O Servizo de Normalización Lingüística do Porriño expón o seu labor ao alumnado da UVigo

O pasado 15 de febreiro, o persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño participou nas Xornadas de orientación laboral organizadas pola Universidade de Vigo.

A universidade convidou á técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González, a ofrecer unha panorámica do labor desenvolvido dende a súa creación ata a actualidade, así como dar a coñecer as súas funcións internas e coa cidadanía. Ademais, o alumnado da UVigo puido coñecer de primeira man información sobre os procesos selectivos para traballar neste tipo de servizos lingüísticos na Administración local.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, activo dende 2021, pertence á Concellería de Educación e Normalización Lingüística que dirixe Carolina González. A pesar da súa recente creación, é un departamento que traballa de forma activa tanto nas súas funcións de corrección e asesoramento lingüístico coma no ámbito da dinamización lingüística, no que colabora asiduamente cos demais departamentos locais de Cultura, OMIX e Biblioteca. Precisamente coa Biblioteca Municipal organiza as “Xornadas de creación literaria: Da inspiración ao libro”, que se desenvolverán do 2 ao 24 de marzo no Centro Cultural Municipal e que pretenden ser unha panorámica do proceso creativo polo que pasa unha idea ata acabar materializada nun libro (creación, edición e autoedición; certames literarios, opinións das persoas lectoras etc.).

No blog do SNL do Porriño (https://normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com/) poderás atopar toda a información que precises relacionada cos recursos lingüísticos, campañas de dinamización, materiais publicados, lexislación lingüística do Porriño ou novidades relacionadas coa lingua galega. Ademais, a técnica de Normalización Lingüística poderate asesorar tanto de forma presencial coma telemática en calquera dúbida lingüística que se che presente, así coma noutros temas relacionados coa lingua galega. 

 

Entregados os premios do II Concurso de Postais de Nadal

O Centro Cultural acolleu onte o acto de entrega dos premios aos/as gañadores/as do II Concurso de Postais de Nadal convocado pola concellería de Educación e Normalización Lingüística. Os premiados en cada categoría foron:

1. O 1º premio foi para Uxía Rodríguez Mouriño, o 2º para Uxía Pérez Alonso e o 3º para Alba Saavedra Ferreira.

2. O 1º premio foi para Eva Vila Comesaña, o 2º para Aldara Pereira e o 3º para Roberto. Accesit para Manuel

3. Os premiados foron Alberto Francisco Machado e Noemi Martíns de Jesús

Os premios están basados en lotes de material escolar.

Parabéns!!

O II Concurso de Postais de Nadal do Porriño xa ten gañadoras/es

A segunda edición do Concurso de Postais de Nadal do Porriño xa ten gañadores. O xurado, presidido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e formado pola concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a técnico de normalización lingüística, Andrea González, e o deseñador gráfico e publicista, Juancho, ditaminou hoxe por unanimidade outorgar os premios ás seguintes gañadoras/es en cada categoría:

 

  • Categoría 1: de 3 a 6 anos. O 1º premio é para Uxía Rodríguez Mouriño (3 anos), o 2º é para Uxía Pérez Alonso (3 anos) e o 3º para  Alba Saavedra Ferreira (6 anos)
  • Categoría 2: de 7 a 11 anos. O 1º premio é para Eva Vila Comesaña (7 anos), o 2º é para Aldara Pereira (9 anos) e o 3º é para Roberto (9 anos)
  • Categoría 3: de 12 a 14 anos. Dado que só se presentaron dúas postais nesta categoría outórganse dous premios iguais ás dúas persoas participantes. Un deles a Alberto Francisco Machado (12 anos) e o outro a Noemi Martíns de Jesús (12 anos)

O xurado acordou tamén, por unanimidade, conceder un accésit dentro da categoría 2 a Manuel (7 anos).

Lembramos que o acto de entrega dos premios terá lugar o martes 3 de xaneiro de 2023 ás 17 h no Centro Cultural Municipal.

O Porriño edita a súa primeira guía de linguaxe inclusiva

O Concello do Porriño, a través das concellerías de Normalización Lingüística e Igualdade, vén de publicar a súa primeira Guía de Linguaxe Inclusiva. “Trátase dun documento que constitúe unha ferramenta práctica para non perpetuar na linguaxe os estereotipos e erradicar o sexismo e calquera tipo de discriminación nas actuacións administrativas, tanto no consistorio como fora del”, explicou a concelleira, Carolina González.

A través desta Guía de linguaxe inclusiva o Concello do Porriño pretende proporcionar, tanto ao seu cadro de persoal coma á cidadanía en xeral, unha ferramenta práctica e sinxela cunha dobre finalidade: evitar o uso sexista ou discriminatorio nos documentos administrativos públicos e resolver as súas dúbidas mediante a achega de solucións que proporcionen unha lectura fluída e non discriminatoria coa sociedade.

A tal fin, repartiranse 500 exemplares entre a veciñanza e o persoal municipal.

“Dende o Concello temos que ser os primeiros en dar exemplo e comunicar, tanto internamente como coa cidadanía, de maneira igualitaria e respectuosa”, concluíu a concelleira.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “a través da linguaxe interpretamos e poñemos nome ás cousas que nos rodean, creamos realidades. Por iso, a través dela, podemos contribuír a construír formas de pensamento máis igualitarias e respectuosas”.

O Servizo de Normalización Lingüística do Porriño pon en marcha o seu propio espazo web

O Servizo de Normalización Lingüística do Porriño, pertencente á Concellería de Educación, conta xa cun espazo web propio (www.normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com) co obxectivo de achegar o noso idioma á cidadanía e co que poderá dar visibilidade ás campañas de dinamización e normalización lingüística, así como a diversos materiais e recursos en lingua galega.

As persoas usuarias poderán, ademais, resolver as súas dúbidas lingüísticas e achegar as súas suxestións a través do formulario de contacto co que conta este espazo web.

A través do espazo dedicado a novas o SNL do Porriño manterá informada a súa cidadanía da actualidade relativa á lingua galega, tanto local coma autonómica.

O blog abre as súas portas co concurso O galego é, co obxectivo de dinamizar a lingua galega na mocidade, e coa presentación da Unidade Didáctica: Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), para achegar a figura do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022 á nenas e nenos de 5º e 6º curso de primaria. 

Cursos preparatorios gratuítos das probas Celga

Os cursos, presenciais e en liña, realizaranse entre o 21 de marzo e o 12 de maio

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a convocatoria de cursos Celga de carácter voluntario e gratuíto, orientados a obter a certificación Celga nos niveis 1, 2, 3 e 4 nos exames oficiais da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 7 de marzo na seguinte ligazón: https://formacion-lingua.xunta.gal/. Poderase escoller un curso de tipo presencial ou en liña, sendo requisito para este último dispor de:

  • Un ordenador con conexión á Internet (de banda larga)
  • Un navegador web (recoméndase ter instalada a última versión de Firefox)
  • Acceso á conta de correo electrónico especificada na solicitude de inscrición
  • Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).

Cada curso terá unha duración de 70 horas lectivas. Nos cursos de carácter presencial, estas distribuiranse en sesións de dúas horas e media, de luns a xoves, nos lugares que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Para máis información podes consultar a convocatoria destes cursos no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220214/AnuncioG0598-260122-0002_gl.html ou enviar un correo electrónico ao Servizo de Normalización Lingüística do Porriño (servizonormalizacion@oporrino.org).