O Concello do Porriño inicia o acondicionamento do primeiro parque para animais no municipio

  • A parcela, de máis de 1.600 metros cadrados, situada na avenida de Galicia, contará cunha zona verde aberta ao público e outra exclusiva para animais, con mobiliario urbano, árbores e fonte

O Porriño, 15 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño está a realizar os traballos de acondicionamento do que será o primeiro parque para animais do municipio situado na Avenida de Galicia, unha localización privilexiada no centro da vila. Trátase dunha parcela de 1.614 metros cadrados, que será transformada nun espazo moderno, funcional e pensado tanto para o desfrute da cidadanía como dos animais de compañía.

“Queremos crear espazos que respondan ás demandas da nosa xente. Este parque é un paso máis cara a un Porriño máis verde, máis amable e máis inclusivo, tamén cos porriñeses de catro patas”, sinalou o alcalde durante unha visita ao parque acompañado do concelleiro Marcos Martínez.

O deseño do novo espazo contempla dúas áreas diferenciadas, por unha parte, a máis próxima á avenida principal, unha zona verde aberta ao público, con árbores, bancos, papeleiras e mobiliario urbano, que ofrecerá un lugar de descanso e encontro para a veciñanza e outra área anexa valada e pechada perimetralmente, destinada de xeito exclusivo ao lecer dos cans, gatos e demais animais onde poderán correr e xogar nunha contorna segura e controlada. Ademais, o parque contará cunha fonte de auga adaptada tanto para persoas como para animais, favorecendo así o benestar e a comodidade de todos os usuarios. Neste sentido, “faise un chamamento de concienciación e responsabilidade cidadá para que se recollan os excrementos dos animais e se utilicen botellas con desinfectante, co fin de manter o municipio limpo e agradable para todos”, puntualiza o concelleiro.

Esta actuación enmárcase na liña de traballo do goberno local na súa aposta polo acondicionamento de espazos e a súa adaptación ás novas necesidades da veciñanza, facendo especial fincapé nas persoas que conviven con animais no centro urbano.

O Concello prevé que esta nova área de recreo estea operativa o vindeiro mes e continúa traballando en novas actuacións para mellorar a calidade de vida no municipio.

O Concello do Porriño instalará un tren de máis de dez metros no Parque Infantil

  • Trátase dun novo elemento de xogo para o desfrute da poboación infantil próximo ao Templete de San Luís e aos chorros de auga, nunha zona verde e de lecer que irá en crecemento complementándose con novos proxectos que inclúen a adhesión de novos terreos próximos
  • Os traballos que inclúen tamén a colocación de bancos de pedra e plantación de tres carballos supoñen unha inversión de 75.400 euros e estarán rematados nas vindeiras semanas

O Porriño, 9 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño continúa apostando polo benestar e o lecer das familias, coa instalación dun novo e moderno elemento de xogo no Parque Infantil, próximo ao recentemente restaurado Templete de San Luís. Nas vindeiras semanas, a cativada do Porriño poderá desfrutar xa desta nova atracción, un multixogo que simula unha locomotora de tren ofrecendo unha experiencia lúdica única.

Os traballos xa comezaron e atópanse neste momento na escavación da superficie para a cobertura cunha base de formigón sobre a cal se colocará o pavimento de caucho e posteriormente se instalará o tren. O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Parques Infantís, Marcos Martínez, estiveron esta mañá comprobando o estado da obra que, se todo transcorre segundo os prazos previstos, estará rematada nas vindeiras semanas. “Este proxecto forma parte dunha serie de melloras que estamos a levar a cabo nos lugares públicos do municipio, co obxectivo de crear un ambiente máis atractivo, accesible e seguro para as nosas familias, que favorezan a convivencia e a diversión de pequenos e maiores”, explica o alcalde. Neste caso particular, “o acondicionamento desta área de lecer non remata aquí, traballamos a diario para conseguir financiamento, dado o seu elevado custo, e ir avanzando por fases, adquirindo terreos próximos e poder completar así outro gran espazo de encontro e desfrute para toda a veciñanza no casco urbano do Porriño”.

Este novo elemento de xogo trátase dunha estrutura de 3,69 x 10,73 x 3,25 metros e unha altura de caída libre de 1,97 metros e foi deseñado para garantir o desfrute, con seguridade, dos usuarios máis pequenos. Está fabricado en aceiro galvanizado, con cordas de polipropileno reforzadas, plataformas antideslizantes e sobre pavimento de caucho, facendo que sexa unha instalación confortable, duradeira e segura.

