O alcalde do Porriño presenta o balance de 2025: “Un ano histórico de saneamento, crecemento económico e investimento en calidade de vida”

  • Un concello saneado e uns Orzamentos 2026 pensados para reforzar a capacidade de investimento
  • Novo complexo deportivo, escolas infantís e ampliación do entorno do auditorio entre os proxectos clave

O Porriño, 29 de ecembro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe o balance do ano 2025 nun almorzo informativo cos medios de comunicación, no que destacou un exercicio “histórico, marcado polo saneamento das contas municipais, o dinamismo económico e unha clara aposta por mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Un concello saneado e unha xestión económica rigorosa

Un dos principais fitos do ano foi a consolidación da situación económica e financeira do Concello. Lorenzo explicou que 2025 supuxo un punto de inflexión ao acadarse, por primeira vez, saldo cero na conta 413, correspondente ás facturas pendentes de pagamento por gastos realizados fóra de orzamento ou sen contrato algún, xa que as únicas existentes eran de gobernos anteriores.

Neste proceso de saneamento económico, o Concello partía dunha débeda acumulada de 5.496.979,19 euros en decembro de 2021, que se reduciu ata un saldo de 33.680,97 euros a finais de 2024, quedando totalmente liquidada ao longo de 2025. Este resultado foi posible grazas a unha revisión individualizada de centos de facturas, que permitiu a devolución de máis de 2 millóns de euros en facturas irregulares, duplicadas ou sen contrato, así como a obtención de sentenzas xudiciais favorables que evitaron pagamentos indebidos por importe de 853.648,86 euros.

Na actualidade, a única débeda vixente do Concello corresponde a un préstamo estatal por un importe aproximado de 3 millóns de euros  destinado ao pagamento de facturas herdadas anteriores a 2022.

Neste contexto, o alcalde avanzou que o Concello está a traballar na elaboración dos Orzamentos Municipais de 2026, unhas contas especialmente relevantes ao elaborarse nun escenario de estabilidade financeira tras o proceso de saneamento. Lorenzo explicou que o actual préstamo procedente do Mecanismo de Pago a Proveedores (MPP) está a limitar a capacidade de investimento municipal, polo que o Goberno local estuda distintas opcións financeiras para reforzar a marxe de actuación económica do Concello e afrontar os vindeiros exercicios con maior axilidade, sempre desde a prudencia e o rigor económico.

Crecemento económico e actividade empresarial

No ámbito económico, o alcalde puxo en valor o peso do Porriño como un dos concellos con maior actividade de Galicia, cun PIB superior aos 1.240 millóns de euros, un crecemento anual do 6,6 % e unha industria que representa máis do 50 % da riqueza xerada. “Estes datos reflicten un Porriño dinámico, con máis de 2.200 empresas, emprego e capacidade para atraer investimento”, sinalou Lorenzo.

Vivenda, urbanismo e transformación das parroquias e barrios

En materia de vivenda, o rexedor destacou o avance do proxecto para a construción de 300 novas vivendas, das cales o 80 % serán protexidas, en colaboración coa Xunta de Galicia, e outras 40 a maiores a través da cesión dunha parcela municipal. A actividade urbanística mantívose tamén nun nivel elevado ao longo de 2025, cun incremento superior ao 10 % no número de licenzas respecto de exercicios anteriores.

Neste contexto, Lorenzo salientou a rexeneración integral de Torneiros, cun investimento próximo aos 2,75 millóns de euros, que permitirá mellorar servizos, accesibilidade, espazos públicos e zonas verdes, transformando de maneira significativa este ámbito do municipio.

Saneamento, servizos e cohesión social

Outro dos eixos fundamentais do balance foi o saneamento, cun investimento acumulado desde 2022 de case 5 millóns de euros e coa creación este ano dunha Concellería específica de Saneamento. “O saneamento deixou de ser unha actuación puntual para converterse nunha política estruturada, con planificación, recursos e atención directa ás parroquias”, afirmou o alcalde.

Lorenzo explicou que, partindo dos máis de 16 millóns de euros inicialmente necesarios, e tendo en conta a actualización de prezos, o xa executado, o que se está a realizar e o pendente de licitar, a inversión que resta para acadar o 100 % do saneamento elévase a 11.899.632,68 euros. Para facer fronte a este reto, o Concello prevé solicitar unha operación de crédito específica que permita completar os investimentos pendentes, traballando tamén en axudas doutras administracións.

