Dan comezo as obras da nova escola infantil de Pontellas

 

 

  • O proxecto supón a rehabilitación e reconversión deste edificio municipal, actualmente en desuso, no cal se investirán máis de 763.000 euros
  • Os traballos estarán rematados neste mesmo ano e mellorarán a oferta educativa coa creación de 66 prazas para nenos de 0 a 3 anos

 

O Concello do Porriño vén de anunciar o inicio das obras de rehabilitación e ampliación da antiga Escola Unitaria de Pontellas para a creación dunha nova escola infantil municipal, reafirmando así o seu compromiso coa educación dos máis pequenos da casa e a recuperación de espazos públicos. Os traballos comezaron esta mesma semana e prolongaranse oito meses, polo que antes de rematar o ano, O Porriño disporá de 66 prazas públicas máis para nenos de 0 a 3 anos. Neste senso, o alcalde Alejandro Lorenzo subliña a importancia deste proxecto como “un avance clave na nosa aposta pola conciliación, ofrecendo ás familias do Porriño un servizo esencial e moi demandado, afianzando e fortalecendo a educación infantil pública no noso concello”. A maiores, e de xeito paralelo, “recuperamos un edificio actualmente en desuso, potenciando así o noso patrimonio histórico e arquitectónico, para darlle unha nova vida ao servizo da comunidade”, explica o rexedor local.

O proxecto conta cun orzamento total de 763.789,86 euros, dos cales 408.233,10 euros están subvencionados pola Consellería de Política Social a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia NextGenerationEU.

A actuación contempla a rehabilitación integral do edificio existente, mantendo a súa esencia arquitectónica e elementos históricos á vez que se moderniza para albergar a nova escola infantil. “A rehabilitación deste espazo realizarase respectando a súa identidade, pero incorporando materiais modernos e eficientes que garantan o confort e a sustentabilidade do centro educativo. Ademais, incluímos medidas de eficiencia enerxética, como cubertas axardinadas e illamento térmico, que permitirán reducir o consumo enerxético”, explica o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto.

Ademais de sala multiusos, cociña e outras estancias, a nova escola infantil contará cun total de cinco aulas distribuídas por idades e para o cal será preciso unha ampliación das instalacións, construíndo dúas novas alas que se dispoñen cara ao patio posterior, creando dous novos patios delimitados, con elementos vexetais. A reforma inclúe a mellora da cuberta, a instalación de iluminación LED, un sistema de climatización eficiente e a dotación de equipamento e mobiliario de alta calidade.

Os novos espazos disporán de grandes ventás que maximizarán a entrada de luz natural, favorecendo un ambiente saudable e confortable para o alumnado. As aulas de maior capacidade contarán con portas corredoiras que permitirán a conexión entre elas, fomentando unha metodoloxía educativa flexible.

A empresa adxudicataria da obra comprometeuse ademais a realizará melloras por importe de 77.275,38 euros, no que se inclúe a restauración da fachada con morteiro de cal, a renovación do falso teito, a substitución de tellas deterioradas e a instalación de caleiros e baixantes de cinc.

Charla informativa sobre Acollemento Familiar no Centro Cultural do Porriño

 

  • Será este xoves, 6 de febreiro, ás 18.00 horas

Estás pensando en acoller pero non tes claro como facelo? Non sabes en que consiste exactamente o acollemento familiar? Desexas ter información sobre a protección de nenas e nenos en Galicia? Acude este xoves, 6 de febreiro, ás 18.00 horas, ao Centro Cultural Municipal do Porriño e terás tódalas repostas a esta preguntas.

O Concello do Porriño colabora na celebración dunha charla informativa sobre acollemento familiar do programa En Familia, promovido por cinco entidades de iniciativa social que traballan na protección dos menores. Así o obxectivo da charla é difundir a situación actual de moitos cativos e mozos e a forma na que poden ser acollidos temporalmente.