A instalación desta nova atracción estará acompañada dunha serie de melloras na contorna do antigo Campo da Feira. A zona será pechada cun perímetro de bancos de pedra, ofrecendo espazos de descanso e facendo do parque un lugar máis cómodo e accesible. Ademais, instalaranse bordos de pedra granítica nas zonas de acceso, mantendo unha estética harmoniosa coa contorna natural. Levarase a cabo tamén a plantación de tres carballos detrás dos bancos de pedra, que proporcionarán sombra e mellorarán a calidade ambiental do espazo, facendo que tanto nenos como adultos poidan gozar da zona ao aire libre.

“O benestar da nosa veciñanza é unha das nosas prioridades e estamos comprometidos en ofrecer espazos de lecer de calidade para todos, neste caso con especial atención aos máis pequenos da casa tendo en conta que somos un municipio cunha poboación infantil que crece ano a ano, atendendo así tamén as demandas que nos transmiten de ampliar e mellorar as zonas de xogo”, subliña o alcalde.

O orzamento total do proxecto, que inclúe o acondicionamento da zona coa instalación deste elemento de xogo e demais mobiliario urbano ascende a un total de 75.402 euros, que se financia con fondos propios.

 

Avanzan as obras de reparación das pasarelas sobre o río Louro

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e os concelleiros Rosario Costas e Marcos Martínez achegáronse esta mañá á ponte de madeira máis próxima ao albergue, onde se atopa o alumando do obradoiro “O Noso Encontro co Emprego” realizando traballos de rehabilitación

O Porriño, 26 de agosto de 2025.- O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo e os concelleiros Rosario Costas e Marcos Martínez,  achegáronse esta mañá ao sendeiro do Louro para visitar os traballos de reforma integral que se están a realizar nas pasarelas de madeira sobre o río ao abeiro do programa “O Noso Encontro co Emprego”

O alumnado deste programa comezou os labores de rehabilitación na ponte máis próxima ao albergue de peregrinos e continuará polas dúas restantes, logo de que na primavera xa arranxaran a primeira delas. Durante esta mañá, acompañounos tamén José María García, titor deste innovador programa de formación e emprego dirixido a mozos menores de 30 anos, beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil,

Trátase dunha actuación cunha dobre finalidade, por unha parte, o alumando pon en práctica os coñecementos teóricos adquiridos na especialidade de carpintería; e, por outra banda, realízase un ben para toda a cidadanía, mellorando a seguridade e o acceso a esta zona tan transitada. Precisamente o alcalde, durante a visita, destacou este dobre valor, “este tipo de programas non só ofrecen á nosa mocidade unha saída laboral real en sectores con alta demanda, senón que tamén reverten directamente na mellora das infraestruturas públicas que empregamos a diario”.

Dende o Concello do Porriño lémbrase que, con motivo destas obras, o paso permanecerá restrinxido nas pontes nas que se estean a realizar puntualmente os traballos, o cal estará debidamente sinalizado dende os accesos ao sendeiro, informando de que o cruce dunha beira a outra do río deberá realizarse polas restantes pasarelas.

Xunto con esta especialidade de carpintería de madeira desenvólvese outra de albanelería, cuxa parte práctica céntrase na urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa, onde se executan novas beirarrúas. “O Noso Encontro co Emprego” supón unha inversión de máis de 480.000 euros dos cales 439.000 son subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cubríndose a parte restante cunha achega municipal.

O alumnado do obradoiro “O Noso Encontro co Emprego” repara as pasarelas sobre o río Louro

  • A mocidade que participa deste programa formativo e de emprego iniciará a vindeira semana os traballos de reforma integral das pontes de madeira

O Porriño, 14 de agosto de 2025.- O alumnado do obradoiro “O Noso Encontro co Emprego” posto en marcha polo Concello do Porriño e do que participan 16 persoas menores de 30 anos afronta a súa última etapa coa posta en práctica dos coñecementos en carpintería adquiridos na aula. Así, logo de reparar a primeira das pasarelas de madeira sobre o río Louro, iniciarán a vindeira semana a reforma integral das restantes comezando pola máis próxima ao albergue de peregrinos, moi empregada pola veciñanza que accede ao sendeiro dende o campo de fútbol do Porriño Industrial.