“Este goberno local ten claro que o acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción. Por iso, investiranse eses case 12 millóns de euros que aínda son necesarios para completar a cobertura en todas as parroquias”, subliñou o rexedor.

No ámbito social, o alcalde destacou o apoio ao tecido asociativo do Porriño, con colaboracións coas asociacións culturais e veciñais, comisións de festas, ANPAS, clubs deportivos, así como co comercio local e a hostalaría. Neste sentido, precisou que o Concello colabora economicamente con todas estas asociacións mediante achegas nominativas anuais que superan os 500.000 euros, garantindo a continuidade e calidade das actividades en cada parroquia.

Emprego e formación

Durante 2025, os programas municipais de emprego e formación permitiron que 384 persoas accederan a polo menos un contrato laboral, incluíndo 92 contratacións directas municipais. Ademais, impartíronse 7.150 horas de formación, realizáronse 1.773 sesións de orientación laboral e acadouse unha taxa de inserción laboral do 82 % no Programa Integrado de Emprego. A Bolsa de Emprego Municipal conta actualmente con 7.130 persoas inscritas, consolidándose como unha ferramenta clave para a intermediación laboral.

Poboación e educación

O balance demográfico confirma unha tendencia positiva: o Porriño pasou de 16.997 habitantes en 2005 a 20.995 en 2024, segundo o Padrón Municipal, cunha poboación composta por un 51 % de mulleres e un 49 % de homes. Ao longo de 2025, rexistráronse 115 nacementos no municipio. “Medrar en poboación e manter datos positivos de natalidade é un reflexo de que o Porriño ofrece oportunidades, servizos e calidade de vida”, sinalou Lorenzo.

O alcalde destacou tamén a evolución da UNED do Porriño, que duplicou matrículas, ampliou a súa oferta académica e consolídase como referente comarcal.

Proxectos estratéxicos para 2026

De cara a 2026, Alejandro Lorenzo avanzou varios proxectos clave que permitirán seguir mellorando os servizos e os espazos públicos do municipio. Entre eles, destacou a apertura das escolas infantís de Budiño e Pontellas, un proxecto estratéxico para a conciliación das familias, e tamén o Centro de Día en Atios. 

No ámbito cultural e urbano, o alcalde anunciou a ampliación do entorno do futuro auditorio municipal, cun anfiteatro que contará cun espazo propio de cafetería e restaurante ao aire libre, configurando unha nova área de encontro, lecer e actividade cultural.

No eido deportivo, avanzou o desenvolvemento de novas pistas deportivas infantís e a creación dun novo complexo deportivo nun terreo municipal de arredor de 3.000 metros cadrados, a través dunha cesión dunha urbanización que se está a facer na rúa Antonio Palacios, que levará o nome do adestrador  do Celta porriñés Claudio Giráldez, pensado para o deporte base e a mocidade.

O alcalde concluíu sinalando tamén a importancia do apoio doutras administracións, destacando as axudas da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, especialmente en materia de estradas autonómicas e provinciais, así como na execución de escolas infantís, que resultan fundamentais para facer realidade moitos dos proxectos desenvolvidos ao longo do ano.

“O balance de 2025 e os proxectos previstos para 2026 demostran que o Porriño avanza con paso firme, cun concello saneado, máis actividade económica e unha clara aposta polo futuro”, concluíu Lorenzo.

O Concello e Apetamcor reforzan a colaboración para impulsar o transporte e a actividade loxística no municipio

 

  • O alcalde Alejandro Lorenzo reúnese coa directiva da asociación para abrir unha canle de diálogo e avaliar posibles necesidades e oportunidades comúns, destacando o papel estratéxico do Porriño e a vontade municipal de apoiar a un sector clave para a economía

O Porriño, 29 de novembro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Industria, Carlos Martínez, mantiveron unha reunión de traballo coa dirección da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), para analizar a realidade actual do sector e posibles vías de colaboración entre ambas entidades.

