O Porriño creará un gran corredor verde no centro da vila

 

O Concello do Porriño vén de presentar un novo proxecto co obxectivo de mitigar os efectos adversos do cambio climático e favorecer a adaptación da cidadanía aos novos escenarios ambientais. Son dúas as actuacións contempladas consistentes na adecuación de dous espazos públicos urbanos en zonas verdes con sombra, una delas na Avenida de Galicia e outra na rúa Ramón González, que abrangue a zona peonil do centro da vila.

Para elo instalaríanse un total de 16 grandes xardineiras equipadas con árbores autóctonas de gran porte entre as que se inclúen oliveiras de máis de 30 anos de antigüidade e outras especies vexetais (calibrachoa, salvias de tipo rosmarinus -romero rasteiro- e juníperos horizontais) con fins ornamentais e de mellora ambiental, proporcionando sombra para mitigar o efecto illa de calor urbana.

A ausencia de espazos naturais en contornas densamente urbanizadas supón un impacto directo na calidade de vida da poboación, xerando ambientes pouco saudables e limitando as posibilidades de lecer ao aire libre. “A creación de infraestruturas verdes como as que proxectamos non só melloran a calidade ambiental, senón que favorecen a conexión e a continuidade dos espazos, creando unha rede que impulsa a mobilidade sostible e a interacción social. Ademais, a dispoñibilidade de zonas verdes e elementos de sombra contribúe á regulación térmica, á mellora da calidade do aire, á redución da contaminación acústica e á xeración dunha contorna máis habitable”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

Na rúa Ramón González instalaríanse unha decena de xardineiras de tres tipoloxías: tres de forma circular, de 2 metros de diámetro e 60 centímetros de altura; catro de forma elíptica, con eixes de 4 e 2 metros e altura de 70 cm, elaboradas en granito Rosa Porriño; todas elas terán integrados en todo o seu perímetro bancos para poder desfrutar da sombra das plantacións que nelas se leve a cabo; e outras tres grandes xardineiras con paredes curvas, de medidas exteriores 1,5 por 1,5 metros e altura de 1,60 metros. O custe desta actuación ascende a 128.214,83  euros.

De igual maneira, levarase a cabo unha intervención completa na Avenida de Galicia coa instalación de dúas xardineiras con medidas de 14,70 x 2,60 x 0,90 metros e outras catro de 10,40 x 2,20 x 0,90 metros, elaboradas tamén en granito Rosa Porriño e con bancos integrados. O orzamento deste proxecto é de 127.470,86 euros.

Ámbalas dúas sendas verdes quedarán interconectadas no Parque do Cristo, mellorando non só a conectividade ecolóxica entre diferentes espazos naturais urbanos, senón que tamén incentivará a mobilidade peonil e o uso do transporte non motorizado, reducindo a pegada de carbono na zona.

Impacto no medio ambiente e na calidade de vida da veciñanza

Para a posta en marcha destas obras, o Concello do Porriño vén de solicitar unha subvención de 120.000 euros a Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático dentro do programa Galicia Refuxio Climático para sufragar o seu custo. “A execución destes proxectos terá, sen dúbida, un impacto moi significativo no medio ambiente e na calidade de vida da veciñanza”, subliña a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Antía Carrera. A fai referencia á mitigación do efecto illa de calor, pois “a creación de zonas verdes con sombra permitirá reducir a temperatura ambiental local, mellorando a calidade do aire e o confort térmico dos usuarios, o que contribuirá á prevención de riscos relacionados coas altas temperaturas estivais”;  ao incremento da biodiversidade urbana, e “é que a plantación de especies vexetais autóctonas e adaptadas ao cambio climático incrementará a biodiversidade local, fomentando un ecosistema máis resiliente”; ao fomento da mobilidade sostible e á creación de espazos públicos saudables e inclusivos.