“Este programa representa unha valiosa oportunidade para que a nosa mocidade se forme en profesións altamente demandadas no mercado laboral, aumentando así as súas posibilidades de inserción laboral, á vez que coa posta en práctica dos coñecementos adquiridos contribúen, neste caso, á mellora de infraestruturas municipais de uso público”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

Con motivo destes traballos, “restrinxirase o paso durante o tempo no que se están a executar os traballos en cada una das pontes, o cal estará debidamente sinalizado dende os diferentes puntos de acceso ao sendeiro do Louro, informando á veciñanza de que o cruce dunha beira a outra do río deberá realizarse polas restantes pasarelas”, explica o concelleiro Marcos Martínez.

 “O Noso Encontro co Emprego” é un programa mixto destinado á mellora da empregabilidade que alterna a formación para emprego con práctica laboral, con traballo en obra real. Deste xeito, unha vez adquiridos os coñecementos necesarios, atópanse agora na fase de plasmar todo o aprendido na aula coa posta en marcha de actuacións en beneficio do pobo. Neste caso en concreto, está previsto que reparen outras dúas pasarelas máis, mellorando así a accesibilidade na senda que bordea o río, transitada a diario por centos de persoas.

Xunto con esta especialidade de carpintería de madeira desenvólvese outra de albanelería, cuxa parte práctica céntrase na urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa, onde se executan novas beirarrúas. “O Noso Encontro co Emprego” supón unha inversión de máis de 480.000 euros dos cales 439.000 son subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cubríndose a parte restante cunha achega municipal.

O Porriño incorpora 3 novos traballadores ao seu cadro de persoal

 

  • Trátase da contratación de tres peóns forestais a xornada completa por un período de nove meses

O Porriño, 5 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño vén de incorporar tres novos traballadores desempregados ao seu cadro de persoal, grazas a unha subvención de 49.806 euros concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

As persoas contratadas desempeñarán labores de limpeza, mantemento e conservación dos montes e fincas do municipio, unha iniciativa que ten o obxectivo de fomentar o emprego local ao tempo que se promove o coidado e posta en valor do entorno natural.

O proxecto permite a contratación de tres peóns forestais a xornada completa por un período de nove meses. As condicións laborais están reguladas conforme ao convenio colectivo vixente e inclúen todas as obrigas en materia de cotizacións sociais.  

Compromiso co emprego e o medio rural

Esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia municipal de promoción do emprego sostible e coidado do territorio, contribuíndo á mellora da calidade de vida no municipio.

O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía. Damos traballo a persoas desempregadas ao tempo que coidamos os montes e fincas municipais, que son un recurso natural fundamental”.

Con esta acción, o Concello reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico sostible, o impulso ao emprego local e a protección do entorno natural.

Rematan as obras de mellora en áreas de xogo e lecer en Cans, Torneiros, Mosende e Budiño

 

  • A intervención, cun orzamento total de 74.300 euros —dos cales 10.900 foron achegados con fondos propios e o resto a través do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra—, permitiu mellorar elementos de xogo, renovar pavimentos e valados, e instalar nova sinalización e equipamento.

 

O Porriño, 22 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño vén de completar un proxecto de mellora de espazos públicos que permitiu renovar cinco parques infantís e unha área biosaludable distribuídos por distintas parroquias do municipio. Cun investimento total de 74.300 euros —dos cales 10.900 foron achegados con fondos municipais e o resto a través do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra—, as actuacións supuxeron unha transformación significativa destes espazos de lecer, pensados para o disfrute das familias e especialmente da infancia.

“Trátase dunha intervención que responde ao noso compromiso coa mellora da calidade de vida da veciñanza, en particular dos máis pequenos. Os parques son lugares de encontro, de xogo e de aprendizaxe, polo que era prioritario garantir que sexan seguros, accesibles e ben equipados”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

As obras incluíron a substitución de pavimentos por superficies amortecedoras, a reparación ou reposición de xogos deteriorados, a renovación de valados perimetrais e a instalación de novos elementos biosaludables. Ademais, colocáronse paneis informativos en cada área cos datos de uso, idades recomendadas e teléfonos de contacto para incidencias e urxencias.

As melloras leváronse a cabo en puntos repartidos polas parroquias de Cans, Torneiros, Mosende e Budiño. En Cans actuouse nos parques da Graña e do Río Couso, onde se renovaron os solos e se reubicaron algúns elementos de exercicio ao aire libre. En Torneiros, mellorouse o parque da Fase I coa reparación de xogos, renovación do peche e instalación de porterías antivandálicas, mentres que no parque do Alba se substituíron todos os elementos da área biosaludable.

