Nova edición do curso de monitor de tempo libre

A Concellería de Xuventude do Porriño, a través da OMIX, presenta unha nova edición do curso oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, a desenvolver en seis fins de semana de maio e xuño no Centro Cultural Municipal do Porriño, impartido pola Escola de Tempo Libre Scolé e a cooperativa Avada, especializada no sector.

Un primeiro curso desenvolveuse nos meses de marzo e abril nas instalacións municipais, pero debido á gran acollida e sobretodo ao elevado número de persoas que quedaron en lista de espera, o Concello do Porriño agarda poder respostar ás inquedanzas formativas e laborais da súa mocidade.

Os contidos do curso impartiranse seguindo unha formación mixta que combina a docencia presencial e en liña. Trátase dun curso de 200 horas, combinando a formación presencial de 125 h coa telemática, neste caso de 75 h, e cunha fase de prácticas obligatorias de 150 horas, a realizar unha vez rematado o curso.

O alumnado que remate o curso obterá o título oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre e aprenderá a dirixir actividades para grupos de persoas menores ou maiores, e así dinamizar, coidar, entreter e sobre todo educar mediante as súas accións.

Este curso é requisito imprescindible para traballar en campamentos, conciliacións, granxas escola, ludotecas, parques de aventuras, obradoiros, extraescolares, centros socioculturais, establecementos turísticos…

Desde hoxe ata o próximo 1 de maio poderanse realizar as inscricións (daráse prioridade ás persoas empadroadas no Concello do Porriño ata o día 25 de abril) a través da seguinte ligazón

https://forms.gle/s8aWwSZZA3DcS2ei7

Segunda xornada de restauración ambiental no río Couso

Este sábado 14 de outubro continúa a actividade de restauración ambiental no río Couso. Será a segunda das tres xornadas organizadas por Verdegaia en colaboración coa Oficina de Voluntariado do Concello do Porriño.

Tal e como relatan dende a asociación ecoloxista, a primeira intervención foi un éxito de participación e de traballo. Nun ambiente de inmellorable convivencia e coa participación de algúns cativos, os 13 participantes puideron retirar unha grande cantidade de lixo na que sorprendeu a cantidade de zapatos e incluso un parabrisas. Tamén comezaron coa eliminación de especies invasoras como o bambú e a tintureira, algo que permitirá á vexetación autóctona desenvolverse correctamente.

Aínda queda moito lixo e moitas invasoras para retirar ata conseguir restaurar o río Couso, polo que vos animamos a que vos sumedes este sábado na segunda xornada.

Programación

A actividade de limpeza e eliminación de especias invasoras no río couso consta de tres xornadas, todas elas en horario de 11 a 13 h, os sábados 30 de setembro, 14 de outubro e 28 de outubro. Nelas, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiranse luvas e ferramentas entre os participantes. Non é imprescindible pero se podedes levade botas de auga.

A participación é gratuíta pero é necesaria a inscrición previa en vigo@verdegaia.org ou no 691657039.

O punto de encontro será na rúa Leandro Diz, 5 (ao lado do paso inferior da vía do tren).

O campo de voluntariado “Ruta de Palacios” pon en valor a vida e obra do arquitecto Antonio Palacios

O Porriño acolle estes días o Campo Internacional de Voluntariado Ruta de Palacios, unha actividade impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia en colaboración co Concello do Porriño e a cooperativa Avada.

15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, chegados de México, Francia, Madrid, Sevilla, Ermua, Logroño ou a Coruña, desenvolven actividades culturais e visitas guiadas polo casco histórico do concello para poñer en valor a vida e obra do arquitecto Antonio Palacios, natural do Porriño.

En 2022 tivo a súa primeira edición e nesta segunda búscase dar continuidade ás actividades comezadas o pasado ano, cunha curtametraxe sobre Antonio Palacios e o seu legado no Porriño e contorna. Ademais dunha serie de vídeos divulgativos en varios idiomas que plasman todo o traballo realizado.