Para obter máis información poden visitar a páxina web www.enfamilia.gal ou chamar ao número de teléfono 634 240 914.

 

O Porriño reafirma o seu compromiso solidario na segunda edición da Carreira de Empresas Galicia 2024 – XIII INTERRUNNING

 

 

  • A II Carreira de Empresas Galicia 2024 – XIII Interrunning logrou recadar 15.000€ para tres entidades solidarias. O evento consolidouse como unha mostra do compromiso comunitario coas causas sociais.
  • As achegas realizadas serán destinadas á investigación oncolóxica, ao apoio a persoas vulnerables e a proxectos para nenos con cancro, reforzando o papel do Concello na promoción de iniciativas con impacto positivo.

 

A vila do Porriño converteuse no epicentro da solidariedade coa celebración da II Carreira de Empresas Galicia 2024 – XIII Interrunning, que logrou recadar 15.000€ destinados a tres entidades sociais: a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), o Banco de Alimentos de Porriño e a asociación Bicos de Papel

Este evento, que une deporte e solidariedade, contou cunha ampla participación de empresas e corredores individuais, consolidándose como un referente de mobilización social en Galicia. Grazas á organización, patrocinadores e voluntarios, este logro demostra que a colaboración comunitaria pode xerar un impacto positivo directo na sociedade.

O alcalde de Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, quixo destacar o compromiso do municipio con este tipo de iniciativas. “A II Carreira de Empresas Galicia 2024 non só é un éxito deportivo, senón tamén unha mostra do espírito solidario que nos caracteriza como vila. Desde o Concello, seguiremos impulsando proxectos que reafirmen os nosos valores de cooperación e apoio mutuo”, afirmou. O rexedor tamén subliñou a importancia de continuar traballando en colaboración con entidades que realizan un labor esencial para mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerables.

Os fondos recadados pola AECC servirán para financiar proxectos de investigación oncolóxica e programas de apoio a pacientes e familias. Pola súa banda, o Banco de Alimentos de Porriño reforzará a entrega de alimentos a persoas en situación de necesidade, mentres que Bicos de Papel destinará os recursos a actividades e servizos para nenos con cancro e os seus familiares. Estes resultados evidencian a capacidade de mobilización do tecido empresarial e social da vila, coa implicación directa do Concello como promotor e facilitador deste tipo de eventos solidarios.

 

 

Concello do Porriño e Cogami reafirman o seu compromiso coa inclusión

O Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) revalidaron hoxe o seu acordo de colaboración anual. Este convenio, que conta cunha achega de 6.000 euros por parte do Concello, centrarase no apoio económico para o transporte adaptado, co fin de facilitar aos veciños e veciñas do Porriño o acceso ás actividades organizadas nas instalacións de COGAMI no Rebullón.

Este centro de recursos é un piar fundamental na atención ás necesidades das persoas con diversidade funcional desde a súa apertura en 2017.  Así, o apoio económico destinarase a cubrir os gastos derivados da contratación dun condutor-coidador, así como a garantir a atención e o desenvolvemento das actividades no centro, onde se ofrecen servizos que van desde o apoio psicolóxico ata a fisioterapia.

Ambas as entidades selaron o acordo nun acto no que estiveron presentes o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Política Social, Teresa Veloso, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Xestallo, e o presidente provincial, Ángel Holguera. Na xuntanza, abordaron máis inciativas para traballar da man na vila.

A concelleira de Política Social, Teresa Veloso, quixo resaltar a relevancia desta colaboración.  “O acceso das persoas con diversidade funcional a todos os espazos e servizos non é só unha necesidade, senón unha obriga para as administracións. Favorecer que as persoas poidan acudir cada día aos seus quefaceres e participar na vida social da comunidade enriquécenos a todos. Este acordo é un paso máis na nosa misión de construír un Porriño máis inclusivo”.

