O Concello do Porriño fai balance da seguridade en 2025 e reforza a coordinación na loita contra a violencia de xénero

  • O sistema VioGén mantén 60 casos activos no partido xudicial do Porriño
  • A Garda Civil rexistrou 782 infraccións penais en 2025, con máis de 300 feitos esclarecidos e un aumento das actuacións en materia de drogas
  • A Policía Local realizou 50 detencións o ano pasado e reforzou a actuación en delitos xudiciais, seguridade viaria e violencia de xénero

O Porriño, 11 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrou esta mañá a Xunta Local de Seguridade, na que se fixo balance dos datos en materia de seguridade correspondentes a 2025 e ao inicio de 2026, así como unha análise específica da situación da violencia de xénero no partido xudicial do Porriño.

A reunión contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; da xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno, María José Rodríguez Pérez; do tenente coronel Óscar Grañas e do tenente comandante da Garda Civil do Porriño, David Mejuto; do capitán da Garda Civil e xefe da Compañía de Vigo, Rafael Antonio Pereira; do inspector principal xefe, Daniel Rodríguez, e os oficiais Antonio Pereira e Jesús Costas da Policía Local do Porriño; do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do concelleiro de Seguridade, Abel Estévez; do tenente de alcalde, Carlos Martínez; e do secretario do Concello do Porriño, Eduardo Portela.

No que respecta aos datos xerais da Garda Civil, durante 2025 rexistráronse 782 infraccións penais, con 315 feitos esclarecidos, ademais de 421 infraccións administrativas. Entre os delitos contabilizados figuran 65 lesións, 183 estafas, 79 furtos e 19 roubos con forza en vivendas. En relación co tráfico ou consumo de drogas, as actuacións pasaron de 112 en 2024 a 136 en 2025.

Pola súa banda, a Policía Local realizou, durante 2025, 50 detencións, das cales 44 foron homes e 6 mulleres, froito dunha maior actividade preventiva e dun traballo coordinado para garantir a convivencia e a seguridade no municipio. O delito con maior número de detencións foi o cumprimento de requisitorias xudiciais, con 24 persoas detidas. Outras actuacións destacadas incluíron delitos de robo con forza, abuso sexual, resistencia ou desobediencia a axentes, violencia de xénero, quebrantamento de medidas cautelares e delitos contra a saúde pública.

No ámbito da seguridade viaria, ao longo de 2025 foron investigados 46 condutores (40 homes e 6 mulleres) por distintos delitos, principalmente relacionados coa condución baixo efectos do alcohol, con 18 condutores investigados, seguido de 9 por carencia de permiso de conducir e 16 por perda de vixencia do mesmo. Ademais, un condutor foi investigado por negarse ás probas de detección alcohólica. Estes datos reflicten o reforzo da prevención e dos controis realizados pola Policía Local, fundamentais para evitar accidentes e garantir a seguridade nas vías públicas.

Balance da violencia de xénero no partido xudicial do Porriño

A Xunta Local de Seguridade analizou tamén os datos relativos á violencia de xénero no partido xudicial do Porriño. No ano 2024 rexistráronse 94 denuncias, mentres que en 2025 a cifra foi de 83. Das 83 denuncias rexistradas en 2025, existen actualmente 60 casos activos no sistema VioGén. Destes, 33 contan con orde de protección en vigor, 6 teñen asignado o servizo telefónico ATENPRO, 58 están catalogados con risco baixo e 2 presentan risco medio.

No seguimento destes casos activos, 17 están supervisados pola Policía Local e 44 pola Garda Civil, no marco da coordinación establecida entre ambos corpos.

No ámbito do financiamento, o Concello do Porriño recibe 29.911 euros procedentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, fondos destinados ao desenvolvemento de políticas públicas de prevención, atención e sensibilización.

Durante a reunión, a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno, María José Rodríguez Pérez, realizou unha mención expresa ao Centro de Información á Muller (CIM) e á Concellería de Igualdade do Porriño, destacando a boa xestión dos recursos e o traballo continuo no acompañamento ás vítimas e na aplicación de políticas de igualdade.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia da cooperación e coordinación entre todos os corpos de seguridade: “A cooperación e a coordinación son fundamentais. Quero agradecer aos corpos de seguridade pola súa labor, que moitas veces non se ve, pero que con traballo constante consigue resultados fundamentais para protexer ás persoas e manter a convivencia. O seu esforzo e compromiso son imprescindibles para garantir a seguridade no Porriño.”

Lorenzo puxo tamén en valor a coordinación institucional e o compromiso municipal nesta materia: “A loita contra a violencia de xénero é unha prioridade absoluta. Detrás de cada cifra hai unha persoa que precisa apoio, protección e recursos. No Porriño contamos cun CIM e cunha Concellería de Igualdade que están a facer un traballo rigoroso e comprometido, e seguiremos destinando todos os medios ao noso alcance para protexer ás vítimas.”

