Convocado para este xoves, día 27, ás 7 da tarde, o Pleno Ordinario do Concello do Porriño correspondente ao mes de xullo.

Convocado para este xoves, día 27, ás 7 da tarde, o Pleno Ordinario do Concello do Porriño correspondente ao mes de xullo.

O Concello do Porriño presentou a principios deste mes de xullo o programa de formación ‘Porriño Accede’, promovido pola Concellería de Emprego e Formación que dirixe Soledad Girón, e que é unha iniciativa que, como sinala a propia concelleira, “quere dar resposta ao desexo de combater o desemprego dende unha posición activa, apostando pola formación e coa colaboración das empresas da contorna”.
‘Porriño Accede’ abrangue un proceso de capacitación inicial, dirixido á obtención das competencias profesionais que piden as empresas, complementando as mesmas con prácticas non laborais que teñen coma previsión a empregabilidade.
Soledad Girón subliña que por medio de ‘Porriño Accede’, “proporciónase unha oportunidade real a colectivos de difícil reinserción laboral pois permite formar a persoas desempregadas en conceptos demandado polas empresas, garantindo, deste xeito, o acceso ao tecido empresarial”.
A participación das empresas artéllase grazas aos convenios de colaboración asinados pola Concellería de Emprego e Formación: neste 2017 xa se formalizaron ,ata agora, 12 convenios de colaboración nun marco de tres acciones formativas, que permitiron que 12 das 15 persoas que participaron na primeira acción empezasen a traballar. Nove delas obtiveron esta oportunidade por medio das prácticas non laborais; coa seguinte formación, foron 6 as insercións laborais e hai previsión doutras 3 no que resta do programa.
Finalmente, na última acción formativa, conqueríronse 9 insercións, tamén de 15 participantes e está previsto completar tres accións en conxunto ao longo deste ano.
Soledad Girón subliña que ‘Porriño Accede’ ten coma obxectivo esencial “xerar oportunidades para as porriñesas e porriñeses desempregados, grazas ao esforzo por atopar unha resposta ás necesidades do tecido empresarial co que conta a nosa vila”, un dos máis importantes de Galicia.
A Concellería de Vías e Obras, dirixida por Manuel Carrera, leva a cabo na Avenida Buenos Aires unha recuperación integral da mesma coa reparación de beirarrúas, a construción dunha nova na entrada do popular ‘escondidiño’ , na que anteriormente se fixera unha cesión para facilitar o seu ensanchamento, e a adaptación de todos os pasos desta avenida para mellorar a accesibilidade da mesma.
O concelleiro salienta que a obra, que rematarase no prazo de dous meses, está a cargo de traballadores contratados grazas ao ‘Plan Concellos 2017’ da Deputación de Pontevedra, e agradece a importante colaboración neste proxecto de Israel Mercader, un referente no Porriño na loita pola eliminación das barreiras arquitectónicas e a mellora da accesibilidade.
A mellora da avenida, explica Manuel Carrera, ten un orzamento, nesta primeira fase, de 20.000€, “que se asumen con fondos do propio Concello” e, engade, “cumpre coa solicitude de moitos veciños do Porriño que viñan reclamando, dende hai tempo, que se acometerán estas melloras”.
O número de parados descendeu o o mes de xuño no Porriño en 72 persoas, segundo informou este martes o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.705 desempregados anotados nas listas da oficina do Servizo Galego de Emprego.
Trátase do mellor dato de emprego dende 2009 e sitúa o paro no Porriño no 18,7% de paro amosando unha baixada que fai que o número de veciñas e veciños sen traballo se achegue aos 1.700, o cal non pasaba dende finais de 2008.
En relación co mes de xuño de 2016 o desemprego descendeu no Porriño en 314 persoas, pasando de 2.019 a 1.705 e, porcentualmente, do 23,4 ao 18,7%, preto de 4 puntos nun ano.