No mesmo sentido expresouse o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacando que con cada traballo con COGAMI “damos un paso máis cara a un Porriño máis accesible e inclusivo. Con este acordo, non só estamos apoiáondoos no seu labor fundamental, senón que tamén estamos a asegurar que todas as persoas, sen excepción, poidan participar plenamente na vida no Porriño. A inclusión é un valor que nos enriquece a todos”.

Envellecemento activo e saudable

O Centro Sociocomunitario de Porriño acolleu hoxe a entrega de diplomas aos participantes do taller Cultiva a Mente, un programa impulsado polo Concello do Porriño en colaboración con AFAGA para promover un envellecemento activo e saudable. Este proxecto contou coa participación de 15 persoas maiores de 55 anos, quen, durante varios meses, traballaron na prevención do deterioro neurodexenerativo mediante actividades centradas na estimulación cognitiva, física, emocional e social.

O acto estivo presidido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Política Social, Teresa Veloso, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez,  quen felicitou aos participantes. Lorenzo destacou a importancia de iniciativas como esta, subliñando que “coidar da nosa saúde física e mental non só mellora a nosa calidade de vida, senón que tamén nos permite manternos activos e independentes durante máis tempo” e reiterou o seu “forte compromiso coas persoas maiores, intentando responder ás súas necesidades e preocupacións”.

O taller Cultiva a Mente deseñouse como unha resposta integral para fomentar hábitos saudables e proporcionar ferramentas prácticas na vida cotiá dos participantes. Máis aló dos beneficios físicos e cognitivos, este programa tamén buscou fortalecer a capacidade dos asistentes para afrontar os desafíos actuais, desde o acceso á dixitalización ata o compromiso cunha vida activa e sostible.

Os participantes, que acudiron semanalmente ao centro sociocomunitario, destacaron o carácter práctico e dinámico das actividades, que lles permitiron non só adquirir coñecementos, senón tamén reforzar a súa autoestima e conexión social. Como sinalou o alcalde, esta actividade “non só lles ensina a coidar a súa mente, senón a entender que son parte activa de súa propia saúde. E é que a clave está en involucrar ás persoas maiores na construción do seu benestar, nunha contorna que respecta os seus ritmos e necesidades”. 

O grupo retomará o programa á volta das vacacións de Nadal e desde o Concello anunciaron que crearán novos grupos ante a forte demanda.

Mercado de Nadal da AECC do Porriño

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) do Porriño inaugurou xa o seu tradicional Mercado de Nadal, unha iniciativa solidaria cuxo obxectivo é recadar fondos para apoiar ás familias afectadas polo cancro. Este evento conta coa colaboración do Concello de Porriño e os comercios locais, e estará aberto ao público ata o próximo 30 de decembro, no número 68 da rúa Ramón González, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

O Mercado de Nadal ofrece unha ampla variedade de produtos artesanais elaborados polas voluntarias da AECC, así como artigos doados xenerosamente polos comercios da vila. Todo o recadado será destinado á loita contra o cancro, apoiando a aqueles que se enfrontan á enfermidade e aos seus familiares, quen a miúdo atravesan momentos difíciles durante o tratamento.

Mari Palacín, presidenta da AECC do Porriño, destacou a importancia deste tipo de iniciativas: “Desde a AECC de Porriño, queremos achegar o noso gran de area para os enfermos e familiares desta terrible enfermidade. Facémolo con todo o noso agarimo e estamos encantados de recibirvos no noso Mercado de Nadal. Cada pequeno xesto conta e este mercado é unha forma de ofrecer esperanza e apoio a quen máis o necesita.”

Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou o seu apoio á AECC e ás súas iniciativas:  “Este Mercado de Nadal é un exemplo claro do que significa a solidariedade no Porriño. Estamos moi orgullosos de poder colaborar e constatar que unión dos comercios locais, as voluntarias e as institucións é fundamental para que podamos seguir loitando xuntos contra esta enfermidade e ofrecer o apoio que necesitan os afectados.”