O Concello reafirma así o seu compromiso coa seguridade cidadá e coa defensa dos dereitos das mulleres, apostando pola cooperación institucional e pola mellora continua das políticas públicas no municipio.

O Porriño forma á cidadanía para estar preparada ante calquera emerxencia

  • As Charlas de Primeiros Auxilios son de balde para toda a veciñanza e asociacións participantes
  • As primeiras sesións celebraranse o 10 de febreiro no Centro Cultural As Mimosas de Carracido e o 26 de febreiro no Centro Cultural de Atios, en horario de 17:00 a 18:30 horas

O Porriño, 4 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño, en colaboración con Protección Civil, pon en marcha un programa de formación en primeiros auxilios dirixido á veciñanza e ao tecido asociativo do municipio.

As accións formativas, Charlas de Primeiros Auxilios, comezarán no barrio de Carracido e na parroquia de Atios, co obxectivo de achegar coñecementos básicos e fundamentais para actuar ante situacións de emerxencia no día a día. Nas charlas aprenderase a actuar fronte a paradas cardiorrespiratorias, afogamentos, ictus, cortes e feridas, e queimaduras.

Ademais, estas formacións son totalmente de balde para toda a veciñanza e asociacións participantes. A primeira sesión celebrarase o 10 de febreiro, en horario de 17:00 a 18:30 horas, no Centro Cultural As Mimosas de Carracido. A segunda terá lugar o 26 de febreiro, no Centro Cultural de Atios, mantendo o mesmo horario.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a todos os veciños e veciñas a participar: “É fundamental que toda a comunidade saiba como actuar en situacións de emerxencia. Estas charlas son unha oportunidade única para aprender coñecementos que poden salvar vidas. O noso obxectivo é chegar a todas as asociacións, centros culturais, barrios e parroquias do Porriño, coa intención de fomentar unha cidadanía máis preparada, segura e formada en primeiros auxilios”. Esta iniciativa forma parte dun programa máis amplo que se irá estendendo progresivamente a todas as asociacións culturais das parroquias e barrios do Porriño.

Estas charlas enmárcanse dentro das políticas municipais de promoción da saúde, da seguridade e da participación social, reforzando a colaboración co voluntariado e cos servizos de emerxencia locais, e consolidando a Protección Civil como un piar fundamental na atención á cidadanía.

O Concello anima á veciñanza e ás asociacións culturais, sociais e veciñais a participar nestas xornadas formativas, que contribúen a salvar vidas, e a implicarse activamente na construción dunha comunidade máis responsable e preparada ante calquera situación de emerxencia.

Axentes da Garda Civil informarán das claves para evitar ser vítimas de estafas, enganos e roubos

 

  • O Concello organiza unha charla informativa dirixida ás persoas maiores o vindeiro martes, 2 de decembro, ás 17.00 horas no salón de plenos

O Porriño, 26 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño, en colaboración coa Garda Civil, organiza unha charla informativa destinada a dar a coñecer o Plan Maior Seguridade, unha iniciativa que promove consellos e medidas preventivas para mellorar a seguridade das persoas maiores no seu día a día, poñendo especial énfase no ámbito dixital.

O encontro terá lugar o vindeiro martes, ás 17.00 horas, no Salón de Plenos do Concello, e está aberto a toda a veciñanza interesada, especialmente ás persoas maiores e ás súas familias, que poderán coñecer de primeira man pautas sinxelas para previr estafas, enganos, roubos e outros riscos que afectan con máis frecuencia a este colectivo.

Durante a sesión, persoal da Garda Civil explicará os principais aspectos do plan, ofrecerá recomendacións prácticas para mellorar a seguridade no fogar, na rúa, nas entidades bancarias, nas viaxes e tamén no uso de internet e das novas tecnoloxías. Ademais, atenderanse preguntas e dúbidas das persoas asistentes.

O Concello do Porriño anima a toda a cidadanía a participar nesta actividade informativa, que forma parte do compromiso municipal coa prevención, a protección e o benestar das persoas maiores.

 

 

O Concello do Porriño informa dos cortes de tráfico no casco urbano con motivo das Festas do Cristo

O Concello do Porriño informa á veciñanza e visitantes que, con motivo da celebración da fin de semana grande das Festas do Cristo 2025, levarase a cabo o corte de tráfico rodado en distintos puntos da vila co obxectivo de garantir a seguridade viaria e facilitar o desenvolvemento dos actos festivos previstos.

O sábado 27, domingo 28 e luns 29 de setembro cortarase a partir das 12.00 horas a circulación dende a rotonda que une a Avenida de Galicia e Domingo Bueno ata a intersección con rúa Fernández Areal.