Durante o encontro, Apetamcor, a través da súa directora xeral, Natalia Blanco; do director provincial, Javier Carrascal, e do técnico de PRL, Isaac Araújo expuxo ao alcalde e ao concelleiro a situación dun sector composto maioritariamente por pequenas e medianas empresas e autónomos cunha crecente carga normativa e con necesidades específicas de apoio, formación e adaptación aos cambios europeos. A entidade, que leva 30 anos en funcionamento, é a máis representativa de Galicia, con 1.600 empresas asociadas e máis de 7.000 vehículos, e desenvolve un intenso labor de negociación, servizos e optimización de custos para as empresas.

A súa sede no Porriño, unha das máis recentes en Galicia, experimenta un forte crecemento, con máis de 500 empresas e arredor de 3.000 vehículos asociados, converténdose xa nun dos principais centros da organización. O municipio é tamén un punto clave na formación vinculada ao transporte: 1.500 dos máis de 4.000 alumnos anuais de APETAMCOR en Galicia fórmanse no Porriño.

Alejandro Lorenzo destacou a vontade municipal de acompañar ao sector, “O Porriño é un dos principais centros industriais e loxísticos de toda Galicia, un punto estratéxico no sur da Comunidade en conexión co país veciño. Para nós é fundamental manter un diálogo constante con entidades como Apetamcor, que representan a numerosas empresas e profesionais que forman parte do tecido económico do noso municipio. Queremos escoitar as súas necesidades e estudiar xuntos proxectos que poidan beneficiar ao sector e tamén ao Porriño”

Pola súa parte, dende a asociación explicaron que están a analizar diferentes liñas de traballo relacionadas coa profesionalización, a mellora da seguridade e os servizos de apoio ao transportista. Trátase de proxectos en estudo, sen decisións tomadas nin compromisos confirmados, polo que a entidade pediu ao Concello manter unha canle de comunicación permanente para valorar posibilidades de colaboración futura. “Queremos compartir a realidade do sector, explicar cara onde se dirixe a normativa europea e analizar, xunto ao Concello, posibles vías de colaboración que poidan ser positivas para O Porriño e para o transporte galego. O diálogo institucional é esencial neste momento de cambios profundos”, sinalaron.

Neste sentido expresouse tamén o alcalde, “este tipo de reunións permítennos anticiparnos, entender mellor a realidade dun sector esencial e identificar oportunidades comúns. O Concello está aberto a colaborar e a favorecer que O Porriño siga sendo un referente loxístico e de formación en Galicia”, asegurou.

Ambas partes coincidiron na importancia de continuar con esta comunicación para analizar cuestións necesidades reais do transporte, encaixe territorial ou urbanístico de posibles proxectos, oportunidades de traballo conxunto e vías de colaboración que poidan ser beneficiosas tanto para as empresas como para o municipio.

Alcalde e concelleiro agradeceron aos directivos de Apetamcor esta xuntanza e amosaron a súa disposición a seguir ampliando liñas de cooperación que contribúan ao fortalecemento do sector do transporte e ao desenvolvemento económico do municipio.

 

Novo impulso para o crecemento industrial no Porriño

 

  • O alcalde Alejandro Lorenzo acompañou ao director da Axencia Galega de Industria Forestal Alfredo Fernández na visita á nova nave da empresa Sumelga no polígono da Granxa
  • Dende a entidade agradecen a implicación e o apoio da Xunta e do Concello para levar a cabo esta ampliación

O Porriño, 28 de novembro de 2025.- O Porriño apoia o crecemento empresarial. O alcalde Alejandro Lorenzo acompañou esta mañá ao director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, nunha visita ás instalacións da empresa Sumelga, dedicada á distribución e almacenaxe de material eléctrico, que vén de ampliar a súa superficie coa construción dunha nova nave de apoio á principal, situada no polígono da Granxa, grazas a unhas subvención da Xunta de Galicia

Fundada no ano 2001, Sumelga consolidouse como unha compañía de referencia en Galicia grazas ao seu equipo humano especializado e a un servizo integral que lle permite ofrecer respostas personalizadas ao sector industrial. A nova nave, de 500 metros cadrados e con estrutura de madeira, está destinada ao almacenaxe de material eléctrico e automatización, coa finalidade de reforzar a capacidade loxística da empresa.

Para levar a cabo esta expansión, Sumelga foi beneficiaria da última convocatoria das axudas Xera-Madeira, que promove o Goberno galego para impulsar a utilización da madeira como elemento estrutural no eido da construción. Os seus propietarios, Javier Sousa e Enrique Besada, agradeceron tanto o apoio da Xunta de Galicia, a través da cal recibiron unha achega para a redacción do proxecto e a execución da nave, como a colaboración do Concello do Porriño que, segundo indicaron, resultou esencial pola axilización dos trámites de licenza necesarios para cumprir os prazos previstos na subvención.