“Queremos vivir nunha sociedade na que a diversidade sexa sinónimo de oportunidades para todas e todos”

O Porriño reivindicou hoxe un futuro onde a diversidade sexa o motor dunha sociedade xusta e inclusiva. Da man de Aceesca e secundando o movemento “Baixo o mesmo paraugas” a vila conmemorou o Día Internacional das Persoas con Diversidade. 

A xornada comezou cunha andaina polo centro da vila á que se sumaron centos de escolares do municipio así como usuarios e usuarias do centro de día e de AFAGA.  Xa na praza do Concello celebrouse o tradicional concurso de paraugas. Cada un dos centros participantes decoraron un paraugas reivindicativo e foi un xurado de Aceesca quen outorgou os premios. Desta vez, o gañador foi o do colexio Hermanos Quiroga, seguido do de Aceesca e do colexio Antonio Palacios. 

O momento culminante foi a lectura do manifesto de “Os Dez de Porriño”, que expuxo un contundente chamado á acción para derrubar barreiras e garantir os dereitos das persoas con diversidade. O texto foi máis que un discurso; foi unha folla de ruta cara á inclusión plena.

O grupo destacou a necesidade de que as persoas con diversidade sexan escoitadas e respectadas como protagonistas das súas propias vidas. “Esiximos ser protagonistas de nosas propias vidas, con dereito a tomar decisións de forma autónoma e a vivir cunha liberdade que é propia de todas as persoas”, declararon.

No ámbito laboral, o manifesto subliñou a importancia da igualdade de oportunidades e dos apoios necesarios para garantir un emprego digno

“A accesibilidade universal non é un luxo, é unha necesidade”, salientaron, reivindicando tanto a eliminación de barreiras físicas como o acceso á información e servizos de maneira comprensible para todos.

Os autoxestores fixeron un chamamento á sociedade para que se respecten unha serie de dereitos fundamentais, enumerados no seu manifesto: o dereito á non discriminación, o dereito á familia e a unha vida independente, o dereito ao acceso a unha saúde integral, o dereito á identidade propia, o dereito a unha vivenda digna e accesible e o dereito á liberdade de expresión, pensamento e privacidade.

O manifesto concluíu cunha declaración rotunda: “Queremos vivir nunha sociedade na que a diversidade sexa sinónimo de oportunidades para todos e todas”.

 

A concelleira de Política Social, Teresa Veloso, salientou que “a atención á diversidade non se pode quedar nunha celebración anual de reivindicación, para nós é unha cuestión trasversal na política municipal, co obxectivo de facer a todas as persoas partícipes da nosa sociedade, facilitando o seu acceso e habilitando espazos nos que poidan desenvolver todas as súas capacidades”. 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de clausurar o acto reivindicando a diversidade como “algo esencialmente humano que debemos celebrar”. O rexedor lembrou que “non importa como somos ou como nos expresemos, baixo este paraugas compartimos o máis importante, o dereito a ser quen somos”. Lorenzo incidiu na necesidade de asegurar que ninguén quede atrás e comprometeuse a loitar con eles “por unha sociedade inclusiva, onde educación, cultura, emprego e participación sexan accesibles para todas e todos”. O rexedor agradeceu a “as persoas que forman Aceesca por lembrarnos que aínda que teñamos diferentes capacidades os nosos soños e o dereito a facelos realidade deben ser iguais para todos”. 

A bailar! Xa estamos “danzando na escola”

Do 18 de novembro ao 12 de decembro de 2024, os centros educativos do Porriño acollen as primeiras xornadas “Danzando na escola”, unha iniciativa que busca ofrecer a nenos/as e mozos/as unha forma divertida e diferente de facer exercicio mentres se coidan física e emocionalmente. Esta proposta, impulsada pola Concellería de Educación e a OMIX, conta coa colaboración da escola local de baile Studio57.

