55 veciños do Porriño visitan Balaídos invitados polo Celta e asisten ao partido contra o Betis

Cincuenta e cinco veciños do Porriño visitaron este luns o estadio de Balaídos e asistiron ao partido entre o Celta e o Betis-que gañaron os celestes por 3 goles a 2-, dentro do programa ‘Eurorrexión Celeste’, impulsado polo clube.

Os asistentes, entre os que estaban a alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, visitaron o Museo do Celta e tiveron ocasión de pasar uns minutos co presidente do clube, Carlos Mouriño.

@regades confirma nunha visita ao Porriño que a vila disporá de case 2 millóns de euros do Plan Concellos da @depo_es

O deputado de Cooperación, David Regades, confirmou este xoves, na súa visita ao Concello do Porriño, que a Deputación de Pontevedra porá este ano a dispor do goberno municipal de Eva García de la Torre, case 2 millóns de euros co Plan Concellos. “Estamos a falar dunha inversión moi importante, dixo o deputado, 1.883.863,81€, dos cales 1,1 pertencen ao Plan 2018 e o importe restante ao adianto da liña 1 do 2019”.

Regades, quen estivo acompañado tamén polo tenente de alcalde e concellerio de Deportes e Vías e Obras, Manuel Carrera, sinalou que “a nosa aposta está clara, un incremento dun 88,4% respecto ás inversións do Plan no 2017, para que o goberno poida afrontar proxectos de envergadura, grandes actuacións pensadas para a veciñanza”.

O deputado de Cooperación tamén sinalou que “con esta decisión de sumar este ano o diñeiro da LIÑA 1 do Plan 2019, os concellos poderán planificar moito mellor as súas necesidades e, amais, facémolo coa marca propia deste Plan: o total respecto á autonomía local. Son os Concellos os que deciden os proxectos que fan cos cartos provinciais. Non decide a Deputación, deciden eles porque nós cremos que son os alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras, os que mellor coñecen as necesidades dos seus pobos”

A remodelación e humanización da Avenida de Galicia, a entrada ao concello do Porriño, será un dos proxectos estrela de este ano que se financiará co Plan Concellos. “Hai que agradecer, dixo Regades, que o concello dedique as achegas da Deputación a proxectos como este porque falamos dunha obra de humanización que vai cambiar a vila, vai transformala para que as rúas deixen de ser lugares onde os vehículos son os protagonistas a espazos para o goce das veciñas e dos veciños”.

Pola súa banda, a alcaldesa, agradeceu o esforzo da Deputación. “O goberno provincial e nós temos unha forma de ver as cidades moi parecidas e por iso propuxemos investir as achegas na transformación desta vía de entrada ao Porriño para que sexa máis humana, máis compatible co uso do espazo público por parte da cidadanía”. García de la Torre subliñou que se vai reformar o Parque da Alameda e realizaranse actuacións na mediana e beirarrúas, con árbores e espazos máis atractivos e acondicionados para as veciñas e veciños.

Plan de Reequilibrio

O deputado, a alcaldesa e o tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras e Deportes,  tamén visitaron as instalacións de atletismo da Granxa, acompañados pola directiva do Club de Atletismo, que serán reformadas ao abeiro do novo Plan de Reequilibrio da Deputación. As obras, cun orzamento dun millón de euros, serán cofinanciadas pola institución provincial con 800.000€.

O proxecto elixido polo concello, que Regades definiu como “unha aposta de futuro que dará un enorme impulso ao deporte do Porriño”,  dotará aos e ás integrantes do club dunhas instalacións óptimas para os seus adestramentos. Amais, as obras que está previsto que rematen no verán do 2019 servirán para homologar a pista con vistas a acoller competicións oficiais.

Na actualidade, a parcela posúe un campo de fútbol e unha pista perimetral que se usa para adestramentos pero carece das medidas necesarias para competición e do pavimento axeitado. Executarase un módulo cuberto con unha recta de 6 rúas de 60 m de lonxitude e unha pista homologada, e contará cunha cuberta dotada de lucernarios que permitan o paso da luz natural. Amais, dotarase da iluminación necesaria para o desenrolo de competicións e adestramentos e prevese a posible instalación dun sistema de “fotofinish”. Na parte central da pista executarase un módulo de lanzamento de peso cun aro de formigón provisto do aro de seguridade. O entorno terá un espazo verde de céspede que integra a instalación coa súa contorna.

A alcaldesa puxo en valor o proxecto nunha vila xa coñecida pola súa importancia no deporte.  “Nos vai permitir prestar servizos relacionados co deporte á cidadanía, incrementando a súa participación e impulsando a atracción de grandes eventos deportivos ata O Porriño”, dixo.

O Plan de Reequilibrio é unha iniciativa, con bases claras, transparentes e obxectivas, dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, para poñer en marcha novos investimentos en dotacións singulares. A través deste plan beneficiaranse 25 concellos para os que a Deputación inviste un total de 15 millóns de euros.

