están a realizar o curso de FP “Atención Sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes” para obter o certificado de profesionalidade no ámbito da atención sanitaria. Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre 22 e 50 anos, comezaron en febreiro a súa formación teórica que, agora, van completar con as prácticas na Agrupación de Protección Civil do Concello do Porriño.


Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, encargouse de darlles a benvida ao Concello do Porriño onde cada un deles realizarán 120 horas de prácticas atendendo accidentes, emerxencias, servizos de orde en probas deportivas e outros eventos.

Estas prácticas realízanse ao abeiro dun convenio entre o centro de formación CIFP Manuel Antonio, de Vigo, e o Concello do Porriño.

Na presentación dos voluntarios, acompañaban á concelleira de Seguridade, o Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, o responsable da Agrupación de Protección Civil, Suso Gónzalez Pexegueiro, e a titora dos alumnos, María del Carmen López, en representación do CIFP Manuel Antonio. 

O Concello amosa a súa condolencia polo falecemento de Alvaro Cunqueiro que fora xefe da Policía Local

A alcaldesa, Eva Garcia; a concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e o Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez acudiron esta mañá ao Tanatorio de Redondela a dar testemuña da condolencia do Concello do Porriño pola perda de Alvaro Cunqueiro, falecido onte aos 78 anos. Tamén esta tarde, unha delegación municipal acudirá ao funeral que se celebrará na igrexa de Santa María do Viso (18 horas). 

Cunqueiro chegou a Porriño procedente de Vigo e estivo en activo 25 anos, período no que fora xefe da Policía Local do Porriño ata a súa xubilación en 2008.

Na imaxe adxunta, sen dúbida histórica, aparece xunto co anterior alcalde, Xosé Manuel Barros, o anterior presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor; o viceprresidente, Xosé Luis Barreiro Rivas e co gobernador civil da provincia, daquela Virginio Fuentes. 

Adif comunica que debe retomar os traballos de mantemento que afectarán ao tráfico na área do paso a nivel

 

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) comunicou ao Concello do Porriño que hoxe o luns 22, debe retomar os traballos de mellora na área ferroviaria que motivará a repetir os recortes e desvíos do tráfico de vehículos na contorna.
As restricións serán entre as 23 horas desta noite e as 6 horas da mañá do martes 23.

Para executar esas tarefas manterán as barreiras baixadas para interromper tanto o tráfico ferroviario como o tráfico de vehículos a motor, polo que se habilitarán desvíos, de novo.

A Policía Local informa que serán os mesmos que lembramos:
– A rúa Peña será cortada na Rotonda da Central para os vehículos que proveñen da rúa Estación, que, polo tanto, deben circular pola rúa Ramiranes.
– Os vehículos que circulen pola rúa Cando deben ir á rotonda da Central e continuar obrigatoriamente pola rúa Ramiranes.
– E os vehículos que circulen pola Avenida Bos Aires deben continuar pola rúa Progreso.

Estes desvíos serán sinalizados e controlados pola Policía Local.

A concelleira de Seguridade entregou as tarxetas acreditativas das voluntarias da campaña de control da poboación felina

Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, asistida por Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local, entregou hoxe as tarxetas acreditativas ás voluntarias e voluntarios que participan na campaña de control da poboación felina que promove o Concello.  Deste xeito, existe un rexistro de control para o coñecemento da Policía Local e para cumprir o que esixe a normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, a concelleira informou de que o acordo para a esterilización da poboación felina xa se renovou por segundo ano.  Contratouse cunha clínica veterinaria local que nesta ocasión será “Lupus”, á que se adxudican 3.000 euros por estes traballos.

A Alcaldesa solicita ao Conselleiro de Sanidade unha ampliación do prazo, no nome da hostalería porriñesa

A alcaldesa Eva García dirixiu esta mañá unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, instándolle a considerar que a Xunta de Galicia amplie o prazo para formalizar os trámites necesarios para o “Plan de Hostalería Segura”

A falta dunhas horas para que entren en vigor as medidas requiridas, a hostalería do Porriño trasladou hoxe nunha reunión á concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e axentes da policía local, “a nosa preocupación polo colapso da páxina web de Turespazo para obter os códigos QR, cuxo prazo remata a media noite “, segundo José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño.

Pola súa banda, a concelleira de Seguridade explicou que o goberno municipal “está ao dispor da hostalería, un sector xa moi castigado, para axudarlles a acadar a mellor solución posible”, segundo declarou Lourdes Moure.