Dacordo coas cifras oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o desemprego no Porriño reduciuse de 2.139 persoas en xuño de 2015 a 1.705 este mes de xuño, o que supón a creación de 434 empregos e unha caída do paro dun 5%.
A concelleira de Emprego, Soledad Girón reitera que a creación de postos de traballo segue a ser a prioridade número un do Goberno municipal e reitera que as iniciativas promovidas dende o Concello “funcionan”.
A concelleira fai referencia aos acordos con empresas para a formación de traballadores desempregados; os ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra e do investimento de fondos municipais, de preto de medio millón de euros no que vai deste ano, e o feito de buscar e promover o entendemento con outras administracións.
Neste senso, este mesmo venres, día 7 de xuño,a Concellería de Emprego organiza ‘Recursos para o acceso ao emprego’, unha xornada na que se fará unha exposición dos recursos que ofrece o Concello para a busca de emprego e daqueles acordos aos que chegou coas empresas da contorna para a execución de programas formativos.
O Multicentro de Torneiros será a sede, o vindeiro venres, día 7 de xullo, da xornada ‘Recursos para o acceso ao emprego’, organizada pola Concellería de Emprego e Formación, que dirixe Soledad Girón.
Durante a mesma-en horario de 9 da mañá a 2 da tarde- farase unha exposición dos recursos que ofrece a Concellería para a busca de emprego e dos acordos de colaboración coas empresas da contorna para a execución de programas formativos.
“O obxectivo é chegar á xente, para que cada vez sexan máis as porriñesas e os porriñeses que obteñan unha oportunidade a través da Concellería de Emprego”, indica Soledad Girón quen engade que “aproveitamos o encontro para que axentes institucionais, profesionais e especialistas no mercado laboral poidan aportar a súa visión sobre o acceso ao emprego e proporcionar ferramentas de utilidade para a toma de decisións laborais”.
Para expor todos estes puntos participarán nesta xornada poñentes de ámbito galego, como Eduardo Adán, director territorial de Nortempo en Galicia, que falará de ‘Intermediarios de Emprego, Alejandro Martínez e Teresa Ventín, conselleiros de Eures, que informarán de cómo ‘Traballar en Europa’; Pablo Búa, titular do ‘blog’ ‘Escenario Laboral’, quen sinalará qué liñas hai que seguir para ‘Mellorar a túa marca persoal na búsqueda de emprego’; Fernando Clemente, director de ‘Quick Up, quen desenrolará o tema ‘Máis información, máis emprego’; xunto a eles, a concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón,e dous técnicos que exporán, polo miudo, o Programa de Formación Municipal.
As persoas interesadas en participar nesta xornada poden facer a inscrición na mesma entrando no portal web de Porremprego, www.porremprego.org, ou ben nas oficinas de Torneiros, no Polígono III, 36410 O Porriño.
Dende este luns, día 3 de xullo, están en marcha os Campamentos de Verán organizados pola Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que fai posible que, ano tras ano sexan unha realidade.
Os mesmos, que durarán seis semanas, ata metade de agosto, son totalmente de balde para os 40 nenas e nenos que gozarán, cada unha desas semanas, dos mesmos.
O único requisito que teñen que cumprir as rapazas e rapaces, os que están xa participando dos campamentos e os que o faràn os vindeiros día-, como sucederá nos campamentos programados para 15 días no Nadal- e que deben de estar empadroados no Porriño e ter nado entre os anos 2005 e 2011.
Soledad Girón lembra que o obxectivo destes campamentos é o de “fomentar a conciliación familiar” durante os meses de lecer, “de aí que sexa a Concellería de Igualdade quen os organice”, ademais de impulsar a interacción e a integración entre todos os asistentes aos mesmos.
A concelleira salienta que durante estas semanas, as rapazas e rapaces desenrolarán diferentes actividades que terán moito que ver co respecto á natureza, coa súa conservación e coidado, impulsando acción de reciclaxe.
