O Goberno local ven de rematar o arranxo de varios parques infantís da vila, que en moitos casos “non se tocaran en anos”, e que xa están en funcionamento ou, coma o caso do parque da Praza do Cristo, poderán usarse dende esta mesma semana, logo de facer importantes melloras en todos eles.
A Concellería de Parques e Xardíns, que dirixe Orlando Márquez, renovou totalmente o Parque da Urbanización do Sol, no que se arranxaron todos os bambáns, colocouse un para persoas con diversidade funcional e colocouse o chan de caucho, facendo un investimento de 21.777€.
Tamén está acabado o do Campo da Feira, que “ven de recuperarse totalmente”, coma indica o concelleiro, logo de contar cun orzamento de 4.173€; o mesmo sucedeu co Parque Lamazares, detrás de Correos, no que se cambiaron os seus elementos investindo 4.655€.
Igualmente, están xa reformados os de San Diego, no que ademais colocouse un chan de caucho continuo, logo de facer unha inversión de 1.952€ e o de Torneiros no que, cun investimento de 9.181€, ademais dos distintos xogos, se arranxaron os bancos, as varandas, o valado de madeira e adaptouse para persoas con diversidade funcional.
Por último, a metade desta semana que ven, as cativas e cativos poderán xogar de novo no Parque do Cristo logo dunha reforma que abrangueu a reparación dos compoñentes do mesmo- tobogán, balancín ou a torre- a substitución do chan por un novo de caucho que evita que os pequenos poidan mancarse, a colocación dun bambán para persoas con diversidade funcional e a eliminación de calquera elemento que represente un risco para nenos. En total o orzamento para este traballo superou os 30.300€.
Orlando Márquez subliña que “logo de que se publique no Boletín Oficial do Estado a lei de Orzamentos Xerais do Estado, o Goberno local levará ao Pleno da Corporación a proposta para arranxar outros seis parques, os de Orbenlle, e A Forna, en Budiño e o do Centro Social de Atios, os dos centros sociais de Pontellas e Mosende e o de Pío XII”.
Márquez lembra que ata o dagora, o Ministerio de Facenda non autoriza aos concellos con superávit, como é o do Porriño, a destinar partidas a gastos coma estes e confía en que tal situación quede solucionada nos Presupostos do Estado para este ano o cal posibilitaría que se rematase a mellora de todos os parques do Porriño.

Nas mesmas estase a completar o desborde dos camiños, corte de maleza, retirada de silvas, saneamento de pontes e sendas, corte de herbas, roza, poda de árbores, mellora dos xardíns, arranxo de parques, aviado de pistas e beiravías ou colocación e baldeado de colectores do lixo.
Dentro deses traballos completouse a limpeza de beirarrúas, escaleiras e prazas de Torneiros con maquinaria a presión e chegando a puntos que, subliña a alcaldesa “non se limparan nunca en máis dunha década” e que presentaba un aspecto “lamentable e descoidado e que, maila as constantes queixas dos veciños, nunca se adecentaran”.
García de la Torre subliña que estes traballos seguirán por todas as parroquias, sumaranse aos realizados en diferentes partes da vila, nos que se completan “a diario” labores de desborde, baldeo, corte de céspede, retirada de lixo e moblaxe e varrido.
Así mesmo, axiña estará rematada xa a recuperación e reforma da práctica totalidade dos parques infantís do Porriño, coma os da Praza do Cristo, Centro Social de Atios, os de Orbenlle, e A Forna, na parroquia de Budiño, os dos centros sociais de Mosende e Pontellas, o de Torneiros, o da rúa Pío XII ou o do Matadeiro, varios dos cales xa están listos para o gozo dos cativos e, nalgúns casos, de maiores, posto que incorporan compoñentes biosaudabeis-como timóns, andadores, volantes ou barras paralelas-, e elementos para persoas con diversidade funcional.