Por outra banda, o sábado e domingo, procederase tamén a cortar o tráfico na Praza Central dende as 14.00 horas.

Ademais, o aparcadoiro da rúa Progreso permanecerá pechado dende as 08.00 horas deste xoves, 25 de setembro, ata o vindeiro martes, 1 de outubro.

Durante estes períodos habilitaranse desvíos alternativos, debidamente sinalizados, e manterase a colaboración da Policía Local e Protección Civil para garantir a fluidez do tráfico e a seguridade das persoas.

Desde o Concello do Porriño agradecemos a comprensión da cidadanía ante as posibles molestias que poidan derivarse destes cortes e restricións de tráfico.

Detido no Porriño un fuxitivo cunha decena de ordes de procura tras unha persecución policial nun coche roubado

  • O home, de 36 anos e sen permiso de condución, eludiu un control e acabou chocando contra o gardarraíl

O Porriño, 10 de setembro de 2025.- A Policía Local do Porriño detivo a un home de 36 anos que levaba fuxido da xustiza máis de tres anos. O detido, que circulaba nun vehículo roubado horas antes en Tui, tentou fuxir polas rúas do casco urbano do Porriño ao detectar a presenza policial,  circulando incluso en sentido contrario, ata que chocou contra un garda raíl na rúa Antonio Palacios, momento no que foi detido polos axentes da Policía Local.

Fontes policiais indican que o home nunca obtivo permiso de condución, polo que tamén se lle investiga por un presunto delito contra a seguridade viaria. O vehículo foi recuperado e devolto ao seu propietario, que non se decatou do roubo ata ser avisado pola propia Policía.

Ao detido cónstanlle ata dez ordes de detención e un ingreso en prisión ditado polo Xulgado do Penal nº1 de Pontevedra. As mesmas fontes sinalan tamén que se trata da mesma persoa que, meses atrás, participara presuntamente en varios roubos con forza en establecementos comerciais do centro do Porriño, motivo polo que estaba sendo buscado polas autoridades locais, cuxa presión, fixo que trasladase a súa residencia a outro municipio.

A Policía Local do Porriño entregou ao detido no Xulgado en funcións de garda do Porriño, o cal ordenou  o seu ingreso na cárcere de A Lama.

Desde o Concello do Porriño transmítese á cidadanía o firme compromiso coa seguridade e o benestar de toda a veciñanza.

O Concello do Porriño solidarízase cos veciños e concellos afectados polos incendios en Ourense

 

  • Desprazáronse un operario municipal, tres axentes da Policía Local, dous voluntarios de Protección Civil e mobilizáronse dous camións municipais
  • Esta colaboración municipal realízase en coordinación coa Xunta de Galicia e cos alcaldes e alcaldesas da zona afectada

O Porriño, 18 de agosto de 2025.– O Concello do Porriño leva varios días mobilizando recursos humanos e materiais municipais para colaborar na loita contra os incendios forestais que están a afectar diferentes zonas da provincia de Ourense.

O operativo do Porriño está presente en varias zonas afectadas polos lumes, entre elas a contorna do Concello de Melón, traballando en coordinación cos equipos locais e contribuíndo ás tarefas de control e extinción dos incendios. Os nosos efectivos están a actuar tamén en coordinación co CECOPI (Centro de Coordinación Operativa Integrado), unha instancia que se activa en situacións de emerxencia de interese supraautonómico e que integra os mandos das administracións estatal e autonómica para garantir unha resposta conxunta, eficaz e coordinada ante este tipo de crises.

Ata o de agora, desprazáronse ás áreas afectadas catro membros do persoal municipal —un operario e tres axentes da Policía Local—, así como dous voluntarios de Protección Civil. Ademais, puxéronse a disposición vehículos e camións municipais, co obxectivo de apoiar os labores de extinción e protección dos núcleos de poboación.

Esta colaboración realízase en coordinación coa Xunta de Galicia e en contacto directo cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, aos que se lles está a ofrecer apoio constante.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, afirma: “Estamos totalmente comprometidos coa defensa do noso territorio e coa solidariedade cos concellos afectados por estes incendios. Desde o primeiro momento puxemos a disposición todos os recursos municipais para colaborar na extinción e protección das zonas afectadas. Seguiremos a disposición de calquera concello da provincia de Ourense que precise a nosa axuda, dentro da nosa dispoñibilidade e en coordinación co CECOPI e coa Xunta.”

Desde o Concello do Porriño reiteramos a nosa disposición a continuar colaborando con calquera concello que precise a nosa axuda e se poña en contacto connosco, como sempre fixemos.

