Publicada a listaxe de admitidos no Campamento Dixital: 1ª Quenda

 

Xa está dispoñible a listaxe de nenos e nenas de entre 9 e 13 anos admitidos no Campamento Dixital. Esta primeira quenda terá lugar os días 3, 4 e 5 de marzo de 2025, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Multiusos de Torneiros.

Lembramos que a asistencia a todas as sesións é obrigatoria para obter o Certificado de Competencia Dixital, un documento que acredita os coñecementos adquiridos ao longo desta experiencia formativa.

Información importante para as familias:
• Só poderán entregar e recoller aos participantes as persoas indicadas na solicitude de inscrición.
• En caso de que, por unha causa excepcional, outra persoa teña que facelo, esta deberá ser maior de idade e achegar ao equipo do campamento:
o Unha autorización asinada pola persoa responsable.
o Copia do DNI da persoa que autoriza e da que vai recoller ao menor.

Listaxe de admitidos

A Concellería de Igualdade agradece a colaboración das familias e anima a todos os nenos e nenas admitidos a participar con ilusión e curiosidade, aproveitando esta oportunidade para descubrir o mundo dixital dunha forma divertida, educativa e segura.

 

Arranca o curso de `Galegas Dixitais´ no Porriño

Hoxe deu comezo o curso Galegas Dixitais no que participan 20 mulleres do Porriño. Unha oportunidade única para adquirir coñecementos e competencias dixitais útiles para o seu día a día, mellorar a empregabilidade e emprendemento.
 
O programa, ao que se uniu o Concello do Porriño, está organizado por Beproject e Ara Formación e financiado polos Fondos Europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
 
A actividade é totalmente gratuíta e agrúpase nos seguintes bloques:
  • Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración

A implantación do 5G pode xerar incidencias na recepción do sinal TDT os próximos días

A rede móbil de nova xeración activarase nos próximos días. Para solventar as afectacións do TDT, habilitouse o teléfono de atención gratuíto 900 833 999

As operadoras de telefonía móbil, Telefónica, Vodafone e Orange, anunciaron que os próximos días realizarán o proceso de implantación no Porriño dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, o que permitirá aos/as porriñeses/as gozar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica.

Esta activación pode conlevar a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal das canles da TDT, debido a que se utilizaban anteriormente para o servizo de televisión.

Para solventar estas incidencias, habilitouse o teléfono de atención gratuíto 900 833 999, ao que poden recorrer todos os usuarios que necesiten solicitar a actuación nas súas instalacións para a solución das afectacións e, deste xeito, que poida restablecerse o servizo TDT con total normalidade.

Tras a notificación, un técnico cualificado de ‘Llega700’ – entidade posta en marcha polos operadores para solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión- desprazarase onde se detectou a incidencia e procederá a realizar os labores de acondicionamento necesarias para liquidala. Todo iso sen custo algún para os cidadáns.

O proceso de implantación está a realizarse de forma paulatina por toda a xeografía nacional. Para comprobar as localidades onde xa están activos estes servizos pódese consultar a seguinte ligazón: https://www.llega700.es/contacto_mapa.php

No hay ninguna descripción de la foto disponible.

Ver insights y anuncios

Promocionar publicación

77

10 veces compartida

Me gusta

Comentar

Compartir

O alcalde preside a inauguración da nova tenda de Avatel no Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presidiu hoxe a inauguración da nova tenda de Avatel na localidade, acompañado polo tenente de alcalde, Abel Estévez, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez, a directora de Tendas de Avatel, Paola Mirasol, e o responsable da firma no Porriño, Carlos Garabatos.

O operador de telecomunicacións líder no segmento rural, implantou a súa infraestrutura de banda ancha no  Porriño co obxectivo de potenciar a súa transformación dixital, facilitando o mesmo nivel de conectividade a Internet que se goza nunha gran urbe. Grazas a iso, máis de 5.000 fogares e familias porriñesas xa teñen acceso dá a nova rede de fibra óptica que despregou a compañía, e que alcanza capacidades de 1GB.

Ademais, a infraestrutura da operadora levou conectividade a Internet por primeira vez ás vivendas do Polígono Torneiros, onde ata o de agora carecían dela.

O rexedor  e a directora de Tendas de Avatel, Paola Mirasol, mantiveron unha reunión sobre a marcha do proxecto con motivo da inauguración da tenda na localidade, situada na rúa Antonio Palacios. Nela, puxeron en valor o investimento da operadora no municipio, realizada con fondos propios, para crear a rede de conectividade ultrarrápida para o acceso a Internet no centro urbano. Así mesmo, este investimento fixo posible a creación postos de traballo de comerciais e técnicos. 

Lorenzo mostrou a súa satisfacción pola apertura dun novo establecemento na localidade e incidiu no “imprescindible de contar con fibra óptica para os veciños e veciñas de Porriño” Segundo o alcalde “a conectividade neste momento é algo tan importante como calquera outro dos servizos esenciais” e por iso ofrece toda a colaboración da administración local ás operadoraspara conseguir que o despregamento de fibra chegue a todas as vivendas do termo municipal.

Pola súa banda, Paola Mirasol agradeceu a colaboración municipal para facer posible o despregamento. Sinalou que “chegamos para quedarnos, para facer cidade e converternos en parte activa do tecido porriñés. Avatel conecta co Porriño no seu carácter emprendedor e innovador. E mantén o espírito do operador local, próximo ao cliente, escoitando as súas necesitades e implicándose co seu tecido social”. 

Pola súa banda, Carlos Garabatos, responsable de Avatel no Porriño, asegurou que “estamos moi ilusionados con este proxecto, que creou emprego local e vén sumar: a conectividade fai posible acceder a servizos dixitais avanzados, plataformas de lecer e abre oportunidades de desenvolvemento económico ligadas á dixitalización das empresas existentes e ao nacemento de outras”.