Este mércores, no Pavillón Municipal do Porriño, con entrada de balde, partido das seleccións absolutas de Galicia e Arxentina de balonmano

A selección galega absoluta masculina volverá enfrontarse a Arxentina, nesta ocasión no Pavillón Municipal do Porriño, este mércores, día 10 as 8 e media da tarde, con entrada libre.

Hai que lembrar que este luns Galicia empatou contra o combinado arxentino no Rosal (22-22), nun choque no que foi sempre por diante no marcador.

O combinado galego, dirixido por Quique Domínguez, ten moitas novidades con respecto ao equipo que xogou onte, xa que os xogadores do BM Cangas non poden acudir á cita cos galaicos. Desta forma, a selección está formada por un núcleo moi importante de deportistas do Teucro, mesturados con membros do Novás, BM Lalín, Academia Octavio e OAR, para facer así un conxunto de bo nivel.

Enfronte estará un gran equipo dirixido por Manuel Cadenas, que está a comezar a preparación do ciclo olímpico. O conxunto arxentino está de xira por España, onde participou no Memorial Domingo Bárcenas. Neste torneo venceu a Polonia (por vez primeira) e plantou cara a España. O terceiro partido contra Bielorrusia foi o máis frouxo, e rematou na terceira posición do torneo con dous puntos.

O pasado ano, Galicia tamén xogou no mes de xaneiro, nesta oportunidade contra Xapón e logrou ofrecer un magnífico espectáculo, vencendo nun partido aos asiáticos e empatando o segundo.

O Concello do Porriño e a Deputación asinan un convenio por un importe de 800.000€ para levar adiante a actuación no módulo de atletismo que ten un coste de 1.000.000€

Carmela Silva asinou está mañá 21 convenios cos alcaldes e alcaldesas da provincia dos 25 concellos que disporán de 15 millóns de euros para obras singulares dentro do Plan de reequilibrio territorial do ente provincial.

A presidenta da Deputación subliñou a “celeridade” da administración provincial para  poñer a disposición dos concellos estes fondos e a dos concellos en aprobar os seus proxectos que permitirán que os entes locais podan, de maneira inmediata, licitar as obras incluídas neste plan.

No caso do Porriño, a Deputación de Pontevedra achegará 800.000€, como sinala o convenio asinado pola alcaldesa, Eva García de la Torre, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, para levar a cabo a actuación no módulo de atletismo, cuxo custe total é de 1.000.000€.

A presidenta da Deputación, acompañada pola alcaldesa, Eva García de la Torre, inaugura as melloras do Campo de Fútbol do Carballo, en Atios

A presidenta da Deputación, acompañada polo deputado de Cooperación, David Regades, e pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o Concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiu esta mañá á inauguración das novas obras do Campo de Fútbol do Carballo, instalacións empregadas polo U.D. Atios onde habitualmente adestran máis de 250 deportistas de equipos de todas as categorías.

No acto, Carmela Silva subliñou a importancia destas obras sinalando que “demostran o noso compromiso total e absoluto co deporte, porque constrúe sociedades mellores onde nenas e nenos aprenden moitos valores e porque neste século o deporte xa converteuse nunha revolución social. Con estas obras pasamos dun campo que estaba en condicións deplorables a un espazo moi digno para nenos e nenas, porque aquí hai nenas e ten que haber moitas máis xa que nós apostamos por equipos mixtos”, dixo a presidenta, que agradeceu ao Concello do Porriño esta aposta “unha decisión máis que adecuada e que a mi como presidenta me fai moi feliz”

Eva García de la Torre, agradeceu á presidenta da Deputación “a empatía coa que recibe este tipo de solicitudes. Estamos a falar dunha infraestrutura deportiva que era imprescindible mellorar e con fondos propios do Concello sería moi difícil. Era un campo que non so estaba en condicións espantosas, senón que ademais causaba lesións aos rapaces e ás rapazas que xogaban aquí. É unha obra fantástica e unha inversión moi importante”, sinalou.

As obras da reforma fixéronse ao abeiro do Plan Concellos 2016 e a cos fondos do PICEI cun importe total de máis de 100.000€. Co Plan Concellos levouse a cabo a construción dunha edificación baixo as gradas existentes para ao equipamento existente de vestiarios, aseos  e outros servizos necesarios para o seu normal funcionamento.

Con estas obras, orzamentadas en 70.464,90 euros, dótase a planta baixa de dous vestiarios principais para xogadores de distintos sexos, dous máis para os equipos das escolas de fútbol e outros dous de árbitros. Así como dous almacéns, unha sala de masaxe e oficinas. Os dous vestiarios con maior superficie contan cun aseo adaptado independente.

En canto á obra realizada ao abeiro do PICEI, valorada en 30.221,93€, fíxose unha grada de 40 x 7 m en formigón prefabricado e dotada dunha cuberta curva autoportante de chapa prelacada, catro bancadas de formigón e peche posterior. Tamén executouse unha explanada de aglomerado asfáltico, unha caseta de baños públicos, unha beirarrúa cuberta de acceso a vestiarios.