 

O Porriño presenta a súa candidatura ao Plan de Actuación Integrado (PAI) para optar aos fondos FEDER de desenvolvemento urbano sostible

 

  • Un investimento de 15 millóns de euros que permitirá transformar O Porriño cara a un modelo urbano máis sostible e inclusivo
  • A integración de Torneiros co centro de O Porriño será unha realidade grazas a unha mellor mobilidade, conexións máis eficientes e espazos urbanos que favorezan unha vila máis cohesionada e accesible para todos.

 

O Porriño deu hoxe un paso fundamental cara a un modelo de desenvolvemento urbano máis sostible e equilibrado coa presentación da súa candidatura ao Plan de Actuación Integrado (PAI), no marco da convocatoria FEDER de Desenvolvemento Urbano Sostible promovida polo Ministerio de Facenda. O acto tivo lugar na Casa Consistorial e contou coa presenza do alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, quen subliñou a importancia estratéxica deste proxecto para o municipio.

“O Porriño ten unha oportunidade única para transformar e integrar de xeito sostible os seus espazos urbanos, reducindo desigualdades e fomentando a inclusión social e económica. Con esta candidatura, aspiramos a obter un financiamento de 15 millóns de euros que nos permitirá desenvolver iniciativas clave para mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía”, declarou o rexedor.

O PAI de O Porriño estrutúrase en tres eixos fundamentais: a mellora da calidade urbana e ambiental, a inclusión social e a dinamización económica. Dentro deste marco, contémplase a transformación do espazo público de Torneiros, mellorando a seguridade e accesibilidade, soterrando a liña de alta tensión, potenciando a mobilidade sostible e creando eixes verdes. Tamén inclúe a mellora do Centro Multiusos de Torneiros e a implementación dun programa de Formación Dual en colaboración coas empresas locais, ademais da creación dunha Aula Virtual para a inclusión dixital.

O proxecto contempla ademais a implantación dunha liña de transporte eléctrico municipal, a creación dunha app para a xestión do transporte público e a mellora da conectividade peonil entre Torneiros e O Porriño. En termos de resiliencia ambiental, prevese a creación de espazos naturais multifuncionais para a redución da vulnerabilidade fronte a inundacións, así como a recuperación do patrimonio etnográfico do río Louro.

A dinamización cultural tamén é unha prioridade, polo que se propón a ampliación do Auditorio Municipal, a creación dunha nova sala de lectura e espazo TIC, a mellora dos espazos culturais e a adaptación da Rúa José Fernández López para fomentar a mobilidade peonil.

O investimento total destas actuacións ascende a 15 millóns de euros. “Con esta proposta, O Porriño aposta por un futuro sostible, moderno e inclusivo, garantindo unha mellor calidade de vida para todos os seus habitantes”, concluíu o alcalde.

A candidatura está agora en mans do Ministerio de Facenda, que avaliará os proxectos presentados para decidir a asignación dos fondos FEDER. O goberno municipal confía en que a iniciativa de O Porriño sexa seleccionada, permitindo a execución dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible que marque un antes e un despois no municipio.

Ampliamos o horario de atención para atender os requerimentos de limpeza de fincas

Ampliamos o horario de atención para informar sobre os requerimentos de obrigatoriedade de limpeza das fincas e tramitar os seguintes formularios :

  • solicitude de ampliación do prazo requerido
  • inexistencia de masa a xestionar
  • non titularidade da propiedade

Atención presencial no Concello do Porriño en horario de mañá e tarde: de 9 a 14 h e de 16:30 a 19:30 h Para acudir en horario de tarde é preciso pedir cita nos teléfonos 649 897 084 / 686 734 630

Tamén se desprazará persoal ás parroquias en horario de 9 a 14 h: Centro Cultural de Mosende (mércores 8 de xaneiro), Sede da Entidade Local de Chenlo (xoves 9 de xaneiro), CC A Forna de Budiño (venres 10 de xaneiro), CC de Atios (luns 13 de xaneiro), CC San Salvador de Torneiros (martes 14 de xaneiro) e CC de Cans (mércores 15 de xaneiro). 