No parque da Costeira, en Mosende, realizouse unha intervención completa que incluíu a renovación do valado, o acondicionamento do terreo e a colocación de céspede artificial. Finalmente, no parque da Forna, en Budiño, creouse unha nova área infantil cun deseño actualizado, xogos renovados e mellora da superficie e dos acabados.

Lorenzo destacou que esta actuación forma parte dunha estratexia máis ampla para mellorar o espazo público en todo o municipio: “Queremos que todos os nenos e nenas de O Porriño teñan acceso a áreas de xogo modernas, independemente da parroquia na que vivan. É unha cuestión de igualdade e de cohesión territorial, e seguiremos avanzando nesta liña nos vindeiros proxectos”.

O Concello do Porriño destina preto de 94.000 euros á renovación e mantemento dos parques infantís e áreas biosaudables

  • Os traballos abranguen espazos localizados nas parroquias de Cans, Torneiros, Mosende e Budiño así como a adquisición de nova maquinaria co obxectivo de reforzar o mantemento regular destas áreas.

O Porriño, 12 de maio de 2025.– O Concello do Porriño vén de poñer en marcha un ambicioso plan de renovación e mellora que afecta a cinco parques infantís e unha área biosaudable repartidos por distintas parroquias do municipio. Estes traballos, que teñen un prazo estimado de execución de seis meses, contan cun orzamento total de 74.300 euros, dos cales 10.900 euros proceden de fondos propios do Concello, e o resto está financiado a través do Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

“Estas actuacións responden a un compromiso firme do goberno municipal coa seguridade e benestar das nosas familias, especialmente dos máis pequenos”, subliñou o alcalde, Alejandro Lorenzo, quen destacou que os parques infantís son espazos clave para o desenvolvemento físico, emocional e social da infancia.

As actuacións incluirán a instalación de novos pavimentos amortecedores de impacto, a restauración de xogos danados, a renovación de valados perimetrais e a incorporación de novo equipamento biosaudable. Ademais, todos os espazos contarán con carteis informativos que recollerán datos como as idades recomendadas, teléfonos de contacto para mantemento e emerxencias, e normas de uso que garantan un lecer seguro e responsable.

Os traballos abranguen espazos localizados nas parroquias de Cans, Torneiros, Mosende e Budiño. No caso de Cans, realizaranse melloras tanto no parque da Graña como no do Río  Couso, con especial atención á renovación do pavimento e á reubicación dos elementos biosaludables. En Torneiros actuarase tanto no parque infantil da Fase I, onde se renovará o valado perimetral e a cancela de acceso, restauraranse os elementos de multixogo e instalaranse porterías antivandálicas, como tamén no parque do Alba, onde se substituirán os actuais elementos da área biosaudable por outros novos. No parque da Costeira, en Mosende, acometerase unha mellora integral que inclúe a substitución da valla, o acondicionamento do terreo e a instalación de céspede artificial. Finalmente, en Budiño, no parque da Forna, renovarase completamente a área infantil cun novo deseño de espazo e equipamento, ademais da mellora da superficie e dos bordos.

En paralelo ás obras de mellora, o Concello do Porriño tamén vén de investir na adquisición de nova maquinaria co obxectivo de reforzar o mantemento regular destas áreas. Neste sentido, realizouse unha compra por un importe total de arredor de 19.700 euros, que inclúe un cortacéspede profesional con tracción total e un remolque de grandes dimensións equipado con freos, ramplas e estrutura reforzada. Esta nova dotación permitirá ao servizo municipal de mantemento actuar con maior eficacia e garantir o bo estado das áreas de xogo durante todo o ano.

O concelleiro responsable da área, Marcos Martínez, explicou que este proxecto permite dar resposta a numerosas demandas veciñais acumuladas nos últimos anos e que supón un salto cualitativo tanto en seguridade como en accesibilidade. “Estamos a traballar para que todas as crianzas do Porriño poidan desfrutar de espazos renovados, seguros e atractivos. Pero tamén estamos pensando no día despois: por iso investimos tamén en nova maquinaria para o mantemento, para garantir que estes espazos se manteñan en bo estado durante todo o ano”, afirmou.