Actualmente, a empresa conta cun cadro de persoal de 36 traballadores, e esta ampliación permitirá tamén aumentar o emprego no municipio nos próximos meses.

O alcalde destacou que “Sumelga é un exemplo de como a colaboración entre administracións e empresas permite xerar riqueza e emprego no noso concello. Desde o Concello do Porriño traballamos para facilitar e axilizar os trámites ás compañías que queren investir e medrar aquí, porque cada nova nave, cada ampliación e cada posto de traballo consolidado contribúe a fortalecer o noso tecido industrial e o futuro económico do noso municipio”.

A expansión empresarial no Porriño reflicte o compromiso do Concello en promover o desenvolvemento económico e o emprego no municipio. Proxectos como este sitúan ao Porriño como un referente de crecemento industrial na provincia e tamén en Galicia.

O Concello impulsa a modernización dos seus polígonos industriais con dúas actuacións por importe de 300.000 euros

  • O Concello recibiu as dúas axudas solicitadas á Consellería de Economía e Industria, que permitirán mellorar as infraestruturas e reforzar a seguridade viaria nestas zonas
  • O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitaron os traballos que deron comezo esta semana en As Gándaras e para a vindeira farano en A Granxa

O Porriño, 29 de outubro de 2025.– O Concello do Porriño iniciou esta semana as obras de mellora de infraestruturas no Polígono das Gándaras, un dos dous proxectos aos que a Xunta de Galicia concedeu subvención ao abeiro da liña de axudas da Consellería de Economía e Industria destinada á modernización dos parques empresariais galegos.

O municipio recibiu a totalidade das axudas solicitadas, por un importe conxunto de 300.000 euros (150.000 euros por proxecto), que permitirán executar tamén as actuacións de mellora da seguridade viaria no Polígono de A Granxa, cuxo inicio está previsto para a vindeira semana.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado dos concelleiros Ramón Porto e Carlos González, desprazáronse ata o Polígono das Gándaras para coñecer de primeira man o avance dos traballos, que inclúen a renovación de pavimentos, mellora da iluminación e adecuación de zonas comúns e accesos.

Lorenzo salientou que “estas actuacións son unha mostra máis do compromiso do Concello coa modernización e competitividade do noso tecido industrial, motor económico da comarca e de Galicia”. Engadiu ademais que “gracias á colaboración coa Xunta e ao esforzo conxunto coas asociacións empresariais, seguimos avanzando na mellora dos nosos polígonos, que contan con máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial e máis de 2.200 empresas asentadas”.

O alcalde destacou “a importancia de continuar investindo en infraestruturas de calidade que garantan a seguridade e faciliten o desenvolvemento da actividade empresarial”, asegurando que as actuacións previstas “mellorarán significativamente o día a día de traballadores e empresas”. Con todo, estas obras non son únicas nin puntuais, senón que se enmarcan nunha liña de traballo continuo que o Concello do Porriño vén desenvolvendo para dar resposta ás demandas do tecido empresarial e mellorar as infraestruturas municipais. Dende o goberno local trabállase a diario para manter e acondicionar estes espazos, atendendo ás necesidades que xorden e garantindo que os polígonos industriais do municipio continúen a ser un referente en calidade e servizos.

Lonza consolídase no Porriño coa ampliación da zona loxística de última xeración e reafirma o seu compromiso coa innovación e o emprego

  • O alcalde Alejandro Lorenzo acompañou hoxe ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nunha visita ás instalacións da multinacional biofarmacéutica no Porriño, única en España

O Porriño, 24 de outubro de 2025.-  O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou hoxe “a excelente nova que supón para o noso concello que unha multinacional de referencia como Lonza siga apostando por medrar e consolidarse no Porriño”, durante a visita que realizou ás instalacións acompañando ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e na tamén estiveron a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o concelleiro de Industria, Carlos Martínez e, por parte da empresa, o director de Lonza Porriño, Fernando Rodríguez

Lonza, multinacional biofarmacéutica con sede en Suíza e presenza nos cinco continentes, ampliará as súas instalacións no Porriño, a única en España, con 2.000 metros cadrados máis destinados a zona loxística, dotada con sistemas de alta tecnoloxía que permiten mellorar a eficiencia operativa e optimizar o almacenamento e transporte seguro dos produtos biolóxicos. “Esta ampliación non só reforza a competitividade e a excelencia de Lonza, senón que reafirma o seu compromiso coa innovación e co futuro”, subliñou Lorenzo.