“Con estes campos de traballo buscamos fomentar os valores do voluntariado entre a mocidade, como a intercooperación e posta en valor do patrimonio, neste caso arquitectónico/artístico”, explicou o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, “O seu traballo non só será enriquecedor para eles, senón para todos”.

“Música, mocidade e ocio saudable”, Master Class a cargo de DJ Pitty

As concellerías de Cultura e Xuventude, que dirixen Bienvenido Estévez e Antonio Barros respectivamente, celebrarán o vindeiro 22 de xullo unha DJ master class a cargo do afamado DJ porriñés Luis Guisande, coñecido artísticamente como DJ Pitty, quen abordará a sesión baixo o lema “Música, mocidade e ocio saudable”.

O prazo de inscrición para participar nesta actividade gratuíta permanece aberto do 3 ao 14 de xullo. A folla de inscrición pódese descargar da páxina web do Concello ou recoller no Centro Cultural Municipal de luns a venres en horario de 9 a 14h.

Unha vez cuberta, poderase entregar de calquera dos seguintes xeitos:

  • De modo presencial, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de luns a venres, de 9 a 14 h.
  • De modo telemático, a través da Sede Electrónica do Concello do Porriño

A orde de entrega da solicitude será determinante na orde de inscrición.

A actividade, organizada pola OMIX do Concello do Porriño, segue a estela de programas destinados á poboación nova do municipio de entre 12 e 35 anos, que se veñen desenvolvendo ao longo do ano con actividades variadas. Os responsables municipais explicaron que dende o executivo local seguirán a apostar pola xuventude, ofrecéndolle alternativas de ocio e formación acordes aos seus gustos e necesidades, adaptándose sempre ao tempo no que vivimos.

Ser hábil, ter ganas de formarse e evolucionar constantemente son premisas fundamentais para poder garantir un lugar no mundo da música, e máis aínda no mundo disc-jóckey. Son as ideas que o recoñecido DJ Pitty, trata de transmitir a todo aquel que se interese por este ámbito.

Luis Guisande ensinaralles aos mozos e mozas o oficio de DJ a través dunha master class na que amosará, entre outras cousas, como elaborar unha sesión, dende a selección de cancións ata a realización dunha mestura. Este obradoiro combinará unha presentación teórica con exercicios prácticos, xunto coa experiencia do artista, para abrir as portas a toda aquela persoa que queira iniciarse no mundo DJ ou coñecer en profundidade os segredos que agocha.

DESCARGAR FORMULARIO INSCRICIÓN: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2023/06/FORMULARIO-INSCRICION.-MASTER-CLASS.-DJ-PITTY_SNL.pdf

Catro patas de apoio

A concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño están a desenvolver un Programa de Intervencións asistidas con Cans para o alumnado con NEAE do centro educativo ACEESCA.

Baixo o lema “4patas de apoio”, profesionais dedicados ás intervencións asistidas con animais trasladan aos participantes os beneficios que achegan os cans aos seres humanos, mediante a súa incorporación en contextos terapéuticos, co obxectivo de proporcionar motivación e estímulo. 

A través da alianza co can, o alumnado traballa as áreas que axudan ao seu desenvolvemento, promovendo a comunicación, o respecto, a autoestima e a valía persoal. 

A delegación porriñesa “EcoYouth” parte cara Mozambique

A delegación española que visitará Mozambique no marco do proxecto europeo “Empoderamento da mocidade para facilitar a transición ecolóxica” partiu hoxe do Porriño cara Nampula.

8 mozos e  mozas alumnos dos IES Ribeira do Louro e do CIFP A Granxa , acompañados por persoal de apoio do Concello do Porriño e do IES porriñés, estarán en Maputo e Nampula ata o día 23  participando na última das movilidades deste programa de intercambio xuvenil baixo o título “Conciencia ecolóxica: ferramentas dos medios para a participación e o impacto en Nampula”.

Este programa, cofinanciado polo proxecto Erasmus + da UE, ten como obxectivo fomentar a posta en marcha de campañas de concienciación ambiental, combinando unha análise crítica cunha estratexia de medios coidadosamente planificada.