O equipo de goberno salienta que esta intervención é unha mostra máis da súa aposta polo equilibrio territorial e polo benestar das familias, e que continuará na mesma liña con novos proxectos nas distintas parroquias. “Queremos que todos os nenos e nenas do Porriño, vivan onde vivan, conten con áreas de xogo seguras, modernas e accesibles. Esta é unha aposta decidida pola igualdade de servizos e pola mellora do espazo público en todo o termo municipal”, concluíu o alcalde.

O Porriño creará un gran corredor verde no centro da vila

 

O Concello do Porriño vén de presentar un novo proxecto co obxectivo de mitigar os efectos adversos do cambio climático e favorecer a adaptación da cidadanía aos novos escenarios ambientais. Son dúas as actuacións contempladas consistentes na adecuación de dous espazos públicos urbanos en zonas verdes con sombra, una delas na Avenida de Galicia e outra na rúa Ramón González, que abrangue a zona peonil do centro da vila.

Para elo instalaríanse un total de 16 grandes xardineiras equipadas con árbores autóctonas de gran porte entre as que se inclúen oliveiras de máis de 30 anos de antigüidade e outras especies vexetais (calibrachoa, salvias de tipo rosmarinus -romero rasteiro- e juníperos horizontais) con fins ornamentais e de mellora ambiental, proporcionando sombra para mitigar o efecto illa de calor urbana.

A ausencia de espazos naturais en contornas densamente urbanizadas supón un impacto directo na calidade de vida da poboación, xerando ambientes pouco saudables e limitando as posibilidades de lecer ao aire libre. “A creación de infraestruturas verdes como as que proxectamos non só melloran a calidade ambiental, senón que favorecen a conexión e a continuidade dos espazos, creando unha rede que impulsa a mobilidade sostible e a interacción social. Ademais, a dispoñibilidade de zonas verdes e elementos de sombra contribúe á regulación térmica, á mellora da calidade do aire, á redución da contaminación acústica e á xeración dunha contorna máis habitable”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

Na rúa Ramón González instalaríanse unha decena de xardineiras de tres tipoloxías: tres de forma circular, de 2 metros de diámetro e 60 centímetros de altura; catro de forma elíptica, con eixes de 4 e 2 metros e altura de 70 cm, elaboradas en granito Rosa Porriño; todas elas terán integrados en todo o seu perímetro bancos para poder desfrutar da sombra das plantacións que nelas se leve a cabo; e outras tres grandes xardineiras con paredes curvas, de medidas exteriores 1,5 por 1,5 metros e altura de 1,60 metros. O custe desta actuación ascende a 128.214,83  euros.

De igual maneira, levarase a cabo unha intervención completa na Avenida de Galicia coa instalación de dúas xardineiras con medidas de 14,70 x 2,60 x 0,90 metros e outras catro de 10,40 x 2,20 x 0,90 metros, elaboradas tamén en granito Rosa Porriño e con bancos integrados. O orzamento deste proxecto é de 127.470,86 euros.

Ámbalas dúas sendas verdes quedarán interconectadas no Parque do Cristo, mellorando non só a conectividade ecolóxica entre diferentes espazos naturais urbanos, senón que tamén incentivará a mobilidade peonil e o uso do transporte non motorizado, reducindo a pegada de carbono na zona.

Impacto no medio ambiente e na calidade de vida da veciñanza

Para a posta en marcha destas obras, o Concello do Porriño vén de solicitar unha subvención de 120.000 euros a Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático dentro do programa Galicia Refuxio Climático para sufragar o seu custo. “A execución destes proxectos terá, sen dúbida, un impacto moi significativo no medio ambiente e na calidade de vida da veciñanza”, subliña a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Antía Carrera. A fai referencia á mitigación do efecto illa de calor, pois “a creación de zonas verdes con sombra permitirá reducir a temperatura ambiental local, mellorando a calidade do aire e o confort térmico dos usuarios, o que contribuirá á prevención de riscos relacionados coas altas temperaturas estivais”;  ao incremento da biodiversidade urbana, e “é que a plantación de especies vexetais autóctonas e adaptadas ao cambio climático incrementará a biodiversidade local, fomentando un ecosistema máis resiliente”; ao fomento da mobilidade sostible e á creación de espazos públicos saudables e inclusivos.