O deportista Daniel Fernández fai unha parada no Porriño na súa ruta de 180 quilómetros en bici, nun so día, para darlle visibilidade ao Alzheimer

Daniel Fernández Cerzón fixo unha parada este venres no Porriño na ruta que comezou hoxe e e que ten coma obxectivo darlle visibilidade ao Alzheimer e, ao tempo, recadar fondos para a Asociación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga).

O deportista de Gondomar, que saíu de Vigo ás 9 e media da mañá tiña coma desafío facer 180 quilómetros en bicicleta seguindo por Redondela, Mos, Porriño, Ponteareas, Salceda, Tui, A Guarda e Nigrán e volvendo a Vigo.

Daniel, que foi recibido diante do Concello pola alcaldesa, Eva García de la Torre, a concelleira de Igualdade e Benestar, Soledad Girón, o concelleiro de Comercio, Medio Ambiente e Urbanismo, Marcelino Coto, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, ademais doutros representantes da asociación, xa completara outros dous desafíos igual de duros: o pasado mes de maio estivo correndo 24 horas sen parar por Praia América e o mes pasado fixo o mesmo no Parque de Castrelos, en Vigo.

Suspendida a actividade de ‘Ciclismo Infantil’ programada para este sábado, día 16, nas pistas de Torneiros

Manuel Carrera, concelleiro de Deportes, informa de que a actividade de Ciclismo Infantil, programada para este sábado, día 16, ás 4 e media da tarde nas pistas de Torneiros, ven de suspenderse.

O Club Ciclista Spol informou o pasado 28 de agosto á Federación Galega de Ciclismo que renunciaba a esa proba y non o comunicou ao Concello ata esta mesma semana cando na data deste sábado a Federación xa programara outra proba en Ponteareas, polo cal non se podía organizar xa a do Porriño.

Manuel Carrera confirma que as outras probas anunciadas están confirmadas. O venres, día 29 deste mes, ás 8 da tarde, polo casco urbano do Porriño, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’, que este ano conta cunha novidade: a participación de ciclistas de categoría cadete, e a ‘Festa da Bicicleta’, o domingo 1 de outubro, dende ás 10 e media da mañá, con saída dende a Praza de Antonio Palacios.

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo das ‘Festas do Cristo’ será polo centro do Porriño o venes, día 29, dende as 8 da tarde

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo, que forma parte da programación das Festas do Cristo, disputarase na data anunciada: o venres 29 de setembro, dende as 8 da tarde, pero será polo Centro do Porriño e non nas Pistas de Torneiros, como se anunciara.

As demais probas ciclistas manteñen os lugares, datas e horarios, adiantados na presentación das Festas do Cristo e que figuran nos programas oficiais: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media da mañá dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

Preto de 80 actos, actividades, actuacións ou probas deportivas, propostas do programa das ‘Festas do Cristo 2017’

Preto de 80 actos, propostas, actividades, actuacións ou competicións deportivas, están previstas durante a duración das Festas do Cristo deste ano que abrangue máis aló dos días centrais das mesmas chegando ata o vindeiro 1 de outubro, data na que está prevista a celebración do Encontro Internacional de Aeromodelismo, por suposto en Pontellas.

Segundo salientou este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, na presentación do programa, as Festas do Cristo 2017 queren “chegar a todas as veciñas e veciños e atender a a diferentes sensibilidades e os gustos”, co único obxectivo de que os asistentes ás mesmas pasen unhas horas de lecer.

Acompañada por representantes de  ‘Montando O Cristo’, ‘O Cristo do Rap’ e a cantante local Xoana, que terán un importante papel nas propostas desta edición das Festas, a alcaldesa subliñou que nas mesmas haberá exposicións, teatro, concertos- coma os de Antonio Serrano, Argonad Band, Xoana e MQM Band, Uxía & Javier Ruibal ou Camela; pasando por DJ, bandas de música-coma as de Vincios, a Agrupación Musical do Rosal, A Cultural de Arcade ou a Unión Musical de Valladares-, charangas, unha Festa Medieval, , orquestras, espectáculos de humor, coma o que protagonizará Cándido Pazó, espectáculos para cativos, xigantes e cabezudos, o Festival da Cultura Urbana ‘O Cristo do Rap’, o Festival de Rock ‘Montando o Cristo’ e os actos relixiosos dende o día 22, co punto central ca Procesión do Santo Cristo da Agonía o día 24.

García de la Torre salientou a importancia do deporte, “con maiúsculas”, nas Festas do Cristo deste ano, con encontros de Balonmán, feminino e masculino, Patinaxe, Fútbol, co Torneo Festas do Cristo, Tenis, Kung-Fu, Atletismo, Gimnasia Rítmica, Baloncesto, Aeromodelismo ou Ciclismo.

En relación con esta última disciplina, a alcaldesa quixo acabar con todas as dúbidas e comentarios xurdidos nos últimos días e subliñou que “disputaranse todas as probas e concentracións tradicionais”: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’; o venres día 29, no mesmo lugar, ás 8 da tarde, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

A rexedora, logo de insistir en que as Festas do Cristo “queren integrar a todo o mundo”, repetiu que “son para que todos bailemos, para que esteamos en moitos lugares, para que non paremos, para que nos movamos e para que o pasemos ben”.