O rexedor lembrou que “Lonza non é só un referente internacional no ámbito biofarmacéutico, é tamén un motor de emprego e desenvolvemento para a nosa vila”. Actualmente, máis de 540 profesionais traballan na planta do Porriño, que conta cunha superficie de 35.000 metros cadrados e na que nos últimos cinco anos investíronse 60 millóns de euros.

Lonza Porriño é hoxe un centro clave na fabricación das terapias do futuro, especializado na produción de cultivos celulares de mamíferos, anticorpos monoclonais e proteínas terapéuticas. A planta é un referente no escalado industrial e na fabricación de novos tratamentos contra o cancro, así como contra enfermidades raras e autoinmunes.

“Desde o Concello do Porriño seguiremos traballando da man das empresas que apostan polo noso territorio, como Lonza, creando as condicións necesarias para que poidan seguir crecendo, xerando riqueza e contribuíndo ao progreso común”, asegurou o alcalde, que agradeceu tamén “a presenza e o apoio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que con esta visita amosa o compromiso do Goberno galego coa industria estratéxica e co desenvolvemento empresarial no sur de Galicia”.

O Porriño acolle o único centro de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos en Galicia

  • O alcalde, Alejandro Lorenzo e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá, no polígono de Cataboi, Revertia, empresa referente na economía circular, coincidindo coa celebración do Día Mundial dos RAEE

O Porriño, 16 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou esta mañá nunha visita institucional á empresa Revertia, situada no polígono industrial de Cataboi, no Porriño, acompañando á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. O rexedor coñeceu de primeira man o labor que desenvolve esta compañía, que constitúe o único centro de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) en Galicia.

Durante a visita, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia de contar cun proxecto coma este no municipio, “no Porriño apostamos pola economía circular e polo desenvolvemento sostible, e empresas como Revertia son un exemplo de innovación e compromiso co medio ambiente. É un orgullo que o único centro destas características en Galicia estea aquí, xerando emprego de calidade e impulsando unha transición ecolóxica real dende o noso territorio”, sinalou.

A visita enmárcase na celebración esta semana do Día Mundial dos RAEE, unha efeméride que busca concienciar sobre a importancia da correcta xestión deste tipo de residuos e o seu potencial de reutilización. Durante a mesma, salientouse que a xestión sostible dos residuos eléctricos e electrónicos ofrece unha oportunidade de negocio e emprego verde para as empresas galegas, exemplo diso é Revertia e así se constata cos datos aportados polo seu director, Alejandro Lajo. “En Revertia somos o primeiro chanzo da cadea dentro da xerarquía da xestión de residuos, non nos esquezamos que reciclar é a última das accións que se deben facer, pois antes hai que previr e preparar a reutilización. En 2024, movemos máis de 890 toneladas de residuos e no que levamos deste ano, a data de hoxe, son xa 1.000 toneladas. Conseguimos  a reutilización de aparatos que nalgunhas categorías son máis dun 45%, o que nos permitiu evitar a emisión de 685 toneladas de CO2 á atmosfera”.

O Concello do Porriño reafirma así o seu apoio a iniciativas que promovan a reutilización, a reciclaxe e a economía circular, contribuíndo a un futuro máis sostible e respectuoso co medio.

O alcalde destaca a traxectoria de Darlim como símbolo da forza da empresa familiar galega

  • Alejandro Lorenzo enxalza o compromiso, a continuidade xeracional e o impacto económico desta entidade durante unha visita institucional xunto á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, as súas instalacións no Polígono da Granxa

O Porriño, 3 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo hoxe en valor a traxectoria da empresa Darlim, que representa un modelo de éxito da empresa familiar galega, durante unha visita institucional as súas instalacións, no polígono da Granxa, na que acompañou á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. A compañía, con máis de 40 anos de historia, é unha das referencias do sector a nivel nacional e encarna á perfección o papel estratéxico que xogan as empresas familiares no tecido económico da nosa comunidade.