 

O Concello do Porriño adquire preto de mil metros cadrados para a humanización da contorna do Centro Social

 

  • O alcalde Alejandro Lorenzo vén de asinar a compra de tres parcelas por importe de 213.000 euros
  • A actuación suporá a creación dunha gran zona verde no centro urbano que conectará as rúas Pío XII e Antonio Palacios

O Concello de Porriño vén de efectuar a compra de tres parcelas na contorna do centro social para completar o proxecto de humanización e creación dunha gran zona verde no centro urbano que unirá as rúas Pío XII e Antonio Palacios.

O alcalde Alejandro Lorenzo asinou cos propietarios os contratos de adquisición dos terreos por un importe total de 213.081 euros. A superficie que abranguen as tres parcelas suman 933,6 metros cadrados e serán claves para continuar as obras xa en marcha e que suporán a consecución deste gran espazo público. “Dende o Concello agradecemos a boa disposición dos propietarios para poñer á venda cadansúa parcela”, sinala o alcalde. “Una acción que beneficiará, sen dúbida, a toda a veciñanza do Porriño que, en breve, poderá desfrutar deste gran parque en pleno casco urbano”.

Máis mobilidade peonil e zonas verdes no centro urbano

Este proxecto consiste na creación dun gran espazo público pensado para dar prioridade á mobilidade peonil e máis importancia ás zonas verdes, ao tempo que se limita o paso de vehículos. Para conseguilo prevese a creación dun espazo continuo, accesible e verde, no que se habilitará a comunicación peonil entre ámbalas dúas rúas anteriormente mencionadas, crearanse novas zonas de convivencia baixo a sombra de diversas especies arbóreas,  buscarase a apertura da contorna do centro social coa rúa e o parque e executarase a renovación integral da zona de ocio infantil con novos elementos de xogo para a cativada. Ao mesmo tempo, o firme da rúa Pío XII será renovado, xunto coas redes de servizos e dotarase dunha plataforma única que conecte coa nova zona verde; reducirase o tráfico rodado e tamén a velocidade de circulación.

Arrancan as obras de construción dun novo gran parque no corazón do Porriño

O Concello do Porriño inicia hoxe un ambicioso proxecto de transformación urbana co comezo das obras para a creación dun novo espazo público entre as rúas Antonio Palacios e Pío XII. Estes traballos, que inclúen a humanización da Rúa Pío XII, representan a primeira fase da construción dun gran espazo libre de lecer destinado a revitalizar o centro urbano e promover un urbanismo máis amable e accesible.

O obxectivo principal deste proxecto é dar uso á mazá interior delimitada polas rúas Antonio Palacios, Avenida Domingo Bueno e Rúa Pío XII.

O novo deseño prevé a creación dun parque completamente aberto, onde os distintos usos e espazos estean interconectados. Incluiranse áreas de lecer, descanso, reunión e convivencia, con bancadas integradas e bancos, incrementarase a vexetación e crearanse zonas de sombra que fomenten o uso da área.  

Ademais, melloraranse as características de acabado e circulación da Rúa Pío XII utilizando pavimento pétreo que continúe coa estética do parque. A actuación nesta rúa incluirá a renovación de todas as redes de servizo como abastecemento, saneamento, gas ou iluminación pública.

Unha das metas máis relevantes deste proxecto é recuperar a rúa como un lugar de socialización, garantindo a seguridade de peóns e ciclistas. Para iso, a Rúa Pío XII integrarase plenamente no parque, favorecendo a comunicación peonil co centro da vila e mellorando unha área que actualmente presenta malas condicións.

Entre as distintas zonas que se proxectan, destaca un parque infantil, que se redeseñará cunha xeometría circular en diálogo co resto da estética. Incorporaranse elementos de xogo en harmonía coa arboleda existente, creando unha contorna segura e atractiva para os máis pequenos.

“Este proxecto non só transformará a paisaxe urbana, senón que tamén creará un espazo inclusivo e dinámico, onde os cidadáns poidan gozar dunha contorna máis saudable e socialmente activa. Estou seguro que se converterá nun punto de encontro para toda a veciñanza”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O rexedor explicou que “as obras desenvolveranse buscando o menor perxuízo posible, sobre todo tendo en conta que coincide coas datas de Nadal, polo que estableceremos alternativas de circulación para que o noso comercio non se vexa afectado”.

Lorenzo concluíu explicando que as xestións para a segunda fase o proxecto están moi avanzadas. “Estamos ultimando a adquisición dos terreos necesarios para executar estas obras e aproveito para reiterar o meu agradecemento aos propietarios pola súa disposición á facilitar ao Concello que este gran parque sexa pronto unha realidade”.