A nova unidade móbil da Policía Nacional permite renovar o DNI e Pasaporte no Porriño ao instante

 

Ademais do DNI, a VIDOC permitirá a veciñanza expedir ou renovar o pasaporte sen necesidade de desprazarse a outros municipios.

As persoas interesadas en renovar ou expedir os seus documentos a través desta unidade deben solicitar cita previa nas dependencias da Policía Local do Porriño.

 

O Porriño, 14 de maio de 2025.- O novo Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional estivo hoxe no Porriño, facendo parada na Praza do Concello, onde os veciños e veciñas tiveron a oportunidade de expedir ou renovar ao momento o seu Documento Nacional de Identidade (DNI) e por primeira vez tamén o pasaporte sen ter que desprazarse a outra localidade.

Este novo servizo, dependente da Comisaría de Vigo-Redondela, supón un importante avance na prestación deste tipo de trámites, especialmente para os municipios que, como O Porriño, non contan con unidades fixas da Policía Nacional.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, foi un dos primeiros en renovar o seu DNI na unidade móbil, e destacou a importancia da iniciativa: “Este tipo de servizos melloran a calidade de vida da veciñanza e afondan na igualdade de acceso aos recursos públicos, especialmente para as persoas maiores ou con dificultades de mobilidade. Agradecemos á Policía Nacional esta aposta pola proximidade.”

O VIDOC permite realizar toda a tramitación no momento e nun único desprazamento, grazas á súa capacidade tecnolóxica para a emisión instantánea dos documentos. Ata agora, a expedición do pasaporte só se realizaba en dependencias policiais, e para o DNI era necesario acudir en dúas fases a unidades móbiles que logo se desprazaban novamente para a entrega dos documentos xa emitidos.

O vehículo regresará ao Porriño de forma regular. As persoas interesadas en renovar ou expedir os seus documentos a través desta unidade deben solicitar cita previa nas dependencias da Policía Local do Porriño.

 

 

Aviso de cortes de tráfico polo Enterro da Sardiña – 5 de marzo de 2025

 

O próximo 5 de marzo de 2025, con motivo da celebración do tradicional Enterro da Sardiña, estableceranse restricións de tráfico nas seguintes rúas:

  • A partir das 18:00 h:
    Rúa Domingo Bueno ata a baixada da fonte da rúa San Sebastián.
  • Última hora da tarde:
    Rúa Peña e rúa Buenos Aires ata a ponte do Valo.

Ademais, infórmase do percorrido da comitiva do Enterro da Sardiña:

  • Saída ás 18:00 h desde o Círculo Recreativo Cultural.
  • Itinerario: Rúa Domingo Bueno, rúa San Sebastián, rúa San Bieito e rúa peonil ata a praza Arquitecto Antonio Palacios.
  • A última hora da tarde, a comitiva continuará dende a praza Arquitecto Antonio Palacios por rúa Peña e rúa Buenos Aires ata a ponte do Valo.

Pregamos desculpen as molestias e agradecemos a colaboración da veciñanza.

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento polo desfile de comparsas do Entroido

 

O Concello informa de que, con motivo do Desfile de Comparsas que terá lugar o martes 4 de marzo, estableceranse as seguintes medidas de tráfico:

Prohibición de estacionamento

A partir das 14:30 horas estará prohibido estacionar nas seguintes rúas:

  • Rúa Manuel Rodríguez
  • Rúa Domingo Bueno, en ambos marxes á altura do Parque Infantil e no marxe dereito desde o cruce da Pontenova ata a farmacia de Atios, en dirección Tui.
  • Rúa Ramiranes

Corte de tráfico

A partir das 18:30 horas procederase ao corte de tráfico desde a Rúa Manuel Rodríguez ata a Praza Central.

Rógase á veciñanza que respecte as indicacións e colabore para garantir o correcto desenvolvemento do desfile.

Grazas pola súa colaboración.

Restricións de tráfico e estacionamento pola actuación da orquestra París de Noia

 

O Concello informa que, con motivo da actuación da orquestra París de Noia, prevista para o domingo 2 de marzo ás 19:00 h, estableceranse diversas restricións de tráfico e estacionamento na zona.

Sábado 1 de marzo
Desde as 20:00 h, estará prohibido o estacionamento na rúa Domingo Bueno, no tramo comprendido entre a intersección coa rúa Pío XII e a intersección coa Avenida de Galicia.

Domingo 2 de marzo
Desde as 12:00 h ata as 6:00 h (madrugada do luns), producirase un corte de tráfico na rúa Domingo Bueno, afectando o mesmo tramo: desde a rúa Pío XII ata a Avenida de Galicia.

Recoméndase planificar os desprazamentos con antelación e seguir as indicacións da Policía Local para garantir a seguridade e a boa organización do evento.

Grazas pola vosa colaboración.