“Darlim é un orgullo para O Porriño, para Galicia e para todo o país. Un exemplo claro de como a empresa familiar, con compromiso, esforzo e visión de futuro, pode medrar xeración tras xeración ata converterse nunha referencia no seu sector”, sinalou Lorenzo.

Durante a visita, na que estivo presente a directiva de Darlim encabezada polo seu presidente Indalecio Cuevas, e á cal tamén asistiu o concelleiro de Industria, Carlos Martínez, o rexedor subliñou o valor engadido que supón a incorporación da cuarta xeración da familia Cuevas á fronte da empresa. “É unha mostra de continuidade, arraigo e compromiso co territorio. Unha empresa que naceu no Porriño, que creceu aquí e que segue apostando polo noso concello como centro das súas operacións”, engadiu.

Pulmón industrial e motor económico

Lorenzo definiu O Porriño como o “pulmón industrial de Galicia”, cunha concentración empresarial que achega riqueza, innovación e emprego de calidade. “Temos a sorte de contar con empresas punteiras como esta, que non só xeran emprego, senón que aplican políticas de benestar laboral que son exemplo para calquera outra compañía”, destacou.

Segundo os datos que ofreceu a conselleira, máis do 80% do emprego privado en Galicia procede da empresa familiar, e no caso galego o peso destas empresas supera o 94% do tecido empresarial, moi por enriba da media estatal.

Pola súa banda, o presidente de Darlim, Indalecio Cuevas, agradeceu a visita e reafirmou o compromiso da empresa co territorio e co futuro: “Estamos moi orgullosos do noso equipo humano, que é a clave do noso crecemento. Levar máis de 40 anos traballando e ver como a cuarta xeración toma a remuda é, sen dúbida, a nosa maior satisfacción.

 

O alcalde sostén que a expansión de Ceamsa consolida ao Porriño como referente industrial a nivel internacional

  • Alejandro Lorenzo participa nunha xornada que reuniu a 120 distribuidores chegados de medio cento de países de todo o mundo que viñeron coñecer as novas instalacións desta empresa localizada no polígono das Gándaras

O Porriño, 1 de outubro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo vén de participar esta mañá dunha xornada internacional celebrada na empresa Ceamsa (Compañía Española de Algas Marinas). 120 representantes comerciais de todo o mundo coñeceron as instalacións recentemente ampliadas desta multinacional galega que impulsa dende O Porriño produtos para o sector da alimentación e farmacéutico.

“Ceamsa é un exemplo de innovación, internacionalización e compromiso co territorio. A súa expansión confirma que O Porriño é un enclave estratéxico para a industria galega con vocación global. Dende o Concello celebramos este crecemento, é un orgullo que empresas desta dimensión sigan escollendo o noso municipio como base de operacións para chegar ao mundo enteiro”, sinalou o alcalde durante a súa visita ás instalacións, localizadas no polígono das Gándaras. Durante o recorrido, o rexedor estivo acompañado do presidente de Ceamsa, Íñigo Alzueta; a vicepresidenta, Mónica Alzueta e o director xeral, Julio Juberías.

Todas as persoas participantes da xornada de hoxe son distribuidores de Ceamsa chegadas de medio cento de países como EE.UU., Sudáfrica, México, Brasil, India ou China. A ampliación da superficie supón  unha aposta polo concello porriñés como punto de partida para chegar ao resto do planeta, pasando de 40.000 a 90.000 metros cadrados de superficie, destinada principalmente a almacenaxe para lograr así un maior control loxístico propio e un incremento de capacidade produtiva.

Os asistentes visitaron as instalacións centrais e participaron de sesións de traballo nos laboratorios da empresa, onde coñeceron de primeira man as últimas innovacións tecnolóxicas e de produto que está a desenvolver Ceamsa, que conta cun cadro de persoal de máis de 400 traballadores e prepara xa o seu 60 aniversario o vindeiro ano.

O Porriño inicia as obras de asfaltado de dúas rotondas no Polígono da Granxa

  • Os traballos supoñen unha inversión de 65.000 euros, financiados íntegramente polo Concello, e prolongaranse ata este mércores, 1 de outubro.