Xornadas multiaventura na Semana Branca do Porriño

Os nenos e nenas dos colexios do Porriño disfrutan estes días de xornadas multiaventura no marco da Semana Branca, que se celebra dun xeito diferente: con area, sol e mar.

Durante uns días, o alumnado participa nesta actividade organizada pola asociación Semana Branca en colaboración co Concello do Porriño. Celebráse na praia e os pequenos e pequenas realizan múltiples actividades deportivas como vóley praia, kayak ou surf na escola de Patos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, compartiron hoxe con eles un ratiño de aventura, xogaron ao volley cos nenos/as e profes e conversaron sobre todo o que farán hoxe. “Este tipo de actividades son moi enriquecedoras para eles e velos disfrutar xuntos/as é moi satisfactorio”, concluíu o alcalde, “despiden un curso e unha etapa, que mellor maneira de facelo que divertíndose cos seus compañeiros”.

Escolares do Porriño deseñan o seu “Plan de acción para o futuro”

Un total de 183 alumnas/os de 3º e 4º da ESO dos centros de educación secundaria do Porriño participan estes días no Obradoiro sobre novas profesións “Plan de acción para o meu futuro” organizado pola concellería de Educación, que dirixe Carolina González, a través da OMIX.

A actividade de Mentoring para adolescentes ten como obxectivo ensinar ás/os mozas/os a tomar boas decisión sobre o seu futuro, nun momento clave da súa etapa formativa no que teñen que elexir entre moitas opcións de desenvolvemento profesional.

“Neste obradoiro traballan no seu proceso de autocoñecemento para que detectar as súas fortalezas e intereses”, explicou a concelleira, “Tamén descubrirán novas profesións que nin siquera existían fai uns anos e o papel que da tecnoloxía e a dixitalización nelas, ademais de coñecer como estudiar e traballar en Galicia”.

Gofre, Trece e Fox, mestres de empatía nas aulas do Porriño

Escolares do Porriño participan este mes nunha actividade nos obradoiros sobre educación en valores asistidos por cans de terapia organizados pola concellería de Educación a través da OMIX.

O obxectivo xeral desta actividade, na que participarán preto de 400 escolares de infantil e primaria e usuarios/as do centro de día de Aceesca, é trasladar os beneficios que achegan os animais ás contornas escolares, coa finalidade de traballar de forma transversal a educación en valores e o coidado responsable de mascotas, con obradoiros específicos orientados a este fin.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, acudiron hoxe á primeira quenda destes obradoiros no CEIP Xosé Fernández López, para compartir cos escolares e con Gofre, Trece e Fox, os tres cans participantes, esta experiencia de concienciación e mellora da convivencia.

“Nestes obradoiros abórdanse, entre outras cuestións, a educación en positivo, o acoso escolar e os contratempos derivados de problemas de conduta, empregando os cans como modelo”, explicou a edil, “Ademais, a metodoloxía é sempre activa, participativa, lúdica e integradora, conseguindo que os pequenos/as aprendan mentres se divirten”.

A actividade divídese en dúas partes. Unha primeira centrada na educación en valores que se levará a cabo en horario escolar, dirixida ao alumnado de educación infantil e primaria e na que participarán 322 nenos e nenas dos colexios CEIP  Antonio Palacios, CEIP Atios, CEIP Cruz Budiño, CI Mosende, CEIP Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CPR Hermanos Quiroga e CPR Santo Tomás.

A segunda, uns obradoiros de educación asistida con cans de terapia que  se  desenvolverase cada martes dos meses de marzo, abril e maio e na que participarán ao redor de 50 alumnos/as NEAE e usuarios/as do centro de día de Aceesca.

“A empatía ten catro patas, isto é algo que todos sabemos”, concluíu o rexedor, “Os animais son os mellores mestres para traballar cos nenos e nenas valores como a solidariedade, o compañeirismo, o respecto, a aceptación das diferenzas, a integración, autoestima e a igualdade, así como os hábitos de hixiene e alimentación saudable. Proba disto é ver o seu entusiasmo e implicación, divírtense e aprenden”.