O Porriño facilita o volante de empadroamento por internet

O volante de empadroamento no Porriño xa pode obterse por vía dixital. As veciñas e veciños poden xestionar este documento a través da sede electrónica municipal.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que esta mellora da atención ao cidadán responde á intención do novo executivo de “facilitar a interacción da veciñanza coa administración, axilizando a realización dos trámites municipais e reducindo os tempos de xestión. En definitiva, pretendemos que o Concello do Porriño sexa unha administración o máis próxima posible á cidadanía”.

Para facer este trámite ás persoas interesadas deberán dispoñer dun sistema de autenticación como o DNIe, certificado dixital ou Cl@ve; acceder á páxina web municipal (https://www.oporrino.org ) e clickar en “Sede Electrónica” para seleccionar a opción “Padrón de habitantes”.

 

O Porriño propón a contratación de 43 persoas desempregadas para apoiar os servizos municipais

O Concello do Porriño vén de presentar un plan de apoio á prestación de servizos municipais que permitirá a contratación de 43 persoas desempregadas que desenvolverán función nos diferentes departamentos municipais.

“Os cidadáns do Porriño cumpren co seu deber e pagan os seus impostos e o Concello debe cumprir co seu e prestar en condicións os servizos públicos”, explicou o Alcalde, Alejandro Lorenzo, “Moitos destes servizos non se estaban a prestar de maneira axeitada,  a situación que nos atopamos é nefasta e o persoal co que contamos insuficiente. Por iso deseñamos este plan de reforzo do persoal que nos permitirá non só poner a funcionar o Concello e impulsar novas iniciativas, senón tamén incorporar ao mundo laborar a 43 persoas que neste momento se atopan en situación de desemprego”.

A tal fin, o Concello fará a maior aportación de fondos que se fixo ata o de agora. O custe deste programa laboral roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude cursada ao ente provincial e os 224.061 corren a cargo do Concello.

As persoas que se van contratar terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego que será o encargado de facer a preselección, por iso é importante que todos aqueles interesados se inscriban xa nas diferentes ocupacións para cando se presenten as correspondentes ofertas de emprego.

Impulso dos servizos municipais

 Os traballadores integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais. No departamento de Obras contrataranse a dous oficiais de primeira  carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/conductor de grúa.

Entre as funcións que desempeñarán neste departamento está o mantemento e reparación de parques infantís e instalación deportivas, construcción e reparación de beirarrúas, mantemento de instalacións municipais, transporte de material ou roza.

No caso do departamento de Parques e Xardíns incorporaranse doce peóns forestais, que desempeñarán tarefas de rozado e retirada de vexetación e maleza nos viais das parroquias e traballos de recollida de entullos e o mantemento e mellora dos xardíns.

Un auxiliar de enfermería dará respaldo á Unidade Asistencial a Drogodependentes, un auxiliar administrativo ao Departamento Servizos Sociais e dous para o Departamento de Cultura que desenvolverán función de información e atención aos usuarios da Biblioteca municipal.

Tamén se contratará un titulado na Diplomatura ou Grao de Turismo para traballar no desenvolvemento do Departamento de Turismo e un técnico en informática que se precisa no Departamento de Novas Tecnoloxías.

Posta en marcha de Porremprego

No tocante ao Departamento de Emprego e Formación proponse a contratación de dous orientadores laborais. Un dos piares básicos da xestión deste novo goberno será a posta en marcha de novo de Porremprego:  restablecer as acción formativas e as relacións co tecido empresarial da contorna e a bolsa de emprego local, como ferramenta clave para aumentar as posibilidades de empregabilidade.

Conserxes para a praza de abastos, aula de estudio e pavillóns municipais

 Incorporaranse seis conserxes aos departamentos de Deportes, Mercados, Persoal e Cultura que se encargarán da apertura, peche, vixilancia e atención ao cidadá dos pavillóns municipais, o Concello, aula de estudio e a Praza de Abastos.

 

 

 

 

 

 

 

 

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Chega ao Porriño “Creactivity”, un espazo para promover o enxeño

A Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño, en colaboración coa “Fundación La Caixa”, convidan a participar na actividade “Creactivity” que é un espazo itinerante promovido pola entidade financeira. Consistirá en obradoiros que se realizaran polos centros educativos do municipio.
Os días 15, 16 e 17 de setembro en horario de mañá para o alumnado de Primaria e de 1º e 2º da ESO, previa inscrición por parte de cada colexio e instituto.
Polas tardes, estes obradoiros permanecerán abertos para o público en xeral.

“Creactivity” é un espazo interactivo que fomenta o enxeño e a creatividade. Un novo proxecto itinerante que propón obradoiros para espertar o enxeño de nenos e nenas e axudalos a sentirse cómodos nunha sociedade cambiante.
O espazo permite investigar, formular retos concretos, pensar solucións, inspirarse, compartir, colaborar, improvisar, traballar en equipo e moito máis. O alumnado traballará competencias transversais no ámbito matemático, científico e tecnolóxico.

As localizacións do vehículo de “Creactivity” en Porriño serán as seguintes:
* 15 DE SETEMBRO 2021
Chaira da Igrexa de San Rosendo de Torneiros

* 16 e 17 DE SETEMBRO 2021
Polideportivo Municipal do Porriño

Para concertar visitas e reservar datas, ou realizar calquera consulta, as persoas interesadas poderán chamar ao teléfono gratuíto 900 101 493 ou enviar un correo electrónico ao enderezo: info@creactivitybus.com

CARTEL O PORRIÑO CREATIVITI