O Porriño, 29 de setembro de 2025.– Esta mañá, coincidindo coa festividade local do Luns do Cristo, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo concelleiro Ramón Porto; o presidente da Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa, Indalecio Cuevas; o presidente da Asociación de Empresarios de As Gándaras, Jorge Trigo; o secretario xeral da Federación Galega de Parques Empresariais, David Sobral e enxeñeiros municipais, visitou o inicio das obras de asfaltado de dúas rotondas no Polígono Industrial da Granxa. Con motivo destas actuacións de mellora, establécense cortes de tráfico puntuais na glorieta situada ao carón de Intersport Piñeiro e na glorieta de Inoxcenter.

O proxecto, promovido polo Concello do Porriño, ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria e a circulación en dous dos principais accesos desta área empresarial, onde o intenso tránsito de vehículos pesados deteriorou notablemente o firme nos últimos anos.

Os traballos, que rematan este mércores, consisten no fresado do pavimento actual e na posterior reposición da capa de rodadura con mestura bituminosa en quente, ademais da correspondente sinalización horizontal. O orzamento total da actuación ascende a 64.990,36 euros, financiados íntegramente polo Concello.

A escolla da data de inicio, en plena xornada festiva, responde ao compromiso municipal de minimizar as molestias ás empresas e ás persoas traballadoras do polígono. 

Durante a visita, o alcalde subliñou a importancia da obra: “Queremos que os nosos polígonos conten con infraestruturas modernas e seguras, porque son un motor económico fundamental non só para O Porriño senón para toda a comarca. Aproveitamos unha festividade local para comezar os traballos, buscando causar as menores incomodidades posibles ao tecido empresarial e á veciñanza que cada día se move por aquí”.

Con esta intervención, o Concello reforza a súa aposta por dotar os polígonos empresariais de mellores servizos e condicións, garantindo así a competitividade e o bo funcionamento dun dos espazos produtivos máis importantes de Galicia.

O Porriño convértese na capital galega do running nunha xornada festiva, deportiva e solidaria

  • A vila acolle hoxe, Día Mundial do Alzhéimer, a CAE Interrunning, o festival de música urbana SummerSon Jam, a foodtruck de “Galicia Sabe Amar” e o espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”

O Porriño, 21 de setembro de 2025.-  O Porriño viviu esta mañá unha auténtica festa do deporte coa celebración da CAE Interrunning, que reuniu a 2.000 participantes de todas as idades nas rúas do centro urbano. A proba, que combinou a XIV Interrunning e a III Carreira de Empresas de Galicia, reafirmouse como unha cita imprescindible no calendario deportivo galego, cun forte compoñente solidario en apoio á Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga, coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer, motivo polo cal tamén a casa do Concello alumearase este serán de cor verde.

A competición comezou coa tradicional Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, seguida das carreiras de 5K e 10K, que deixaron grandes momentos de emoción e esforzo. Os gañadores desta edición foron:

  • 5K masculino: Anxo Otero Amoedo
  • 5K feminino: Julia Vaquero Sousa 
  • 10K masculino: Alejandro Fernández Rivera 
  • 10K feminino: Uxía Pérez Bugarín

Tamén houbo espazo para os máis pequenos, cos tradicionais percorridos Pitufos e Chupetes, nos que participou unha ampla representación infantil nun ambiente festivo e familiar. 

O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario, destinando parte dos fondos recadados a  estas tres entidades sen ánimo de lucro. A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia. Aproveito para agradecer á organización e a todos e todas as voluntarias polo seu traballo incansable para que isto fora posible, aos participantes e a todas as persoas que se achegaron hoxe ao Porriño”.

Trala entrega de premios, celebrouse a “after run party”, aberta a todo o público, cunha combinación de música, sorteos, regalos e gastronomía, grazas á presenza da foodtruck de “Galicia Sabe Amar”, que ofreceu degustacións de peixe e marisco galego durante toda a mañá.

A actividade non remata aquí. A programación continúa ao longo do día con propostas para todos os públicos. O festival de cultura urbana SummerSon Jam ofreceu esta mañá un workshop de hip hop impartido pola recoñecida bailarina francesa Lindsay Badnes e a competición de beginners e pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar a batalla de baile da categoría advanced.  Namentres, as 19.30 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”. E o concerto de Law, enmarcado na SummerSon Jam, ás 20.30 horas poñerá o broche de ouro á xornada e a esta fin de semana festiva, antesala, da semana grande das Festas do Cristo.