IV Concurso Infantil de Postais de Nadal do Concello do Porriño

A Concellería de Educación e Normalización Lingüística do Porriño convoca, un ano máis, o IV Concurso Infantil de Postais de Nadal 2024.

Por cuarto ano consecutivo, o Servizo de Normalización Lingüística do Porriño organiza este concurso co obxectivo de que as/os máis pequenas/os feliciten as festas do Nadal a toda veciñanza.

Mediante a creación dunha postal decorativa e cunha mensaxe positiva creada en lingua galega, as nenas e nenos poderán demostrar a súa creatividade artística á vez de usan a lingua galega como medio para felicitar as festas. Deste xeito, como xa vén sendo habitual nestas datas, Concello do Porriño busca dinamizar o uso da lingua galega nun grupo de idade clave para o fomento dos hábitos lingüísticos.

Poderán participar nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos a través de postais orixinais e inéditas escritas en lingua galega. Estas poderanse entregar do 6 ao 26 de decembro de 2024 na caixa de devolución de libros da Biblioteca Municipal do Porriño, sita no exterior do Centro Cultural Municipal ou en man na propia Biblioteca.

Establécense 3 categorías de premios, con tres premios por cada categoría, consistentes en lotes de material escolar. A derradeira semana do ano colgarase a relación de persoas premiadas tanto nas redes sociais coma no taboleiro de anuncios do Centro Cultural Municipal.

 A entrega de premios efectuarase o venres 3 de xaneiro ás 17 horas no salón de plenos municipal.

Podes consultar as bases en: https://ecultura.net

Tamén se pode consultar a información en: https://normalizacionlinguisticaoporrino.wordpress.com/2024/12/05/iv-concurso-infantil-de-postais-de-nadal-2024/

Os nenos e nenas coñecen o seu concello a través da lingua

O Concello do Porriño retomou hoxe as visitas dos nenos e nenas do Porriño á Casa Consistorial. Esta actividade, dirixida ao alumnado de 3º de Educación Primaria e ao alumnado de Aceesca, desenvolverase nos meses de novembro, decembro e xaneiro en diferentes quendas.

En total serán 174 nenos e nenas os que participarán destas visitas guiadas organizadas pola Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX co obxectivo de que coñezan un pouco mais o funcionamento do Concello, á vez que dinamizan a lingua e cultura galegas.

A técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González Pereira, é a encargada de guiar ao alumnado para darlles a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos e o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeno glosario galego-castelán de termos cotiás dun concello, fan que as visitas guiadas teñan, unha vez máis, a lingua galega como o elemento catalizador. Hoxe foron os nenas e nenos do colexio Hermanos Quiroga os que percorreron os corredores das dependencias municipais, entraron no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón desde o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que reafirmaron a importancia da lingua nunha Administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística do seu Concello.

III Concurso Infantil de Postais de Nadal

 

A Concellería de Normalización Lingüística do Porriño convoca a terceira edición do Concurso Infantil de Postais de Nadal. Este concurso está inserido nas actividades de dinamización da lingua galega que leva a cabo o SNL do Porriño, co obxectivo principal de fomentar o uso do galego entre a poboación infantil.

As idades de participación van dos 3 aos 14 anos, distribuídas en 3 categorías diferentes e con 3 premios por categoría baseados en lotes de material escolar.

O prazo de participación será do día 7 ao 21 de decembro de 2023 e as postais poderanse entregar no Centro Cultural Municipal.

Consulta as bases de participación

Rosalía de Castro segue moi presente no Porriño

Máis de 300 mozos e mozas do Porriño reuníronse hoxe aos pés da casa consistorial para render tributo a Rosalía de Castro, unha muller referente non só na literatura galega senón tamén do feminismo e compromiso coas causas sociais.

No acto, organizado polos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de secundaria en colaboración coa Concellería de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, participaron o IES Pino Manso, o IES Ribeira do Louro, o CPR Hermanos Quiroga e o CPR Santo Tomás.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo mostrar o seu agradecemento a toda a comunidade educativa por facer posible este emotivo acto xa que “a mellor maneira de manter viva a figura de Rosalía é a través das/os nenas/os e mozos/as, ninguén mellor que elas/es para trasmitir o seu legado de liberdade, igualdade e amor pola nosa terra”. No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Normalización Lingüística e Educación, Carolina González, quen destacou o “Caldo de Gloria” que disfrutaron este ano como un símbolo “que nos lembre que con case nada, somos quen de sobrevivir e ademais ser felices, que é o máis importante”.

A mañá estivo cargada de regueifas, da man de “Os Quinquilláns” e tamén de poesía e música, sen esquecer o remate de festa que o puxo unha cunquiña de “Caldo de Gloria” que degustaron xuntas/os na praza.

Verbas para Rosalía

Cada centro, ademais das súas actuacións, destacou no seu manifesto a importancia desta autora e de conmemorar este día. O CPR Hermanos Quiroga destacou o papel de Rosalía que para elas/es é “a voz dun pobo que ten fala de muller, feminina e feminista, a de todas as que levamos con orgullo na fronte unha estrela e no bico un cantar”. Un símbolo de “xustiza , é dor e é liberdade. Rosalía é todas e cada unha das que estamos e tamén das que non están. É cada recuncho deste país, é Ortegal e é o Miño. E é Cans, Atios, Torneiros, Budiño, Chenlo, Mosende e Pontellas e tamén é o Louro. Porque só aquelas voces que nos falan dende o máis fondo e con tanta verdade son quen de se alcumar a musa dos pobos”.

No mesmo sentido se manifestaron as/os alumnas/os do CPR Santo Tomás. “Ela é un exemplo en moitos aspectos: literario, moral e, por suposto, de superación e constancia. Rosalía viviu nunha sociedade patriarcal onde as mulleres parecían invisibles, ante isto? Seguiu, seguiu, seguiu e seguiu, ata que o conseguiu”, apuntaron, “Cabe valorar a súa valentía, xa que actuou como una auténtica heroína” e “con todas as complicacións que tivo, foi quen de facer rexurdir o galego”.

Pola súa banda, o IES Ribeira do Louro puxo en valor a loita social da autora. “Usou a súa perspectiva para facer denuncias do que vía, do mundo do que era espectadora. E fíxoo dende a súa ollada de muller. Púxolles voz ás que tiñan que cargar co peso da familia e dos traballos, ás que tiñan que renegar de ter unha vida propia porque a moral da época llo prohibía”, afirmaron, “Ela foi sensible ás penurias do pobo, sen oportunidades, sen formación, sen alimento suficiente. Ela soñaba con un outro mundo posible. Se queremos serlle leal, debemos seguir soñando e axindo, como ela fixo, para poder alcanzar o soño”.

Por último, dende a comunidade educativa do IES Pino Manso reflexionaron sobre a importancia da muller galega que tan ben puxo de manifesto Rosalía na súa obra. “Ela, observadora, sensible e afectada polos problemas que como muller padeceu e viu padecer, e cos que se solidarizou e denunciou ao longo da súa vida e da súa obra, puxo de manifesto a presenza pública das mulleres que sempre estaban pero que nunca aparecían” e puxeron en valor o papel das mulleres no Porriño, “Nós vivimos nun concello onde as mulleres traballan e traballaron sempre na casa, no campo … ese era un traballo implícito na súa condición feminina pero tamén eran panadeiras, peixeiras, costureiras, ían no tranvía a Vigo a vender o leite e xa despois traballaban como operarias nas fábricas que se foron instalando no Porriño ( Zeltia, Frigolouro…) ou no comercio que se foi desenvolvendo . Todas elas axudaron a construír a vila que somos hoxe”.