- A reorganización inclúe a creación de novas concellerías e a remodelación doutras manténdose as mesmas dedicacións exclusivas e parciais, sen incremento ningún de gasto
- Servicios sociais, saneamento, parroquias e formación e emprego serán as áreas que experimenten un maior fortalecemento, adaptándose ás novas necesidades da veciñanza e para o cal se incrementarán as respectivas partidas orzamentarias
O Porriño, 7 de xaneiro de 2026.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anuncia unha actualización da estrutura do Goberno municipal coa finalidade de reforzar áreas clave e optimizar a capacidade executiva ante a chegada de proxectos estratéxicos financiados con fondos europeos, entre eles o PAI cun investimento global de preto de 11 millóns de euros. O rexedor subliñou que se trata dunha medida “pensada para dar un paso máis, consolidar o traballo destes anos e afrontar con maior capacidade técnica e organizativa os importantes proxectos que están a piques de iniciarse”.
Nesta liña, Lorenzo lembrou que este equipo “leva catro anos traballando de maneira estable e coordinada”, e que agora, aproveitando tamén que se dan determinadas circunstancias persoais nalgúns concelleiros, “é o momento de reforzar a estrutura para que O Porriño aproveite ao máximo os fondos europeos e cada proxecto se execute co nivel de esixencia que merece”. O alcalde insistiu en que “as cousas funcionan, e funcionan ben, pero agora entramos nunha fase que require máis dedicación e especialización debido ao volume de investimento que imos recibir e a infraestruturas que estamos creando, como as novas escolas infantís e o centro de día de Atios, e que se porán en servizo proximamente”.
Un dos principais axustes é a creación da Concellería de Saneamento, Servizos Rurais e Patrimonio Parroquial, que asumirá Marcos Martínez e que se coordinará en parte con outra nova área, a de Promoción da Identidade, Transformación dixital e Goberno Aberto a cargo de Bienvenido Estévez que continuará levando tamén Eventos e Festexos. O alcalde explicou que o obxectivo é dar un impulso adicional a un servizo esencial no rural, onde o Concello mantén obras continuas de ampliación da rede.
“As nosas parroquias e o saneamento son unha das nosas máximas prioridades. Avanzamos día a día, ás veces de forma lenta pero sempre sen pausa, como sempre digo trátase dun servizo cunha altísima complexidade técnica e cun custo económico moi elevado. Esta nova concellería dálle máis forza a ese traballo e permítenos acelerar a súa execución”, afirmou Lorenzo. Nesta liña, é a destacar a inminente incorporación de sete persoas ao cadro de persoal do Concello como operarios de obras e servizos que, sen dúbida, reforzarán as actuacións neste campo, realizando acometidas pequenas e puntuais que axudarán a completar toda a rede, combinando así grandes e pequenas obras. “Poremos fincapé na mellora de todos os servizos xerais nas nosas parroquias, dende a mellora de viarios, a sinalización identificativa de cada un dos barrios, instalación de redes wifi e a comunicación co centro urbano a través dunha liña de autobús eléctrico”. Estas dúas concellerías complementaranse para preservar o patrimonio parroquial e potenciar todas e cada unha destas zonas rurais.
Outro eixo fundamental desta nova estrutura é a reorganización dos servizos sociais municipais, aos que se destinarán no vindeiro exercicio unha maior inversión, superando os dous millóns de euros ao ter en conta a dúas novas escolas infantís e centro de día de Atios. Estes dividiranse agora en dúas áreas especializadas para ofrecer unha atención máis eficaz e adaptada ás necesidades da veciñanza. A nova Área de Atención á Vulnerabilidade e Programas de Emerxencia, dirixida por Rosario Costas, centrarase na prevención e na resposta ás situacións máis urxentes. Pola súa banda, Bárbara Troncoso quedará á fronte da Área de Atención Cidadá, Asistencia Domiciliaria, Coidados e Benestar, reforzando o Servizo de Axuda no Fogar, os programas de envellecemento activo, a saúde comunitaria e a atención directa. “Con esta reestruturación gañamos eficacia, coordinación e capacidade para chegar mellor ás persoas”, explicou o alcalde.
A área de Emprego e Formación será asumida por Teresa Veloso, quen pasará a ocupar a dedicación exclusiva vacante trala xubilación de Rosario Costas. O obxectivo é fortalecer os programas de inserción laboral, a formación profesional e as novas competencias dixitais, nun momento no que o Porriño se prepara para importantes proxectos ligados ao desenvolvemento económico, no que se acondicionarán novas aulas de formación homologadas e salas de formación dual.
Así mesmo, o alcalde informou de que, debido á baixa por maternidade da concelleira de Urbanismo, Promoción e Xestión de Vivenda, Medio Ambiente e Mercados, Antía Carrera, estas áreas serán asumidas temporalmente polo concelleiro de Industria, Contratación e Patrimonio, Carlos Martínez, garantindo deste xeito a continuidade e o normal funcionamento de todos os servizos municipais durante este período.
O rexedor destacou que esta reestruturación do equipo de goberno local non supón un maior gasto público, xa que se manteñen as mesmas dedicacións exclusivas e parciais e tódolos concelleiros conservan competencias. “Non é unha reforma por necesidade, senón por responsabilidade. Temos por diante proxectos europeos de enorme envergadura e queremos que se executen coa máxima eficiencia. Este Goberno funciona, e agora reforzámolo para funcionar aínda mellor”, concluíu.