Así mesmo, outro dos eixos destas semanas de convivencia será unha “aposta afouta pola igualdade”: a mesma estará presente en cada unha das propostas que se leven adiante estes días nos diferentes escenarios aos que irán movéndose ás rapazas e rapaces que participan nos campamentos.
A aula de SmartPeme do Porriño organiza, ao longo do mes de xullo , distintas sesións de capacitación tecnolóxica gratuitas que terán lugar punto SmartPeme de referencia, situado no Multicentro do Concello en Torneiros.
Os obradoiros empezan o luns, día 3 de xullo, ás 7 da tarde con ‘Desenvolve a túa propia estratexia de e-mail marketing’; de seguido, o día 5, á mesma hora, ‘Redes sociais para a empresa – É Twitter a túa solución?’; seguirá o xoves 13, tamén ás 7 da tarde, ‘Google Calendar, moito máis que unha axenda’; cinco días máis tarde, o martes 18, ás 19:00 h., ‘Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais’; o xoves, día 20, tamén ás 7, ‘Comercializa os teus servizos a través das redes sociais’, e rematará o mércores 26, á mesma hora, con ‘Elixe a túa plataforma de comercio electrónico’
Para asistir ós eventos, pregámosvos que reservedes a vosa praza: para isto, tedes á vosa disposición as seguintes canles: elefónico:, chamando ao 886 20 20 20, por correo electrónico, no enderezo oporrino.smartpeme@depo.es, ou entrando na web www.smartpeme.depo.es
Centos de persoas, entre elas unha importante cantidade de alumnas e alumnos e país e nais, ademais de profesores dos concellos nos que a Consellería de Educación decidiu pechar centros educativos ou traspasar unidades dos mesmos, manifestáronse este xoves en Compostela en defensa da Educación e contra os recortes no sistemapúblico.
Entre eles estaban os representantes do CPI da Ribeira, de Torneiros, acompañados polo concelleiro Orlando Mázquez, que achegáronse a Santiago, xunto cos representantes do CPI Tomás de Lemos de Ribadavia, CPI Monte Caxado, de As Pontes, e CEIP Emilio de Navasqüés, de Outes.
Hai que lembrar que o Goberno de Galicia comunicara aos directivos do Centro Público Integrado (CPI) da Ribeira, que tomara a decisión de pechar as unidades de Ensino Secundario (ESO) e trasladar as mesmas a IES Ribeira do Louro , en contra da opinión da ANPA, quen convocara o pasado xoves, día 22 una manifestación no Porriño baixo o lema ‘Non ao peche da ESO do CPI da Ribeira’, mobilización apoiada pola alcaldesa, o Goberno local e os representantes do BNG, Pedro Pereira, EU-SON, Pedro Ocampo, e do Grupo Municipal de Non Adscritos, Sabela Landín.
O Concello do Porriño, súmase á celebración do Día do Orgullo LGTBI, “no seu compromiso coa igualdade de dereitos de todas e todos os cidadáns, sexa cal for a súa orientación afectiva e/ou sexual ou identidade de xénero”.
O Porriño engade o seu nome á campaña “Celebramos a diversidade” impulsada pola directiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), da cal a alcaldesa, Eva García de la Torre, forma parte, e que hoxe volve a pedir “Respecto, Dignidade e Autoestima para todas as persoas”.
Ano a ano son máis os concellos galegos que contribúen coas súas políticas á non discriminación de calquera colectivo. “Nós sumámonos a este sentir común e animamos aos concellos a unirse á visibilización desta causa a través da celebración de actos de apoio ó Día do Orgullo LGTBI”.
Este 28 de xuño, as cores do arco da vella lucirán diante de moitas casas consistoriais e a alcaldesa do Porriño súmase á petición da Federación Galega de Municipios quen anima ás galegas e galegos a que participen nos actos programados nos seus concellos, nun chamado conxunto á igualdade e á diversidade.