O Porriño aposta pola xestión ética das colonias felinas co seu primeiro protocolo de actuación

O Concello de Porriño deu un paso histórico ao licitar por primeira vez o servizo de captura, esterilización e solta (CES) de gatos nas colonias felinas do municipio. O contrato, adxudicado á asociación protectora de animais INMA por un importe superior aos 23.000 euros, ten como obxectivo garantir o benestar destes animais e o control da súa poboación, aliñándose coa lexislación vixente e promovendo unha xestión ética e responsable das colonias.

O servizo licitado inclúe unha serie de medidas fundamentais para o manexo adecuado dos gatiños da rúa. Entre elas, destácanse a atención veterinaria integral, que abarca desparasitación, vacinación, e microchipeado; a captura e a súa posterior liberación no seu lugar de orixe ou, no seu caso, a súa entrega en adopción.

O método CES implementarase coa intención de controlar a poboación de gatos e mellorar as súas condicións de vida. O procedemento realizarase co máximo respecto cara aos animais, empregando gaiolas trampa baixo supervisión para evitar o estrés dos felinos. Todos os animais capturados serán avaliados por veterinarios antes de ser esterilizados e marcados para facilitar a súa identificación e seguimento.

Ademais, o pasado pleno municipal aprobou o primeiro protocolo de control de colonias felinas, que regulará a inscrición de novas colonias, o rexistro de voluntarios, e os procedementos para a adopción de gatos. Este protocolo ten como finalidade mellorar a calidade de vida dos felinos e  fomentar a concienciación sobre a importancia da esterilización e a adopción.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño quere reforzar o seu compromiso co benestar animal e coa colaboración de colectivos e voluntarios, quen serán clave na xestión das colonias e o desenvolvemento das accións establecidas no protocolo.

“O noso principal obxectivo é garantir o benestar animal e controlar a poboación de gatos rueiros, que poidan convivir connosco sen molestias e en boas condicións sanitarias”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, “pero tamén queremos fomentar a concienciación e colaboración da sociedade en xeral, que se impliquen e coñezan a importancia de coidalos”.

No mesmo sentido expresouse o alcalde, Alejandro Lorenzo, “en definitiva o que buscamos é implementar unha xestión responsable das nosas colonias felinas e promover un modelo de convivencia harmónica entre os animais e a veciñanza. Porque O Porriño somos todos”

 

 

Retomamos a restauración ambiental do río Couso

Retomamos xunto con Verdegaia os traballos realizados o ano pasado encamiñados a recuperar o estado natural do treito final do río Couso, tamén coñecido como Fonteliño, mesmo ao carón do paseo do Louro no Porriño.

Ao longo de tres xornadas, 4 de maio, 1 de xuño e 15 de xuño, recollerase o lixo acumulado, eliminaranse algunhas especies invasoras e acompañarase o crecemento das arboriñas que plantaron durante o inverno.

Esta actividade procura tamén, ademais do impacto directo sobre o medio, visibilizar as intervencións de restauración de espazos naturais, que moitas veces se realizan en zonas afastadas e non se observan por parte do público. Programandoa nunha zona que moitas persoas de toda a comarca utilizan para pasear e facer deporte demostraremos como a recuperación de espazos naturais moitas veces é posible contando simplemento co traballo voluntario e comunitario dos propios veciños.

A actividade constará de tres xornadas, todas elas en horario de 11 a 13 h, os sábados 4 de maio, 1 de xuño e 15 de xuño. Nas mesmas, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiranse luvas e ferramentas entre as persoas participantes para proceder á retirada do lixo e de especies invasoras que impiden o crecemento das especies autóctonas.

A inscrición é gratuíta e pode formalizarse a través do email omix@oporrino.org ou chamando ao 691 657 039. O punto de encontro será como sempre na rúa Leandro DIz, número 5 (ao lado do paso inferior da liña do tren).