“España ocupa o terceiro lugar en Europa con maior prevalencia de sobrepeso, e os problemas de saúde mental entre os máis novos disparáronse nos últimos anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ante esta realidade, queremos ofrecer unha alternativa que os axude a sentirse mellor tanto por dentro como por fóra. E a danza é unha ferramenta perfecta para iso”.

No mesmo sentido se expresou a concelleira de Educación, Carolina González. “O baile ten un gran poder, non só para divertirnos, senón tamén para axudarnos a sentirnos ben e canalizar as nosas emocións. A través da danza, os nenos poden liberar enerxía, reducir o estrés e, o máis importante, mellorar o seu benestar emocional”, apuntou.

Durante estas xornadas, preto de 2.000 alumnos/as participan en talleres de baile de diferentes disciplinas, onde poden expresarse, aprender a traballar en equipo e liberar tensións acumuladas da rutina escolar. “O movemento non só axuda a mellorar a condición física, senón que tamén favorece a concentración, o control emocional e o desenvolvemento social dos nenos e nenas”, explicou o rexedor, quen participou da actividade xunto cos usuarios e usuarias de Aceesca Asociación. Ademais, inclúense música e danzas de diferentes culturas, promovendo o respecto e a interculturalidade.

A proposta de “Danzando na escola” está pensada para que todos os estudantes poidan gozar dunha forma de exercicio que, ademais de ser divertida, lles axude a afrontar as demandas diarias da escola con máis enerxía e optimismo.

O Porriño incremente a súa achega directa a Aceesca

O Concello do Porriño materializa o seu compromiso coa inclusión social ao duplicar o apoio económico a ACEESCA, alcanzando un total de 30.000 euros neste ano. Este respaldo, o maior que se prestou a esta entidade social, formalízase a través de dous convenios de colaboración que reforzan a atención integral que ofrece a entidade nas súas distintas áreas: atención temperá, educación, centro de día, talleres ocupacionais e fomento do emprego.

A administración local mantén a súa achega de 9.800 euros a ACEESCA e duplica o investimento no seu programa de emprego LUME, que agora ascende a 20.000 euros. Este esforzo económico destínase a apoiar as diversas actividades que realiza a asociación, cuxo traballo é fundamental para a integración e o desenvolvemento de persoas con discapacidade intelectual no Porriño e na contorna.

A colaboración do Concello con ACEESCA vai máis aló das axudas económicas. O concello implicouse activamente en proxectos como a Cafetería Lume, un innovador programa de formación dual ao que contribuíu coa cesión de instalacións, así como no centro de FP Dual e na inclusión de ACEESCA nas actividades das áreas de Política Social e Benestar Social, así como nas educativas.

Ademais, brindouse respaldo á construción da nova residencia inclusiva que ampliará as oportunidades de atención e apoio ás persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o labor diario de ACEESCA, subliñando o seu compromiso coa inclusión e o benestar social. “O traballo que realizan é inconmesurable, loitan desde hai décadas por un Porriño máis inclusivo e empático. Cambian moitas vidas e cámbianas a mellor, e iso é algo que o Concello sempre ten que respaldar”.

Cunha traxectoria de máis de 40 anos, ACEESCA consolidouse como un referente na inserción laboral e social de persoas con discapacidade no Porriño, ofrecendo programas e servizos que promoven a súa autonomía e desenvolvemento persoal.

A súa marca de emprego, Aceesca Emprego, naceu no ano 2006 co seu centro especial de emprego, para xerar oportunidades laborais ás persoas con discapacidade intelectual, ante a dificultade que encontran para conseguir postos de traballo na empresa ordinaria. Comezou cunha actividade de xardinería e a día de hoxe coa imaxe renovada de LUME aglutina a 63 traballadores. Prestando servizos de deseño e mantemento de xaardíns, producción de plantas ou limpeza, ademais da formación profesional en xardinería, limpeza, hostalería ou administración.