En consecuencia, a alcaldesa decidiu instar por carta ao titular da Consellería de Sanidade que “permita a ampliación do devandito prazo para dar tempo para formalizar todas as solicitudes dos hostaleiros do Porriño á vista da inquedanza xerada entre os autónomos pola posibilidade de non poder cumprir a normativa por motivos alleos ao seu control “, segundo a carta de García de la Torre.

A concelleira de Seguridade pide a máxima colaboración dos hostaleiros e da poboación

 

Lourdes Moure, concelleira de Seguridade fixo hoxe unha declaración dirixida á hostalería local “para tranquilizalos” sobre a campaña informativa desenvolvida pola Policía Local para dar a coñecer as restricións requiridas e garantir o seu cumprimento por parte dos establecementos.

“Non estamos aquí para poñer máis trabas a un sector que sufriu dabondo, senón para colaborar en todo momento”, dixo a concelleira de Seguridade. Ao mesmo tempo solicitou “a máxima colaboración dos hostaleiros e de toda a poboación porriñesa para manternos nunha tendencia descendente de casos “, engadiu.
Deixamos audio do comunicado de Lourdes Moure

Concello e Policía Local establecen protocolos coa hostalería local para garantir o cumprimento das restricións

Os establecementos de hostalería do Porriño recibirán unha folla informativa para que coñezan as medidas que deben adoptar e para que teñan a información necesaria para descargar os códigos QR. Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil serán os encargados da distribución.

Así se acordou hoxe nunha reunión celebrada na Alcaldía, presidida por Eva García e coa asistencia de Lourdes Moure, concelleira de seguridade, Daniel Rodríguez, inspector xefe, e Antonio Pereira Nandín, oficial de Policía Local, e José Manuel Fernández Sanjuán, Presidente da Asociación de Hostaleiros de Porriño (AHOSPOR).
O obxectivo é evitar problemas de exceso de capacidade e garantir o cumprimento das restricións vixentes tanto no interior como nas terrazas dos establecementos.

Adxuntamos “pdf” coa folla informativa a distribuir 

Medidas Hostalería

Todo o persoal da Policía Local vacinarase contra a Covid

Todo o persoal da Policía Local do Porriño vacinarase contra o Covid.  En total 23 persoas.  A relación xa se enviou ao Servizo Galego de Saúde, a través da FEGAMP que media a xestión e que notificou á Concellería de Seguridade que o persoal policial vacinarase a partir do 5 de marzo.

Doutra banda, a Concellería de Servizos Sociais informa de que xa se vacinaron 10 traballadoras sociosanitarias do Servizo de Axuda no Fogar, así como as 5 traballadoras sanitarias que atenden a Unidade de Asistencia a Drogodependencias.

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza coa campaña de vacinación anti-Covid

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Seguridade, agradece “a colaboración e a paciencia dos cidadáns para que a campaña de vacinación para maiores de 80 anos que comezou hoxe no Centro de Saúde transcorra sen aglomeracións”, segundo a concelleira, Lourdes Moure.

No Centro de Saúde están convocados dende hoxe e nos vindeiros días, veciños de Porriño, Mos e Salceda, maiores de 80 anos, para vacinarse coa primeira dose.

A Policía Local habilitou a marxe dereita da rúa Doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que transportan a estas persoas e que poden esperar a que remate o proceso de vacinación.  Esta circunstancia facilitou hoxe a espera que tiveron que manter os convocados para vacinarse, xa que o camión frigorífico que traía as vacinas chegou tarde e o proceso de vacinación comezou unha hora despois.

A este respecto, a concelleira de Seguridade “agradeceu a comprensión e a paciencia das persoas convocadas para ser vacinadas, así como das súas familias e acompañantes”, dixo Lourdes Moure.

A Policía Local colaborará para evitar aglomeracións no Centro de Saúde coa ocasión do inicio da vacinación aos maiores de 80 anos

A Policía Local colaborará a partir do vindeiro luns 22 para evitar aglomeracións no Centro de Saúde onde comezará a vacinación contra a Covd de persoas maiores de 80 anos dos concellos de Porriño, Mos e Salceda.

O SERGAS ten previsto que cada día se vacinen no centro de saúde do Porriño a 100 persoas que previamente están convocadas para este fin.  O calendario de vacinación está programado entre as 8.30 e as 14.30 horas.  Cada persoa vacinada debe esperar 15 minutos despois da inoculación para evitar calquera tipo de reacción.

Con estas premisas, a Policía Local habilitará a marxe dereita da rúa doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que trasladen e agarden polas persoas chamadas a vacinar.  Unha patrulla de axentes municipais colaborará para manter os protocolos de seguridade e a distancia entre as persoas, tal e como planificaron hoxe Lourdes Moure, concelleira de Seguridade Cidadá e Jesús González, xefe accidental da Policía Local.